Españolísima lei


Os movementos lexislativos do PP caracterízanse tanto polo exceso de carga ideolóxica como pola inseguridade, descoordinación e desconcerto que transmiten ao exterior. Resulta ben rechamante que tanto a contrareforma da lei de interrupción do embarazo como a contrareforma do sistema educativo queden atascadas en momentos supostamente decisivos da súa tramitación.

No caso da LONCE -a lei Wert por sempre eternamente- o parón prodúcese despois de verificar, na rúa, nos centros educativos e nos medios de comunicación, que é unha lei que conta só co apoio decidido do seu ministro impulsor, nin sequera co dos seus compañeiros de partido, nin sequera co do seu irmán. É, realmente, a lei Wert, literalmante, en exclusiva.

Para nós é  relevante que esta iniciativa e a resposta cidadá coincida no calendario co mes das letras galegas e con toda o aparato oficial de un día para o galego e 364 para o imperio. A lei ten un clarísimo compoñente de recentralización e limitación dos dereitos lingüísticos das comunidades con “outra” lingua oficial.

Non é só  que o proxecto lexislativo sexa invasor de competencias –cando menos restritivo con respecto á capacidade normativa que tiñan as comunidades autónomas na regulación do sistema e dos seus contidos. Hai máis; a lei Wert non ten en conta que España é signataria da Carta Europea das Linguas, que está en vigor desde 2001, unha Carta que compromete a promocionar esas linguas distintas da principal do Estado e a eliminar calquera restrición ou dificultade no seu uso como linguas cooficiais.

No fondo está  ese sentimento expansivo e asimilador, coa teima de que a diversidade é imposible de xestionar, especialmente a diversidade de linguas. Ademais latexa outro prexuízo ideolóxico: o de que os alumnos e alumnas das comunidades que introducen de maneira intensa a lingua propia como vehículo de aprendizaxe na escola, saen mal preparados en “lengua española”. Os estudio e informes PISA demostran o contrario, pero a ideoloxía patriótica española, a perspectiva centralista, pode con calquera estudio empírico.

Se a sinatura da Carta Europea é un acto leal, o que deberían estes expertos saber é  outra cousa: os estudos demostran que só os alumnos e alumnas con intensa presenza e uso efectivo do galego –ou da lingua minorizada de que se trate- na casa e na escola acadan de certo unha destreza similar e equilibrada nas dúas linguas. O resto do alumnado é, como por outra parte quere Wert e o seu conselleiro de educación en Galicia, que a mocidade sexa monolingüe castelán.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Editorial. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s