Do estigma á estima, conversa con Valentina Formoso.


D.L.M.

Cómpre buscar estratexias para mudar as representacións negativas sobre o galego”

Do estigma á estima” é o título do ensaio sobre “propostas para un novo discurso lingüístico” que, neste mes das letras galegas, presentou a nosa colaboradora en Irimia Valentina Formoso Gosende. No seu libro, editado por Xerais, Tina escribe desde a súa rica experiencia como docente, como filóloga que observa e vive a realidade do país e, o que é máis importante, como persoa que practica o “estraño”empeño de ser, de maneira sólida e natural, unha cidadá galego-practicante. Conversamos con ela de cousas diversas que nos suxire a lectura do seu libro.

Tina, partes dunha análise da situación na que detectas a existencia de ”discursos falsamente optimistas” sobre o galego, que non fan moito pé na realidade. Quizais a cuestión se percibe de maneira diferente cando quen escribe é alguén que trata de “practicar” no día a día o que outros declaran “unha cuestión superada” isto é, a posibilidade efectiva, incluído o condicionamento psicolóxico,  de vivir e traballar en galego en Galicia

Si, cando comecei a investigación quería comprobar de maneira científica unha impresión que constataba a diario no traballo (e fóra del): a realidade do galego non era, de feito, tan positiva como se dicía no discurso sobre o galego. E precisamente quen o comprobaba, e aínda o comproba, eran –eramos- os galegofalantes, que percibimos que en realidade non se pode vivir en galego igual que se vive en castelán. Hai un sector da poboación que pensa que o galego xa avanzou abondo, xa cumpriu sobradamente, nos últimos 30 anos, os obxectivos da Lei de normalización lingüística de 1983, ao se incorporar a ámbitos nos que antes non tivera presenza e onde o seu uso é en moitos casos ritual (por exemplo na política ou na administración), mais non admiten que “pase” xa máis de aí. Polo tanto parécelles que os que pretendemos vivir e traballar na nosa lingua na nosa terra, esiximos demasiado, de feito, acúsannos de pretender “impoñer” o noso idioma.

Na presentación comentaches como as ideas preconcibidas da xente nova de hoxe sobre o galego mudaron, en realidade,  moi pouco con respecto ás de antes. Falabas dunha rapaza amargada pola idea de que o seu acento galego era unha eiva para poder participar en “Operación triunfo”. Os cataláns non teñen ese problema. Que nos pasa?

Por unha banda, fáltanos estima, algo que os cataláns posúen en maior medida ca nós. Teñen estima da súa lingua e teñen, sobre todo, unha autoestima alta como pobo. E iso é fundamental. Con todo, tampouco hai que pensar que para o catalán é todo mel sobre filloas. Tamén hai nos territorios cataláns, sobre todo na comunidade valenciana, quen manifesta actitudes negativas moi semellantes ás nosas. Hai un libro moi bo que se titula Sortir de l’armari lingüistic feito por dous psicólogos que mostra unha casuísta de converxencia dos catalanfalantes cara aos falantes monolingües de castelán que ten moitos parecidos co que fan moitos falantes de galego.

Por outra banda, o denominado por Moreno Cabrera “imperialismo lingüístico” do castelán leva moitos anos estendendo, con moito éxito, a súa ideoloxía lingüística e conseguindo que teñamos asumido que o castelán é unha lingua “mellor” ca o resto de linguas “rexionais”. E en Galicia esta ideoloxía tivo sempre os altofalantes moi ben sintonizados e moi ben orientados. Logo as circunstancias socio-económicas fixeron o resto.

Cada caso é distinto, pero é inevitable comparar. Mirando para outros lados atopamos diversos espellos nos que mirarnos. Por exemplo, está o gaélico irlandés, convertido nunha lingua dos territorios extremos do seu antigo mapa, un símbolo do patrimonio cultural que todos recoñecen, algúns coñecen e poucos usan, desaparecido en combate –ou sen combate- do espazo urbano e da xente nova onde o predominio do inglés é absoluto; temos o flamengo, revivido e pleno nunha parte de Bélxica, país que optou por aplicar o de “un territorio, unha lingua”; e temos o caso catalán, que nun contexto legal semellante ao galego –con matices, por suposto- parece confirmar un renacemento que fai pé, diriamos, nunha “vontade colectiva de ser e sobrevivir”.  Como estamos nós? Como incorporar en positivo esas ganas de ser e sobrevivir?

Hai cousa dun mes coñecín a unha investigadora irlandesa, Bernadette O’Rourke, que analizou as actitudes de galegos/as e de irlandeses/as cara á lingua e comprobou que eran moi similares. As actitudes son manifestación sempre do imaxinario social existente cara á lingua que é o que tamén configura as ideoloxías lingüísticas. O imaxinario arredor do galego e do irlandés configúrase por unha serie de representacións negativas que temos da lingua propia que se foron implantando a partir de quen, durante séculos, foi difundindo unha ideoloxía lingüística que situaba o castelán (e o inglés) como linguas “teito”, como linguas de “prestixio” e estigmatizou as linguas propias e os seus falantes. E así estamos aínda nós, porque nos falta o que ti dis “vontade colectiva de ser e sobrevivir”. Como o conseguimos? Primeiro entendendo que somos galegos porque temos un idioma que nos identifica como colectivo, discurso que se encargaron ben de rachar e que fai que unha parte moi importante da poboación non sinta a lingua como sinal de identidade. Logo buscando unha planificación común que nos leve a traballar a todos na mesma dirección creando ese marco normalizador no que unha maioría da poboación se poida sentir integrada e queira, en positivo, sobrevivir.

O teu ensaio parte dun traballo con “grupos de discusión”  cos rapaces. Afirmas que os estudos de “enquisas” cuantitativos, non detectan os prexuízos e ideas preconcibidas, os “marcos mentais de referencia”. Que claves nos achegan eses grupos de discusión?

Achegan o que realmente pensa a sociedade. O grupo de discusión é unha técnica que comezaron a empregar os publicistas para detectar que produtos poderían ter máis éxito no mercado e funciona moi ben para saber como pensan determinados grupos de persoas. Conseguen poñer os participantes nunha situación na que acaban manifestando o que realmente senten. Se ben comezan os seus argumentos por cuestións “politicamente correctas”, acaban logo contradicíndose cando falan das súas accións e as xustifican. Os acordos que se acadan dentro dos grupos (que poden estar formados por entre 5 e 10 persoas) son os discursos que teñen asumidos os grupos aos que representan, que teñen certa heteroxeneidade (neste caso: sexo e lingua habitual) pero que coinciden en determinadas características sobre as que interesa investigar (idade, nivel de estudos e residencia en zonas galegofalantes).

Estes grupos deixaron á vista o que pensan a maioría dos adolescentes sobre a súa lingua: un imaxinario maioritariamente negativo sobre o galego; e as actitudes que –en consecuencia- manifestan, destacando a inseguridade que os falantes teñen foto 3(pensan que non saben falar) ou a “amabilidade lingüística” (mudando sempre de lingua cando alguén que lles entende lles fala en castelán).

Un aspecto esencial, segundo indicas no teu traballo, é desvincular o galego de “representacións negativas” e asocialo a “representacións positivas”. Que fórmulas, que pequenas estratexias podemos e debemos empregar aos diferentes niveis?

Primeiro dármonos conta de cales son esas representacións negativas que aínda pesan na sociedade e que configuran o imaxinario social sobre o galego. Hai xente que cre que agora xa ninguén pensa que o galego é de paifocos, pero os adolescentes galegofalantes perciben que si, que se falan galego en contextos urbanos se rin deles. Isto é só un exemplo. Eu analicei unha serie de representacións que xa tiña detectado en traballos previos con adultos (lingua do rural, das clases sociais baixas, do rexistro coloquial, dos nacionalistas…) que son as que fan que os falantes reneguen da súa lingua fóra do seu contexto ou dentro del con persoas que falan castelán. O que cómpre é buscar precisamente estratexias para mudar a maioría delas. Eu fago algunhas propostas e aposto por facer cambios no ámbito do ensino, tanto na materia de lingua galega propiamente dita (que se centra fundamentalmente no léxico e na gramática e moi pouco –ou nada- na fonética e na sintaxe, algo que os galegofalantes dominan á perfección) coma no resto das materias onde a nosa lingua –cada vez menos, por certo- é vehicular, onde –moitas veces por falta de formación- se segue a castigar os falantes, insistíndolles en que “falan mal”, o que deriva nunha inseguridade que acaba ao final facendo que os falantes abandonen a súa propia lingua.

Mais fóra do ensino hai tamén que dedicar esforzos en valorar os falantes, a todos, traballando por superar todas as representacións negativas (por exemplo as que ligan o galego a unha ideoloxía política e partidaria concreta), e potenciando representacións positivas que poden pasar por reivindicar o rural en positivo, e, sobre todo, valorando a nosa cultura propia. Non se vai manter a lingua sen unha cultura á que ten que ir ligada.

En todo caso, entre os feitos diferenciais do galego, está a nosa proximidade física e lingüística, mesmo cultural e antropolóxica,  ao portugués, que si é unha “lingua universal”, de acordo cos prexuízos máis comúns. Non é esa unha fortaleza enorme que aínda non foi suficientemente explorada e explotada?

Efectivamente. A potencialidade que nos ofrece o portugués, achegándonos a millóns de falantes no mundo non foi explotada. E desde logo é fundamental que se comecen a programar actividades que amosen claramente a semellanza entre o galego e o portugués e que lles mostren ao alumnado en particular e á sociedade en xeral que, se saben galego, son quen de entender o portugués e de facerse entender nel. Que comproben que a afirmación dos lingüistas de que un galegofalante e un lusofalante entenden o 85% dunha conversa espontánea entre eles non é ningunha retórica baleira.

Mais tamén hai que ter presente que para que esta idea cale como normalizadora na sociedade, e neste momento empeza a facelo entre algún sector que ve posibilidades de negocio en países emerxentes (Brasil, Angola e mesmo Mozambique), cómpre que o imaxinario sobre os países lusófonos –pobres, máis pobres ca nós- mude. Porque seguen a estar estigmatizados e por iso a súa “lingua universal” non é envexada como as outras. Hai un discurso establecido que louva o castelán por abrirnos as portas a millóns de falantes, a maioría tamén de países pobres, mais non se emprega este argumento para o portugués. Agora comeza a tirarse da idea enfocándoo ao ámbito empresarial, mais non é o mesmo que a sociedade perciba que o galego lle facilita puntualmente os negocios a algunhas empresas, e/ou directivos e traballadores de empresas, ca que esta nosa sociedade asuma que lle interesa o mundo irmán da lusofonía.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

One Response to Do estigma á estima, conversa con Valentina Formoso.

  1. Pingback: Do estigma á estima. | Aí falaches!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s