Daniel López
Unha vez que fixemos unha encarga de alimentos –carne de becerro criado na casa, mel, requeixo e patacas- á cooperativa San Cidre, aló polas parroquias da montaña en Abadín, aconteceu que dentro do saco das patacas viña una notiña ben simpática. Era algo así: estas patacas foron cultivadas con moito cariño e traballo, sen produtos químicos, só esterco. Esperamos que as apreciedes ben e que vos presten”. E asinaban “Manolo e Delia”.
Pois si. As patacas que nos trouxo Jorge, o da San Cidre, eran colleita de Manolo, do noso Manolo irimego, o Manolo Regal, poeta das mans na terra, esculcador do Deus-das-pequenas-cousas, teólogo labrego, compañeiro de Delia e pai de María e, ademais, o cura que nos casou. O cinco nun. Unha boa oferta.
Poucos poden dicir nesta vida que encargasen vinte quilos de patacas a una cooperativa e resulta que veñen cunha nota do seu produtor directo, que resulta ser, ó chou, o cura que os casou; unha nota escrita a man, a xeito de marketing enxebre, que asevera que foron cultivadas con traballo agarimoso e auténtico esterco de rubia galega. Estaban ben boas, por certo.
Manolo e Delia son outra mostra de vida anticrise. Hai vidas por aí, e algunhas chegan a facerse ben “populares” e mediáticas e outras non tanto, que son vidas-pro-crise. Metéronnos nunha dinámica tola de cobiza ilimitada, gasto dispendioso, consumo inxente de recursos, iates e mansións, corrupción a cada paso. Son vidas lamentables presididas polo “eu”, formas de existencia que se se extrapolaran a toda humanidade, este planeta non tería recursos -nin paciencia- para dous telexornais.
Pero hai outras vidas. Moitas. Nesas outras hai preocupación feliz pola xente, hai traballo calado e fondura, hai coidado das cousas, dos medios escasos, da enerxía. Hai sentimento e palabras con sentido. Hai solidez e sobriedade. Hai prioridades ben seleccionadas. E se todo o mundo vivise esas vidas podería haber outras crises, pero non estas, e o planeta chiscaríanos un ollo cada solpor. Un “ben feito, graciñas” en forma de raio verde.
O caso que me acordei de Manolo e da súa vida anti-crise, porque está superando unha crise de saúde, acabado de saír dunha complicada operación. Todo o noso agarimo e o desexo de que chegue con forzas á próxima colleita de patacas. Pois iso, que hai que coidar a vida e, máis aínda, a vida de que sabe coidar da vida. Ánimo, logo, Manolo.