CRÓNICA. ASEMBLEA DE CRENTES GALEGOS 2013


J. A. Martínez. foto_2

Un solleiro sábado de abril acolleu en Vilán (Fornelos de Montes) ás persoas participantes na Asemblea de Crentes Galegos. A casa que a parroquia Cristo da Vitoria puxo a disposición das asistentes demostrouse un marco ideal para a realización das xornadas. Recentemente reformada grazas ao traballo desinteresado de moitas persoas da parroquia, a casa combina a comodidade das estanzas interiores co espazo da finca circundante, o que permite a celebración de moitas actividades parroquiais, así como encontros como esta Asemblea de Crentes Galegos. Un ano máis as comunidades de base de Galiza estaban chamadas a participar nesta asemblea. A Asemblea de Crentes Galegos, máis que unha asemblea propiamente dita, organízase como un encontro onde todas e todos podan compartir momentos de formación, debate e oración. Unhas cincuenta persoas participaron este ano en Vilán, mais á Asemblea busca potenciar este encontro e achegar á máis membros de comunidades de base doutras zonas de Galiza.

Transformando o capitalismo

foto_1Diego Lores, da Oficina de Dereitos Sociais da parroquia Cristo da Vitoria de Vigo, guiou cun relatorio a xornada matutina. Baixo o título, “Transformando o capitalismo: a renda básica das iguais”, o relator presentou as liñas xerais do que se entende por renda básica das iguais e da viabilidade da súa aplicación na actualidade. Na súa presentación estivo moi presente á realidade na que está a intervir como voluntario na ODS de Coia, mais sen renunciar ao punto de vista teórico, do que deu boa proba coma coordinador do traballo “Repartindo a nosa riqueza”, un estudo sobre a viabilidade da aplicación da renda básica das iguais no noso país. Até 1995 a Renda Básica era case que descoñecida no Estado español. Mais nos últimos tempos están a xurdir moitas iniciativas lexislativas populares que reivindican este principio para promover cambios lexislativos (no Parlamento Europeo, ou como as recentes que se promoveron nos parlamentos de Extremadura, Andalucía ou Cataluña).

Mais, que se entende por Renda Básica? Consiste no dereito que ten cada persoa a percibir unha cantidade periódica para cubrir as súas necesidades materiais, sen ningunha condición que as limite. Esta Renda baséase sobre tres piares básicos: é un dereito individual, que vai gozar cada cidadá/n; é un dereito universal, sen que existan ningún motivo para que unha persoa sexa excluída de percibilo; e é un dereito incondicional, xa que non está suxeita ao mercado de traballo nin ao nivel de ingresos de quen a recibe. Diego Lores insistiu que, deste xeito, todas as persoas percibirían a mesma contía a través da Renda Básica. Explicou que a cantidade concreta viría definida polo limiar da pobreza (que se establece no 50% da renda per cápita), o que a situaría na actualidade en 870 € por persoa. A Renda Básica permitiría redistribuír a riqueza, garantindo uns mínimos ás persoas que lles facilitarían avanzar na transformación social. De se implantar, observaríanse mudanzas fronte a tradicionais desequilibrios da sociedade galega: permitiría redistribuír a poboación no territorio, facilitando a vida no medio rural, así como rachar o tradicional desequilibrio home-muller.

Construíndo alternativas   foto_3

Un longo e frutífero debate en grupos seguiu ao relatorio. Compartíronse as bondades da proposta da Renda Básica, mais tamén se tiveron moi en conta as dificultades e as mudanzas fondas que se tiñan que dar na nosa sociedade para esta funcionar. Cómpre un transformación da mentalidade, unha mudanza cultural, posto que a Renda Básica vai alén do estritamente económico. Insistiuse en que a Renda Básica constituía en si propia unha ferramenta que podía contribuír a transformar o capitalismo. Ademais, melloraríanse as condicións de vida das persoas, favorecendo as relacións laborais (ao suprimírense as causas da actual explotación laboral) e melloras no uso do tempo persoal. O reparto da riqueza que traería esta Renda Básica, observábase como unha proposta coherente coa nosa fe. A súa posta en práctica faría que as dinámicas económicas que se defenden e practican en pequenas comunidades, levadas a unha escala máis grande, mesmo global, mudarían o feito de pensar e de actuar, transformando de raíz o sistema capitalista.

Provocando rebeldías

Un concurrido e animado xantar compartido corroborou que cando a comida se fai con agarimo se come máis a gusto. O alimento foi abondoso, mais a sobremesa se descubriu curta cando, xa próximos ás 16:00 h., houbo que dala por rematada para se dirixir á sesión vespertina. Redes Cristiás organiza a fins deste ano 2013 a súa IV Asemblea. Despois das que tiveron lugar en Madrid, Bilbao e Xerez, e seguindo con esa premisa de achegarse ás diferentes zonas do Estado español, para este ano pensaron na nosa terra, Galiza, como a responsable da organización do encontro. Josecho Barca, representante da Coordinadora de Crentes Galegos en Redes Cristiás presentou as liñas xerais da organización desta IV Asemblea, con todos os retos e o traballo que queda por facer. Baixo a lenda “Cambiando realidades, provocando rebeldías con Xesús de Nazaret”, reuniranse en Santiago de Compostela durante os próximos días 6 e 7 de decembro persoas dos diferentes grupos, comunidades e movementos católicos de base do Estado español. Nun momento de profunda crise económica e social, de expolio á grande maioría da sociedade, de conculcación de dereitos sociais básicos e cun forte retroceso das liberdades, desde Redes Cristiás entenden que é o momento de provocar rebeldías: compartidas, solidarias, enredadas, que sexan capaces de pór freo a esta situación inmoral que estamos a vivir, de degradación económica e social, que está a afectar á maioría da poboación. Os vindeiros 6 e 7 de decembro haberá tempo para traballar estas rebeldías a partir dos nove obradoiros que se están a preparar, no que se abordará o tema desde múltiples perspectivas. Mais non será todo traballo, tamén haberá tempos de lecer, que facilitarán os momentos de coñecemento e de compartir entre os participantes, así como a celebración da asemblea propiamente dita, onde se fixarán as liñas prioritarias de Redes Cristiás para os seguintes 2 anos. Non faltará, por suposto, o apartado celebrativo, que nesta IV Asemblea será animada por persoas da parroquia do Cristo da Vitoria de Vigo.

Esta Asemblea de Crentes Galegos rematou celebrando a fe ao aire libre, baixo unha boa sombra. Lembrouse a incredulidade de Tomé, pediuse perdón polas faltas de confianza dos alí presentes, que terminaron proclamando xuntos a fermosa pregaria de Manolo Regal que, a pesar de como están as cousas, “Cremos na Resurrección, cremos na Vida”.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Crónica coas etiquetas , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s