ENTREVISTA
Conversa con Roi Vidal Ponte, dramaturgo

Roi Vidal Ponte, filólogo, integrante do grupo Ataque Escampe, dramaturgo é tamén un especialista na obra de Roberto Vidal Bolaño. A bioloxía quixo que sexa fillo do escritor lembrado este ano no Día das Letras e mais de Laura Ponte, actriz; a xenética seleccionou a súa inclinación como autor teatral e estudoso da obra bolañesa, dedicación que agora compaxina co labor de axudante de dirección na obra Días sen gloria, que acaba de estrear o Centro Dramático Galego. A compañía institucional -que Bolaño contribuíu a crear- dedícalle este ano, en exclusiva, a súa tempada.
Bolaño foi un home que se achegou ao feito teatral desde moitos puntos de vista, non si?
Os entendidos sinalan que foi un autor factótum, é dicir, que se tivo que dedicar -á parte de escribir teatro- a todo o resto de facetas que teñen que ver coa creación teatral: director de escena, actor (porque empezou sendo actor antes ca dramaturgo), iluminador, produtor (tivo ao longo da súa vida dúas compañías teatrais propias) e impulsor de asociacións e iniciativas que deron lugar á profesionalización do teatro galego e á creación do Centro Dramático Galego.
Houbo quen dixo que noutro país sería un ídolo. Que lugar consideras que ocupa na historia da literatura galega?
Si, dixeron que se Bolaño fose inglés e non galego había ser tan coñecido coma Shakespeare e que se no canto de ser dramaturgo fose novelista había ser tan coñecido coma Cervantes. Eu non sei se chega a tanto a importancia, pero o que si sei é que dentro do teatro galego é o que ten un discurso máis claro, unha traxectoria máis contundente, tanto pola calidade dramática dos textos coma pola variedade e polos camiños que estes textos foron abrindo.
O cine, outra paixón
Vidal Bolaño sufriu o veto do conselleiro Portomeñe. Como foi aquel episodio?
Unha das múltiples barreiras que tivo que sortear ao longo da súa vida foi un desencontro co teatro, que comezou sendo un desencontro coa clase política por unhas declaracións que el fixo na prensa e que non sentaron nada ben ao Conselleiro de Cultura, Portomeñe, naquela altura. Despois sentiuse afectado pola falta de apoios dos propios compañeiros de profesión e isto fixo que renunciase a dedicarse ao mundo do teatro e pasase a dedicarse ao que el sempre quixera, o cine. Como naqueles mediados dos 80 non había industria cinematográfica en Galicia -dende logo non coma a de agora- tivo que conformarse con meterse no mundo da publicidade. Aí aprendeu a montar, a escribir guións, a buscar localizacións… Recuperou ese espírito cinematográfico que xa manifestara cando, antes de dedicarse ao teatro, de mozo, formara parte do equipo LUPA, un dos primeiros grupos de cine afeccionado do país.
E iso condicionou a forma na que volveu ao teatro?
Si, porque eu creo que esta etapa en Olympus Comunicación e en CTV-Galaxia, que así se chamaban as empresas nas que traballou, serviulle para cando volveu a escribir teatro, ao que lle imprimiu trazos da linguaxe cinematográfica.
Como deu o paso á profesionalización da súa compañía?
Se hai algo no que todo o mundo coincide en que Bolaño ha pasar á historia é por ser o fundador -xunto con Laura Ponte, a súa muller daquela- da primeira compañía profesional do teatro galego: Antroido. Cando a Vidal Bolaño o despediron do Banco Comercial no que traballaba atopouse na conxuntura de ter que decidir de que ía vivir. Como xa tiñan un grupo afeccionado probaron a ver se en Galicia os teatreiros podían vivir de facer teatro.
Tamén loitou pola creación do CDG
Si, no ano 84 a xente de Antroido, xunto con outras compañías, formou parte do movemento que se xerou no país para ver se o Conselleiro de Cultura accedía a crear o Centro Dramático Nacional Galego, o que ía ser o CDG. Dentro da historia desta institución Vidal Bolaño tamén foi o primeiro autor galego ao que se lle representou unha obra, Agasallo de sombras, a segunda produción da compañía institucional, no ano 84.
Que importancia ten a obra Saxo tenor no seu regreso ao teatro?
Efectivamente, é un texto importante na traxectoria de Bolaño porque con el volveu ao teatro logo da paréntese da segunda metade dos oitenta. Con este texto gañou o premio Álvaro Cunqueiro e isto sérvelle de pulo para montar unha nova compañía, Teatro do Aquí, xunto con Belén Quintáns, que era a súa parella.
Trátase dunha homenaxe ao arrabalde, non si?
Si, e en concreto ao barrio de Vista Alegre de Santiago, no que se criou el. Está cheo de personaxes estrafalarias típicas dos arrabaldes da Compostela. Saxo tenor xoga a dialogar coa literatura popular, co cine negro, co thriller de intriga e ten unha trama baseada nun asasinato que aparece envolto nun clima de tolemia propio dun ambiente marxinal.
Compostela e o camiño
Santiago ten unha importancia capital na obra de Bolaño.
Tanta que lle dedicou varias das súas obras. Importante é a cidade, pero tamén o camiño. El tivo moito interese en lendas relacionadas co camiño de Santiago e tamén foi actor nunha serie documental na que facía de peregrino.
Sobre o camiño, á parte de Días sen gloria, destaca As actas escuras.
Desde logo. El informouse sobre a “inventio” dos restos do apóstolo e escribiu As actas escuras, que el consideraba o seu mellor texto. É unha visión crítica de todo este “tinglao”, como diría el, que temos montado na catedral ao redor dos restos que hai aí e que non se sabe de quen son. Escribiu Doentes, que é unha homenaxe a Luces de Bohemia de Valle Inclán pero tamén á Compostela bohemia dos anos 50. E tamén hai fragmentos espallados polo resto de obras, mesmo en proxectos que non viron a luz, coma unha obra sobre as dúas Marías, que enchían de cor o branco e negro da ditadura franquista en Compostela. Tamén aparece en teatro infantil coma Touporroutou da lúa de do sol. Foi un escritor que fixo da cidade da que naceu un motivo literario.
Aldegunde Quiñones
Permitide que reflexione un momento sobre esa súa obra que supuxo un dos momentos máis felices da súa vida. Está baseada en dous dos grandes fitos do teatro galego, Os vellos non deben de namorarse e A fiestra baldeira, pero o éxito non se debeu a eses ilustres veciños. Castelao e Dieste non falan dos rianxeiros, falan dos seres humanos. Pancho quería un éxito local (facer Rianxo, dicía), e persoal: resarcir ao seu pobo de ducias de representacións teatrais ao aire libre en pésimas condicións técnicas. Trinta anos antes, tras unha representación nun palco de verbena na praza da Igrexa, vento ao mar e tormenta de berros de nenos en primeira fila, xurara que non volvería dirixir unha obra en Rianxo ata que houbese un escenario en condicións. Cando o auditorio non era máis que unha promesa electoral, xa lle pediu ao alcalde inauguralo cunha obra sobre Rianxo. Esa obra, O soño do barbeiro, está escrita por un rianxeiro máis que por un dramaturgo. E por un rianxeiro que ve Rianxo desde a perspectiva dun dos lugares (as tabernas) onde é máis doado coñecernos. Foi ese coñecemento o que lle permitiu levar a bo porto unha aventura teatral tan coral que só el consideraba viable. El dirixía, non actuaba, pero eu, cada vez que o vía nos ensaios (¡canto o botamos de menos nos do Pájaro Pinto!), pensaba que estaba diante dunha representación xenial.