A negra sombra


Daniel López

A imputación de Baltar, a lectura dos cargos e reflexións do xuíz, son un preciso retrato da negra sombra.  Remiten a toda una posible historia de utilización do poder como unha enorme facenda propia, un rancho de pinipón, de quito e poño, un xogo da “play” chamado, por dicir algo, “O vicerrei”, no que exerces un poder total, e que consiste en coleccionar con sabias artes e nutridos fondos públicos polos que ninguén che pide contas, un exército de estómagos agradecidos, clientes “fidelizados” que, postos na balanza dos cálculos políticos, son un enorme capital co que negociar a túa supervivencia eterna, un salvavidas para xubilarse con inmunidade.

Ou iso parecía. Pero a eternidade, ás veces, dura pouco. Xa non é o que era. Efectivamente o xuíz imputa ao patrón ourensán por enchufes masivos. Porque, oh sorpresa!, oh perplexidade da metade da sociedade galega e mesmo algo máis!… o enchufe é un delito! Si, rómpese un tabú, e o xuíz afirma no auto que Baltar é imputable por presunta prevaricación por, supostamente, decidir, sabedor do inxusto do seu proceder,  que “concedía” un posto na Deputación a cento catro familiares e persoas afíns ao PP: sen procedemento, sen fiscalización do acto, sen publicidade, sen mérito e, ben probablemente, sen capacidade.

 Velaí o problema, porque a sombra, ademais de negra é alongada. Durante canto tempo sería ese –a fidelidade feudal, o pacto de servidume- o procedemento  para empoderar a cidadáns e darlles acceso a empregos públicos que, pola súa natureza, requiren competencia e obxectividade?  Si, a sombra é alongada e perigosa, e debería facerse un exercicio retroactivo de curación. Exercer potestades públicas, decidir ou executar actuacións que teñen que ver coa vida dos demais, non pode estar sometido a ningunha sospeita de parcialidade, chámese brigadista contra o lume, traballador social  ou responsable do arquivo provincial.

A sombra é alongada, porque as organizacións teñen memoria e cultura. E desta podería quedar xudicialmente demostrado que as Deputacións provinciais son un problema.O hábito fixo delas o que son, que é exactamente o que a xente dá por suposto que son e que sempre foron, o que se espera delas. Mágoa que o xuíz non aproveite para, sabiamente, aconsellar a súa liquidación definitiva, aproveitando a crise e a necesidade de simplificar e limpar.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s