O principio de responsabilidade


O Parlamento de Galicia decide que a metade da Cidade da Cultura quede convertida no solar máis caro e frustrante de Europa. Unha iniciativa nacionalista, á que, inesperadamente, tamén para os propoñentes, o PP deu o seu apoio. Caput. Ruptura unilateral de contrato. Non haberá máis Gaiás có que existe a día de hoxe.

E así, irremediablemente, veñen as preguntas, como as cereixas sacadas dun cesto, unha tirando da seguinte.

Canto custou realmente o executado: 280? 300 millóns de euros? Máis?

Canto custará a paralización? É certo que vai supoñer que todos os galegos e galegas teremos que lles pagar ás construtoras adxudicatarias 18 millóns de euros? Só a metade ou algo menos? Incluirá esa indemnización que deixen decentemente disimulada a canteira que está aberta ou necesitaremos outro concurso de ideas e obras para repoñer ao seu estado natural a parte correspondente do monte? Non sería unha boa idea deixar todo como está, como a gran metáfora sobre Galicia, os seus gobernantes e a idea que tiñan sobre a nosa cultura?

Pero hai máis. É certo que foi unha ocorrencia de Pérez Varela cando soubo que estaban a piques de cesalo, para engaiolar a don Manuel cunha obra proporcional á imaxe que o presidente tiña de si mesmo e do seu papel na historia de Galicia? Comprometeu a Xunta en funcións, na que Feijoo era vicepresidente, obras por un valor disparatado?

Había un proxecto estratéxico sustentable ademais do construtivo? Como se solucionaba nese proxecto a integración do distante e monumental complexo na vida diaria, cidadá de Compostela e de Galicia? Hai agora un proxecto definido para dar contido e sentido ao que hai?

Se alguén decide modificar os andeis da biblioteca –que non son tamaño estándar e non permiten unha correcta estiba dos libros e aproveitamento do espazo…, é certo que hai que indemnizar ao xenio de Eisenmann, o arquitecto?

De que partida orzamentaria se detraerán os millóns para indemnizar ás adxudicatarias? Dos comedores escolares? Das urxencias sanitarias? Dos servizos sociais máis básicos? De nada e de todo, total que máis ten a estas alturas?

 

Cando se aplicará o principio de responsabilidade sobre quen decide arbitraria ou electoralistamente sobre as nosas vidas e destinos? Cando disporemos de leis que obriguen a resarcir o dano, comezando polo propio patrimonio persoal dos responsables?

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s