Conversa con Xosé Manuel Fernández Castro


Aldegunde Quiñones

Vidal Bolaño é autor duns textos extraordinarios”

Imaxe 1O profesor Xosé Manuel Fernández Castro, Pepes para os amigos, é a persoa que máis profundou na obra de Bolaño, e froito do traballo de anos de investigación é o exhaustivo volume A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño, editado por Laiovento. Con esta conversa, iniciamos a serie de entrevistas sobre o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2013.

Que lle parece que, por fin, se dedique o Día das Letras a un dramaturgo?

Paréceme necesario, porque o autor meréceo. Toda a súa obra -non só a dramática senón tamén o labor como dinamizador cultural- é extraordinaria. Cumpría recoñecerlle o seu inmenso esforzo a prol da normalización da nosa cultura. É importante que se recoñeza a un dramaturgo porque, moitas veces, nas prioridades da cultura, o teatro aparece en segundo termo. Tamén hai que ter en conta que Bolaño foi a persoa máis destacada dentro da súa xeración -a primeira do teatro profesional en Galicia: no momento da súa morte non hai ninguén que recibise tantos galardóns e recoñecementos.

Como é a obra de Bolaño?

El ten unha obra moi extensa que vai dende os anos 70 ata principios do s. XXI e que percorre estilos e épocas moi diferentes. É un autor cunha obra moi ampla e variada, que foi aumentando o nivel de calidade dos seus produtos ao longo deste tempo. No seu último período, cando traballa con Teatro do Aquí, consegue uns textos extraordinarios.

El sufriu o ostracismo froito do veto ao que o someteu o daquela Conselleiro de Cultura, Vázquez Portomeñe. Por que?

Ese período vai dende o ano 84 ata que monta a súa nova compañía a principios dos 90 e ten moi pouco contacto co mundo da escena. Segue como profesional das artes da imaxe (traballa na dobraxe e nunha produtora de vídeo facendo publicidade) e só moi puntualmente se achega ao teatro, coma cando Manuel Lourenzo o chama como iluminador para Espectros, porque Bolaño era tamén un magnífico iluminador. El fixera un espectáculo, Caprice des Dieux, no que denunciaba o que consideraba os males do teatro e explicaba puntualmente os seus problemas coa Consellería. Ese foi o punto de partida dos sete anos de silencio teatral.

Antroido, a primeira compañía profesional do teatro galego

Como xorde a compañía Antroido?

 Fundou -con Xaquín García Marcos- a compañía Antroido a principios de 1974. Euloxio Ruibal propúxolle participar no Equipo Lupa -de cine experimental- e de todo este substrato nace a idea de crear unha compañía de teatro. Logo tivo que ir facer a mili a África e, cando volve, monta Antroido. Para comezar contaron con xente da Universidade que empezan a incorporarse ao teatro, xente moi nova coma Laura Ponte ou Marisa Soto que logo terán un nome importante no teatro galego.

Con que espectáculos comezan a súa traxectoria?

Con Antroido fan de todo: teatro de rúa (que era algo moi novo aquí), espectáculos reivindicativos entroncados co teatro independente que viña por Santiago e coa mentalidade de que había que crear unha infraestrutura teatral no país. É aquí cando pensan na posibilidade de contar cunha compañía institucional para cambiar a unha nova dinámica no teatro galego. Nese momento é cando chegan á conclusión de que o primeiro paso é profesionalizar a súa propia compañía.

Pero houbo un feito que a precipitou.

Si, que a Roberto o despediron do banco no que traballaba e, ao non ter outra cousa da que botar man, decidiu probar esa vía e poñer a andar unha compañía profesional, un proxecto no que tamén estaban na Coruña Antonio Simón e o grupo Troula. Esta circunstancia da perda do emprego de Bolaño fixo que Antroido estrease antes ca os da Coruña e pasase á historia do noso teatro coma a primeira compañía profesional, no ano 1978.

A creación do Centro Dramático Galego

Como se chega ao Centro Dramático Galego?

Foi un período de moitos cambios -dende o ano 78 ata o 84- cando se monta esa compañía institucional que viñan reclamando dende había moito tempo. Nese momento de creación do Centro Dramático Galego, Roberto está chamado a ter un papel importante: baixo a dirección de Eduardo Alonso, asígnaselle a tarefa de escritor-director da segunda produción do CDG. El entrégase en corpo e alma e un proxecto que tiña para facer con Antroido sofre unha serie de transformacións para se converter en Agasallo de sombras.

Como foi o seu achegamento á obra de Vidal Bolaño?

Estudar a obra de Roberto é complicado, porque é un personaxe poliédrico, ten moitas caras. Non é doado dar conta da súa obra dende un único ángulo, por iso busquei enfocar o meu traballo dende diferentes perspectivas (historiográfica, hermenéutica, dramatolóxica…) para ter unha visión completa da súa inmensa contribución á nosa cultura.

No seu estudo, hai unha clasificación da obra bolañesa moi orixinal.

Foi moi complexo chegar a clasificar a obra de Bolaño, porque escribiu para compañías distintas en épocas diferentes e obras diversas, de tal maneira que non resulta fácil organizar unha produción tan heteroxénea dunha forma coherente. Logo de darlle moitas voltas optei por un único criterio, que é a da definición de texto dramático dende a perspectiva dramatolóxica, na que se parte da vontade do autor de escribir un texto pensado para levar á escena e do seu grao de responsabilidade na creación dese mundo e tamén dos elementos compositivos esenciais: o espazo, o tempo e mesmo a visión do público.

En que cre que vai contribuír máis o Día das Letras a coñecer a obra de Vidal Bolaño?

Para empezar, dispoñemos por fin das obras completas de Bolaño, e así a xente pode considerar a magnitude do seu traballo, que é o principal para que se vexa a súa dimensión como escritor. Isto vai cambiar a percepción do autor e facer ver que tamén é un mestre da lingua, porque aínda non está recoñecido o traballo que fixo co noso idioma. É certo que estivo centrado na creación de mundos escénicos, de magníficos personaxes e nas técnicas de elaboración de escenas para que funcionase toda a obra -é dicir, na linguaxe netamente dramática- pero aínda non se reparou o suficiente no uso e no compromiso que ten coa nosa lingua

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s