O conflito vén dos marcos


Daniel López 

Segue sorprendendo Francisco, o Papa que veu do sur. Semella que está cambiando os marcos da leira. Mesmo recompoñendo a súa posición orixinal. E iso podería darlle problemas. Precisamente a proba de lume vai estar neses problemas, no conflito, na parte de “cruz” que, de manter eses marcos, ese deseño, vai ter que asumir.

A clave está na centralidade. Cal ten que ser o centro vital, de atención, de referencia da Igrexa? Levamos dous papados nos que o centro da leira, e arredor del todas as lindes e os marcos, estaba no triunfo da institución fronte ao ateísmo, fronte á sociedade laica emancipada, contra a perda de poderío ideolóxico e peso institucional e demais pestes bubónicas finiseculares; e, suma e segue, centralidade do dogma, na súa exacta, inmutable definición, por máis absurdo ou insignificante que fose para a cultura do presente.

Pero se Francisco está decidido a cambiar de centro, os marcos van ter que correr todos. Por exemplo, cando propuxo que os cregos deixen de ser xestores do sagrado e se centren “nas periferias, onde hai sufrimento, sangue derramado” .

Por fin centralidade do pobre, non da Igrexa? Coma no profeta de Galilea? Pois será, de ser, unha centralidade conflitiva, porque deixa fóra, ou na estrema da finca, os aliados “históricos” do papado: o imperio, os “afortunados”, os poderosos deste mundo. E tamén o dogmatismo interno, sen piedade, o clericalismo impoluto, o que “non cheira a ovella”. Será posible? Por iso, sabiamente, está predicando González Faus nestes días, que a mellor fidelidade con Francisco é axudarlle a liberarse do papado.

Aplicacións concretas: un exemplo real de conflito. Se o centro é o ser humano, ferido e excluído da mesa común, que facer se un goberno propón unha reforma do código penal na que castiga con pena de dous anos de cadea a quen axuda de maneira desinteresada a un inmigrante sen papeis? Está na reforma de Gallardón. E foi denunciado por unha plataforma de máis de 30 entidades cristiás de base. Penalizar a xenerosidade, a compaixón, a humanidade. Pero, ollo, o ministro que propón esa liña de actuación é, por outra parte,  o “amigo político” do episcopado español, o aliado contra o aborto, contra o casamento dos gais e o laicismo da esquerda.

Cal é a clave? Velaí o conflito e a importancia do que poñemos “no centro” para un bo discernimento.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s