“Facemos resistencia”


Maite Martínez Rodríguez

entrevista4
Conversamos con Alberte Fernández Mariño, presidente da Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto, colectivo que xestiona a biblioteca pública á que o Concello da Coruña retirou o apoio económico e que representa un extraordinario exemplo de resistencia veciñal organizada.

Para contextualizar esta entrevista:
A BIBLIOTECA DE MONTE ALTO EN FEITOS

  • 1984. Constrúese cos cartos achegados polos veciños, a cesión do terreo polo Concello e unha axuda da Deputación e da Xunta de Galicia. Ademais de biblioteca, será a sede da AA.VV. Atochas–Monte Alto.

  • Xaneiro 2012. Elección da xunta directiva da AA.VV. A candidatura afín ao Partido Popular perde. Créase a Agrupación de Vecinos y Comerciantes de Monte Alto.

  • O Concello preséntalle á AA.VV. o proxecto de urbanización de dous edificios na Agra de Santo Amaro. A AA.VV. presenta alegacións para que non se constrúan. O Concello asegúralle que non se construirán.

  • A prensa publica que, segundo o Concello, a AA.VV. está de acordo cun cambio de situación das edificacións: faranse en Adormideiras. A AA.VV. desménteo e manifesta o seu rexeitamento ao novo plan urbanístico, que inclúe un novo centro comercial. A Agrupación de Vecinos y Comerciantes de Monte Alto manifesta o seu apoio ao plan.

  • As concelleiras de barrio cortan as relacións coa AA.VV.

  • O Concello reúnese coa AA.VV para revisar o convenio da biblioteca. As dúas partes coinciden en que non é preciso variar as condicións fundamentais, como a renovación anual automática.

  • 6 agosto 2012. Veciños de Montealto acoden a un Pleno municipal no que se debate o Plan Xeral de Ordenación Urbana. Aclaman “Non, non á especulación” e abandonan o pleno.

  • 9 agosto 2012. O Concello presenta ante a Fiscalía un informe da policía local co obxecto de comprobar se sete veciños (incluído o presidente da AA.VV.) poden ser imputados por delito ou falta contra a orde pública e de desobediencia

  • Xaneiro 2013. O Concello non renova o convenio da biblioteca e di que dará subvencións a actividades concretas.

  • O barrio mobilízase para conseguir un convenio que recoñeza o labor social que leva facendo a AA.VV. dende hai 30 anos

  • Marzo 2013. O Concello non acepta ningunha das propostas da AA.VV. e retira definitivamente as achegas económicas á biblioteca

  • 20 marzo 2013. Asemblea de socios/as para decidir alternativas de autoxestión da biblioteca

  • 21 marzo 2012. Xuntanza na biblioteca de colectivos e entidades atacados polo Concello para encarar iniciativas de resistencia

Boas, Alberte. Moitas grazas por dedicarnos este tempo de conversa. Ti es o presidente dunha das asociacións de veciños de Monte Alto, porque hai dúas, non si?

Agora mesmo existen dúas. Unha é a Agrupación de Vecinos y Comerciantes de Monte Alto, con nome en castelán e que engloba a veciños e comerciantes, creada como unha estratexia do Partido Popular, que goberna o Concello da Coruña, para desviar fondos do pequeno comercio a esta entidade. Por outro lado, está a Asociación Veciñal Atochas-Monte Alto- Torre de Hércules, que colle Zalaeta, Adormideiras… que é a que leva funcionando no barrio dende o ano 1977, a histórica, a que ten a biblioteca pública do Campo de Marte.

fondos-prestamo copiaTi levas na asociación xa anos e es unha persoa nova. É curioso porque a xente que habitualmente forma parte das asociacións veciñais é xente máis maior.

Na asociación hai sobre todo xente moi maior. A xente moza cando fai os 18 anos marcha a Santiago, a Vigo… Hai xente que queda na Coruña pero despois emigra, desvincúlase do barrio. Iso non quere dicir que a participación de persoas de todas as idades non sexa grande. Hai que pensar que Monte Alto ten unha vida que o resto de barrios da Coruña non teñen, co mesmo nivel asociativo, nin tampouco a movida nocturna que hai aquí, que é moi diferente á do Orzán. A de Monte Alto é unha movida politizada, a xente que entra aí ten ideas políticas, danse debates políticos, hai artistas e é un pouco bohemio. Iso crea un clima especial. Dende o Campo da Leña ata a fin do mundo, que é a Torre de Hércules, é o “barrio”. Que o lugar de encontro veciñal sexa unha biblioteca, unha biblioteca con libros históricos, con primeiras edicións de libros de Otero Pedrayo, xa o demostra. Un exemplo foi o que pasou nestes últimos meses. A asemblea que se fixo no pavillón Curros Enríquez foi cualificada polos medios de comunicación como histórica: que unha asociación veciñal reúna un pavillón enteiro de veciños e veciñas reclamando que a biblioteca permaneza aberta demostra o nivel de mobilización. E non só veciños do barrio, tamén de Elviña, de Palavea… A xente dicía: “é incrible que nun barrio en pleno século XXI pase isto”. Na Coruña hai outros barrios que nos teñen por referencia do que é a loita.

Como é esa vosa loita?

Non ten unha cor política definida, a pesar de que a directiva a ten e os veciños e as veciñas recoñécena. A directiva nunca oculta a súa ideoloxía. Eu non oculto que son nacionalista. Unha nai contou nunha asemblea que ela entrou nesta biblioteca para pedir a construción dun galpón para os carriños dos nenos pequenos e ninguén lle pediu un carné, e sabían que falaba castelán, por exemplo, pero ninguén lle preguntou ‘de quen vés sendo’. Isto é moi importante porque consegue rachar o discurso fascista do PP que remacha que ‘la Asociación de Vecinos de Monte Alto es del Bloque y a la gente que entra ahí le piden el carné’.

Nas hemerotecas pode verse o que aconteceu coa biblioteca dende o 13 de xaneiro de 2012 ata agora, cando o goberno municipal acode á Fiscalía para meternos nun xuízo. A xente viu todo o proceso nos medios. Cando o Concello retirou a axuda á biblioteca tentou ocultar que tiña relación coa oposición ao proxecto urbanístico de Adormideiras. Arestora, o Concello pecha o círculo coa petición de imputación xudicial a membros da asociación. O noso suposto delito foi berrar nun pleno municipal “Non á especulación”. Iso non tería que ser un delito. Que un veciño diga iso tería que ser un mérito.

Tentamos sempre estar traballando e sobre todo facendo país. Porque a nosa visión é de país, de nación. Transmitímoslle á xente que nós, dende aquí, comprendemos que o noso problema é nacional, de Galiza. Defendemos as clases populares. Defendemos o galego sempre, nunca o ocultamos. Facemos resistencia. E xa din moitas entidades que o día que Monte Alto caia, se chega a caer, todo se desmonta porque xa non haberá nada que lle faga fronte ao Partido Popular, á dereita, ou á socialdemocracia esa más rancia do PSOE.

entrevista9Que relación ves ti entre as actuacións do Goberno municipal en Monte Alto e a seguinte definición de ‘cidadanía’: “a condición e dereitos que teñen os individuos que pertencen a un Estado libre”?

Nós xa partimos da base de que Galiza non é  un Estado libre. Remarco isto porque ten moito que ver coa visión que a directiva e a asemblea que a ratificou teñen sobre a soberanía nacional galega, que empeza por cousas tan simples como esta biblioteca. Recalcamos moito que o que nos dan non son favores; son dereitos. A biblioteca non é unha esmola. “Fágoche o favor de abrirche a biblioteca”. “Non, non. É o meu dereito ter esta biblioteca porque a estou pagando, son os nosos cartos”. Esa mensaxe vai chegando á xente, á xente maior que tiña outra concepción do público. O barrio é noso. Por que temos que agardar a que veñan do Concello a poñernos un banco? Por que non o construímos nós co pouco que teñamos? E se vén a policía, pois que veña. Nós podemos construír o noso barrio.

Que diferenza hai entre esta biblioteca e a municipal?

Nesta biblioteca cada libro ten nomes e apelidos detrás, libros que se foron deixando e doando por razóns persoais. Ten un sentimento, ten unha historia. A outra non os ten. Alí colleron, pagaron e meteron os libros. Esta construíuna a veciñanza coas súas mans. Dío Esperanza, a muller de Nión, un dos veciños que hipotecou a súa casa para construír a biblioteca, que non pode durmir sabendo que poden pechar a biblioteca, porque a súa alma e a súa vida están aquí. E parte do seu marido está aquí.

Como evolucionou o movemento veciñal nesta cidade dende o final da ditadura franquista?

asamblea montealto /Cando les os estatutos desta asociación, atopas que os fundadores eran da UPG, do PC, do PSOE… A maioría das entidades veciñais naceron no ano 1976, no 1977, nos anos da Transición, cando o PSOE aparece de novo. Na Coruña o PSOE gobernou durante 23 anos. Nese período prodúcese a desmobilización veciñal na cidade. As asociacións non fixeron o seu traballo e o PSOE tampouco. Os gobernos precisan entidades críticas que lles digan o que está fallando, onde están os problemas. Se non as hai parece que todo está perfecto. E ao final, na Coruña ocorre que goberna o Partido Popular, sendo unha cidade liberal de sempre, socialista, anarquista.

Hai un cambio na visión dos veciños e das veciñas sobre o goberno municipal?

Antes a xente vía as mentiras fóra, nos medios de comunicación. Hoxe veas no que pasou coa biblioteca e a nova urbanización de Adormideiras.

Ata hai non moito tempo ás manifestacións ía a xente de sempre, involucrada en proxectos políticos. Pero agora aquelas persoas que dicían dos e das manifestantes “algo farían” están do lado dos que algo fan por pedir os seus dereitos. E chega o enfrontamento porque é unha loita entre modelos de sociedade: o do PP é un modelo mercantil, onde a xente se somete aos cartos, guiado polo fascismo e o caciquismo; e o noso defende que todos e todas somos iguais e que temos os mesmos dereitos, á sanidade, á educación, á cultura. Eles seguirán premendo a esta asociación cun boicot económico. Queren acabar cun modelo que contesta.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais, Política coas etiquetas , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s