Victorino Pérez Prieto
Xa van aló tres anos da morte de Manuel Espiña; pero a súa memoria e a súa pegada en Galiza non esmoreceu, senón que se mantén ben viva. Sobre todo na comunidade cristiá que el fundou hai máis de corenta anos, cando o espírito renovador do Concilio Vaticano II se mantiña tamén aínda ben vivo; e había unha incipiente Igrexa galega que loitaba pacificamente por existir como Igrexa de seu, no seo da gran Igrexa pero alén dunha Igrexa en Galicia que se manifestaba só como un enclave da Igrexa española, rexeitando un dos elementos máis identitarios do ser galego: a súa lingua e a súa cultura. Manuel Espiña erguíase na orgullosa La Coruña, coma un faro dunha Igrexa galega que quería rezar e vivir en galego.
O efecto galeguizador de Espiña
A tal fin, este cura batallador entrégalle a esa cidade e a toda Galicia tres elementos fundamentais para ese efecto galeguizador: En primeiro lugar, a primeira edición dos Evanxeos en galego e un Misal galego dos fieis; un material sumamente útil, que lle mereceu o Pedrón de Ouro.
Ademais, unha comunidade que celebraba fielmente cada semana unha Misa en galego: a “Comunidade Cristiá Home Novo”. Foi unha Misa que chegou a ser case multitudinaria, non só por razóns relixiosas senón tamén polo que simbolizaba.
E, finalmente, unha columna xornalística, tamén fiel cada semana durante máis de trinta anos (1970-2002), que Xosé Luís Barreiro chamou con acerto “prédica mediática no púlpito máis grande de Galicia”; foi no diario de máis tirada e difusión, La Voz de Galicia, e levaba o coñecido nome de “O outeiro de San Xusto”.
Sobre este último, a Comunidade Home Novo organizou unha mesa redonda na Coruña, con ocasión do terceiro cabodano do seu pasamento. Foi o pasado 28 de Febreiro no magnífico local de Portas Ártabras. Participamos nela Pilar García Negro (profesora de UDC, escritora feminista e galeguista e exdiputada do Parlamento Galego), Ernesto Sánchez Pombo (reputado xornalista que foi director de El Progreso e logo de La Voz de Galicia), e este que escribe.
O Outeiro de san Xusto
Pilar García Negro falou coa súa magnífica verba do galeguismo de Manuel Espiña; non só no seu “Outeiro”, senón na súa vida de cada día, como mestre que soubo levar a tantos a ese amor por Galicia e a súa lingua, levando con paciencia incomprensións e desleixos.
Ernesto Pombo falou da súa relación de amizade con Manuel Espiña e, sobre todo, da dimensión xornalística do “Outeiro”; columna que chegou a ser a máis decana do diario.
E eu falei da dimensión relixiosa dese espazo: a Igrexa, os cregos, os leigos, as polémicas… Con razón, o mesmo Espiña escribiu que para el “O Outeiro foi unha clave que condicionou a miña vida como crego e a miña actitude ante as xerarquías da Igrexa”. Quixo ser sempre fiel ao que dicía xa na súa primeira colaboración que recordamos nesa mesa:
“Queremos ser sequera como aqueles canciños que cos seus berros espertan ó amo e fan fuxir ós raposos. Se cos nosos berros… salvamos algunha indefensa galiña, xa nos damos por satisfeitos” (“Outeiro de San Xusto”, 4-1-1970).
Non é de estrañar que Ángel Suquía -cardeal arcebispo de Santiago, a quen Espiña non lle tiña moita simpatía, pois situábao do lado dos “raposos e poderosos”- dixera nunha conversa en Madrid, que os seus anos en Santiago foran moi felices, pero tería sido “totalmente feliz de no ser por ese Espiña y sus artículos en el periódico que no dejaban de fastidiar”. Mesmo parece que este prelado chegou a ofrecerlle un cargo importante se deixaba de publicalo, como comenta Espiña no libro que recolle unha escolma deses traballos (O Outeiro de San Xusto-Escolma I, A Coruña 2008); ao que este lle contestou que levaba un letreiro na fronte que dicía: “Non se vende nin se aluga”. Xustamente o contrario que o gran cardeal Quiroga Palacios, que o animou sempre nese labor crítico, como comenta o mesmo Espiña no mesmo libro, e que, contrariamente a Suquía, eloxiou a Manuel en máis dunha entrega do Outeiro.
Polas páxinas desta columna pasaron temas coma os da educación, os nenos e os mozos, a democracia e a xustiza social, a lingua e a patria galega, os marxinados, os problemas dos labregos, obreiros e mariñeiros. Pero, sobre todo, a Igrexa; unha chea de expresivos títulos apoian este interese: “O Concilio galego”, “Unha nova Igrexa para Galicia”, “Sete dioceses para Galicia”, “Verdadeiros crentes galegos”, “A Igrexa oficial e a Igrexa popular”, “A relixión dos galegos”, “Presente e futuro da Igrexa”, “Teoloxía da liberación en Galicia”, “A crise do nacionalismo e a Igrexa dos pobres”, “Democracia e relixión”, “Democracia na Igrexa”, “Crítica da Igrexa”, “Dentro ou fóra da Igrexa”, “Que lle pedimos á Igrexa galega”?, “A Igrexa de Galicia”, etc.
Dúas Igrexas Católicas en Galicia?
Nunha ocasión pregúntase Espiña no seu Outeiro: “¿Dúas Igrexas Católicas en Galicia?” (23-I-87); non argumentaba un cisma, senón que constataba que en Galicia hai dúas formas de Igrexa: a forma oficial e a popular. A primeira é a das xerarquías estáticas e inmobilistas, desde o alto ao baixo clero. A segunda a das camadas populares, o clero e os intelectuais comprometidos; unha fe dinámica, progresista e encarnada na vida. Esta última, segundo entende Espiña, tiña a súa mellor expresión nas revistas Irimia e Encrucillada, os Cruceiros e as Romaxes de Crentes Galegos. Con ocasión da IX Romaxe titula “Verdadeiros crentes galegos” (6-IX-86), e escribe:
“Que distinta sería a situación de Galicia se a Igrexa oficial fixese seu este programa non só na teoría, senón na práctica! Entón si que faría presente a Cristo Salvador, porque sería máis humana e máis evanxélica, como foi El… Esta Romaxe é toda ela auténtica liberación cristiá e fai verdadeiros crentes galegos”.
O Outeiro deixou de aparecer en La Voz de Galicia, pola censura imposta ao seu derradeiro artigo por un nefasto persoeiro con gran peso no xornal, Paco Sánchez, como indica o mesmo Espiña no seu libro do Outeiro. El dixera entón que se non se publicaba, non volvía enviar ningún artigo máis; e así foi. Afortunadamente, este artigo viu a luz no libro citado. Daquela, o batallador cura escribiulle ao director de entón, Bieito Rubido, unhas verbas manifestando que o seu Outeiro non fora censurado nos anos da Ditadura, a pesar da represión política; e era unha vergoña que o fora agora “por razóns relixiosas”. O que isto escribe, sabe que isto é así, porque tamén o padeceu el: neste xornal en máis dunha ocasión foi máis dura a censura relixiosa cá política.