Unha sorpresa chamada Francisco


Desde que a voz esmirrada do cardeal protodiácono francés, Jean-Louis Tauran, o día 13 de marzo, ás oito do serán, anunciou que xa tiñamos Papa, e desde que se soubo que este era o cardeal arxentino Bergoglio e que escollera o nome de Francisco, empezaron a circular, como é normal, as cábalas e prognósticos, as valoracións e expectativas.

É opinión común que o Papa Francisco non é un teólogo, senón un pastor. Sabe teoloxía, por suposto, pero o seu non foi nin o estudo teolóxico, nin a investigación teolóxica, nin a ensinanza teolóxica. Neste senso o contraste co seu antecesor, Bieito XVI, é absoluto. Valoramos positivamente este feito; é frecuente que accedan a cargos de máxima responsabilidade eclesial moitas persoas que a penas se moveron nunca a pé de rúa, a pé de xente, preto dos problemas cos que día a día se enfrontan as persoas crentes para vivir e para soster a fe no medio da vida normal. E esa distancia é, con frecuencia, un primeiro paso para instalarse nun mundo distinto, e falar do que a xente non fala, e responder a preguntas que a xente non se fai.

A información que nos chega é que, ata o presente, tivo unhas formas sinxelas, e moi apegado tamén á xente do común, mesmo marxinal. Non deixan de ter a súa importancia datos como que vivía modestamente, facendo a comida el mesmo, cando menos en ocasións; como que viaxaba en transportes públicos, o que lle permitiría un corpo a corpo coa realidade; como que adoitaba visitar os seus curas enfermos, ao coidado dos cales quedaba ás veces, etc. Foi ata o presente un pastor humilde, próximo á xente humilde, defendéndoa de quen lles impedía vivir con dignidade a súa condición de seres humanos, fillos e fillas de Deus. E isto tamén é moi positivo. Na Igrexa sobran ínfulas, sacras e menos sacras, e falta realidade e proximidade. Falta o estilo de Xesús.

O Papa Francisco parece ter unha concepción da Igrexa menos piramidal e máis comunitaria. Aválano os seus comportamentos anteriores, e avalouno tamén a sinxela ritualización da súa sorprendente presentación como Papa ante os fieis congregados na praza de San Pedro. A maxestosidade papal, case próxima á divinización, que xa o Papa anterior deixara ferida co xesto profético da súa renuncia, caeu por terra ante o porte humilde de Francisco e, sobre todo, ante a demanda ao pobo de que este suplicase para el a bendición antes que el mesmo lla ofrecese á xente; o xesto aquel do seu corpo dobrado cara ao pobo, mentres este oraba en silencio, foi un xesto que valeu por mil leccións de eclesioloxía comunitaria. Moito disto fai falla na Igrexa se queremos facela significativa e profética, anunciadora da novidade de Xesús. A ver como continúan as cousas.

Francisco é xesuíta, forma parte desa sólida familia espiritual que configuran os fillos de Santo Ignacio, onde saber e espiritualidade configuran con frecuencia personalidades fortes, con moita capacidade de acción e de decisión. Boa falla lle farán coa papeleta que ten por diante. Iso si, sen esquecer que Bergoglio, xesuíta, non estivo de acordo coa reorientación postconciliar da compañía de Xesús, liderada polo P. Arrupe. O novo Papa foi un home, disque, de teoloxía conservadora, ao que a opción  polos máis débiles o acababa levando máis aló do que quizabes o facían as súas ideas.

A tarefa que ten por diante é enorme. Parece que a encomenda principal asignada é poñer orde no niño curial, máis un avespeiro ca un lugar de convivencia pacífica bispos. Non sabemos ata onde chegará  a súa vontade ou a súa capacidade de reforma; reformar a curia pode significar asentar as augas revoltas, ou avogar por unha descentralización eclesial a fondo, para que as conferencias episcopais e mesmo cada diocese adquira o protagonismo que se lle anunciou no Vaticano II, pero que nunca chegou a ter, e nos últimos tempos, menos. Continuar coa tolerancia cero ante os casos de pederastia non é cuestión de quero ou non quero; non hai outra. E a revisión a fondo da banca vaticana: non son chegados os tempos de convertela nunha banca ética? Entendemos que sería algo elemental desde un punto de vista cristián.

Moitas son as demandas desde diferentes sectores. Parécenos urxente a estruturación da Igrexa pola vía democrática. Como testemuñar aquela novidade de Xesús no mundo de hoxe con esquemas de funcionamento medievais? A democracia é unha expresión máis da fraternidade, o cerne da causa de Xesús. Onde non hai democracia parece que hai medo á fraternidade. E isto aplicado a todos os niveis da Igrexa. Nas primeiras comunidades cristiás hai estupendas referencias neste sentido.

Tampouco se pode ser presenza de Evanxeo nunha sociedade plural, mixta, con estruturas asentadas basicamente en homes, célibes, vellos patróns que acumulan todos os poderes de xestión e de decisión. Unha sociedade moderna non traga iso. Habería, logo, que reformular todo o mundo dos servizos eclesiais, facéndoos plurais, complementarios, sen establecer barreiras de ningún tipo para toda persoa que teña vontade e capacitación para exercelos. A argumentación contra a participación da muller nos ministerios ordenados (“Xesús non o quixo”) resulta simplemente falsa e ridícula.

Poderiamos seguir enfiando cuestións. Soñar con recuperar aquela actitude empática cara ao mundo, cara os homes e mulleres que o compoñen, que se estreou a penas a partir do Vaticano II, pero que se foi convertendo de novo en actitude agresiva-defensiva, sinalando co dedo, culpabilizando, ata o punto de facer aos demais, aos de fóra, responsables dos males dunha institución que non é honestamente autocrítica. Sería inxenuo, en todo caso, pensar que un Papa, por moi Francisco que se chame, teña que cargar coa responsabilidade de afrontar todo o que ten que afrontar. Pode axudar un Papa, e esperamos que o actual axude, pero na Igrexa, coma en calquera outra institución, as reformas e novidades nunca virán de arriba abaixo, por moi achegados a Deus que poñamos os de arriba, senón de abaixo arriba. O que hai é que deixar que a novidade flúa. E cadaquén, cada grupo ou comunidade, que se deixe remover pola novidade de Xesús de Nazaré.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s