256 palabras para pasar do loito ao alivio


  Daniel López

Teño que confesar o meu itinerario interior, con esta cuestión do habemus papam. E a cousa foi así: do absoluto escepticismo a unha certa sensación de alivio.

Non procede teimar no escepticismo. Levamos décadas de Irimia, e doutras aventuras parecidas, insistindo na indispensable crítica dunha superestructura escandalosa e machista, encubridora do inimaxinable, perseguidora das comunidades de base, de pensadores e creadoras, de mulleres e homes de ben e corazón xeneroso. Fóra! Non paga a pena insistir. Xa postos, Bárcenas é moito máis divertido.

Que se podía agardar? Outro inquisidor, quizais descafeinado? Outro estirado “representante de Deus na Terra”, como o definiu con desacerto teolóxico pero con sociolóxica puntería a miña filla Carmela estoutro día? “Non”, -retruqueille eu, con certa inxenuidade e escasa esperanza, lembrando as ensinanzas de Pepe Chao- “esa non é a idea nin a fórmula orixinal; o correcto é, simplemente, bispo de Roma.”

Por todo iso, pola simplicidade na fala e na forma, o papa Francisco produce  alivio. “Ouh, Ceos, fala coma unha persoa normal!”. Éche o colmo, pero o  normal,  por inusual, ten propiedades balsámicas.

E as primeiras palabras comezaron así: “Boas noites irmáns e irmás” (ollo ao xénero); e despídese dicindo: “que descansedes ben”.  E polo medio, fai pequenas chiscadelas de complicidade: as grazas pola benvida, unha viaxe de irmandade, de confianza, e pouco menos que pide que o pobo o bendiga a el, antes de dar el a bendición. Fala como unha párroco de aldea de espírito franciscano! Pero que pasa aquí?

Se cadra, o Espírito, como insinuabamos, cabreouse coa curiocracia pétrea.  Efectivamente, nas 256 palabras do seu discurso inicial, non se fala de “Pontífice”,  de “goberno da Igrexa universal”, nin de “ortodoxia”. En 256 palabras  é tan expresivo o que se di, como o que se escolle non dicir. E preséntase, simplemente, como “bispo de Roma” , que é “guía das demais Igrexas nunha viaxe de irmandade” . Horizontalidade, fraternidade. Habemus sorpresam.

Porque ese discurso estaba proscrito e recupérase desde o cume da pirámide. A pirámide, de momento, segue aí. Os problemas da Igrexa co sexo e coa laicidade emancipada, durarán. O da igualdade da muller disque non foi o forte do bispo Bergoglio. O da curia e a  banca Vaticano, hai que roelo. Hai moita leira que sachar. Pero pasar do loito ao alivio, é de agradecer.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Trasno. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s