Artesanía viva: cestos e sombreiros


Clodio González Pérez

Hai uns días cadroume pasar por Noia, era xoves e chamoume a atención que case de par do instituto houbese catro postos de venda de cestos, chapeus e vimbios. Coidaba que xa non quedaba máis que o recordo, pero aínda hai algúns homes que fan os primeiros, e mulleres que tecen e cosen as trenzas dos segundos. Con todo, a situación actual non semella en nada á de antano, cando en todas a feiras e mercados había ringleiras de cesteiros e, en particular en Noia e Muros, de vendedoras de sombreiros.

Cestos, cestas, coleiros, queipos, panelas…

Ademais do tamaño e da forma, tamén poden estar feitos de diferentes materiais: de vergas (as mellores son as de carballo e castiñeiro), vimbios, palla (centeo, trigo e avea), canas e xuncos. A maioría deles atópanse a piques de desaparecer por non quedar artesáns e pola difusión do plástico.

Todos están en retroceso, pero quizais máis os de vergas debido a que case só os fan os cesteiros profesionais. Eran correntes en toda Galicia, variando unicamente a forma, pero en particular sobresaían os de Mondariz, que parte do ano exercían o oficio ambulante. Tal foi a súa importancia que ata chegaron a posuír xerga de seu, recolleita por Peinador Lines (1922) e Bouza Brey (1954).

Vendendo cestos e vimbios (Noia, febreiro-2013)

Vendendo cestos e vimbios (Noia, febreiro-2013)

Os máis correntes sempre foron os de vimbios, dos que cada labrego tecía os seus, dispoñendo nalgunhas casas dunha “mesa” ou “forma” de madeira, fixa ou xiratoria, con buratos formando círculos para grandes ou pequenos, pois a diferenza dos anteriores, estes empézanse pola boca.

Moito máis raros son os de palla, feitos de mangadiños que se van atando con tiras de silvas, abertas lonxitudinalmente sen o miolo. Son propios, en particular, dos concellos coruñeses do Val do Dubra, Carballo, Zas e A Laracha, pero debido a que a súa feitura é moi laboriosa xa case desapareceron.

No Museo do Pobo Galego hai unha sala dedicada á cestería, con todos os tipos de cestos que se fan ou fixeron en Galicia.

Sombreiros: os sancosmeiros

Son os máis coñecidos e ata forman parte da indumentaria tradicional feminina decotío no suroeste da provincia da Coruña (Muros, Noia, Outes, Lousame, Rois…). A denominación vén de que tradicionalmente onde máis se facían era na parroquia de San Cosme de Outeiro, no concello de Outes.

Vendedoras de “sancosmeiros” na feira de Noia (c. 1957).

Vendedoras de “sancosmeiros” na feira de Noia (c. 1957).

A feitura dos chapeus sempre se considerou un labor propio de mulleres, xa que ademais de tecer as trenzas de palla, tamén cómpre coselas dándolle a forma e, por último, adornarlle a copa e a beira con pano, agora só negro, pero antes dependía da condición da muller: as mozas e solteiras de cores, as casadas negro ou escuro, e as viúvas sempre negro. Actualmente non andan con eles máis que as señoras maiores e a maioría procedentes de fóra, distintos aos tradicionais e moito máis baratos.

Mercar artesanía, e máis a popular, é dicir, a que fan persoas que non se dedican só a este mester, é axudar a manter o rural, a que os novos continúen cos labores dos vellos, por necesidade ou por gusto.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Para saber, andar ou ler coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s