A bioquímica da corrupción


Daniel López

Corrupción e crise non son dous temas distintos nin distantes. Necesítanse. Quérense.

Non é que a crise sexa causada só pola corrupción. Pero a corrupción é o seu fertilizante, o rego por goteo, a hormona de crecemento das crises.

E a corrupción política, máis en concreto, ten a súa propia bioquímica, os seus caldos de cultivo. Parte esencial dese hábitat é a mentira e a esaxeración propagandística incrustada no día a día da acción pública. Iso habería que cortalo de raíz. Cantos cartos públicos, enerxías, recursos humanos pode dedicar un partido no goberno a lavar a súa imaxe?

Falamos do virus do electoralismo, que o contaxia todo. Algo moi desmoralizante para os poucos votantes conscientes e, máis aínda, para a xeneralidade dos traballadores públicos que ven, en vivo e en directo, o espectáculo: unha xeración de políticos e políticas mediocres, sen outro oficio nin beneficio que o do emprego que lles deu o seu partido, obsesionados por manter ese precario e ben remunerado carguiño e, madía leva, empeñados en converter os gabinetes de prensa no órgano decisivo, no corazón e cerebro da acción pública. Por iso fan deses lavadoiros de información, dos gabinetes de prensa, o centro de gravidade da administración. Mesmo chegan a crer as súas propias mentiras.

E, así, de remanguillé, intentan converter o aparato administrativo, que ten que ser, por definición,  un corpo independente de funcionarios técnicos, recrutados polos seus méritos e capacidade profesional, en servidores, non do ben común, senón do ben corporativo, electoralista, sectario, do partido do goberno.

Se iso vos parece “o natural”, temos un serio problema.  De aí veñen despois os conciliábulos con redes de empresarios e as “doazóns” e o deixarse querer e o de mirar para outra parte.  Aí nace Bárcenas e outros fungos. Do tipo fuscocabronus fetidus (Linnaeus). Mortais.

Cando a mentira é a norma, vale todo. Cando, en caso de conflito entre o interese público e o interese privado do partido que goberna prevalece o segundo, o humus está maduro. Non vos enganedes. Non fai falta que sexan ladróns. É o sistema que alimentan e que os alimenta, unha dinámica perversa á que poucos teñen o valor e a integridade de resistirse. A conversión do goberno en propaganda. A perpetua feira de vaidades. A extenuante carreira electoral. “Yo por mi partido y, de paso, mi cargo, mato”. Velaí a bioquímica da corrupción.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s