Unha renuncia para unha nova era?


A demisión de Bieito XVI produciu -nos días seguintes a manifestar que renunciaba “por falla de forzas” – unha avalancha de noticias e artigos en todos os medios de comunicación do mundo. Era unha noticia excepcional.

Moitos loaron a valentía do seu xesto, valorando que recoñecera que non tiña forzas; aínda que outros contrapuxeron esta postura á valentía oposta de Xoán Paulo II, que “morrera na cruz”, aguantando ata a fin. Pero se estas posturas conviviron na mesma Igrexa, fóra empezou a dicirse que tal xesto obedecía a que non podía máis coa turbia realidade das loitas intestinas nos corredores vaticanos -como el mesmo recoñeceu na homilía do mércores de cinsa, ao falar do mal que lle fan á Igrexa as loitas internas.

Con todo, é unha boa noticia que un Papa renuncie cando queda sen forzas. Cómpren grandes reformas na Igrexa Católica que este Papa non ousou ou non quixo afrontar, e que o próximo debería acometer. Sobre todo de cara a un modelo de Igrexa de iguais, cunha meirande democratización –“koinonía” na linguaxe teolóxica-, un cambio na concepción do clero (que os curas poidan casar, que as mulleres poidan acceder ao sacerdocio e que remate a escala clerical-dualista que impide aos leigos ter responsabilidades altas na Igrexa). Por iso, cómpre un Papa en sintonía cos problemas reais do pobo, con paixón pola xustiza e os dereitos dos máis pobres, que saiba dialogar máis que ensinar, que recoñeza realmente o pluralismo da Igrexa, o valor do auténtico ecumenismo e a importancia dun bo diálogo interrelixioso…

Como se lembrou estes días, Joseph Ratzinger non foi sempre un conservador; cando era profesor chegou a invitar a unha descentralización da Igrexa, a un debate sobre o primado papal, á necesidade de cuestionar o celibato obrigatorio… A finais dos 60 escribía: “Por riba do Papa está a propia conciencia, á que compre obedecer en primeiro lugar; se fose necesario, mesmo contra o que diga a autoridade eclesiástica”. Eran outros tempos… Ratzinger logo cambiou de rumbo, converténdose en can cérbero da ortodoxia contra toda renovación. Xa como Papa caneou as reformas, agás cando lle chegou a auga ao pescozo a forza de escándalos.

Porén, o máis grave neste momento, é a falta de sinais de que un novo Papa vaia ser moi distinto. Cumprirá logo confiar na forza do Espírito Santo; pero, en todo caso, este non terá a culpa se os cardeais votan polo continuísmo. Será máis consecuencia das loitas de poder no conclave, ben coñecidas nestes casos desde hai séculos. Ao Santo Espírito póñenllo realmente complicado e nun conclave destes vai perder a paciencia. Que así sexa.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s