O Posible xa está entre nós


Redacción

Festa do lume 2013

No mosteiro de Bergondo, en longo proceso de rehabilitación, como Galicia mesmamente, xuntámonos este pasado 2 de febreiro para celebrar a asemblea anual da Asociación Irimia. Tamén, arredor do lume, celebramos a nosa candeloria, os pequenos lumiños que avivamos e nos avivan, como o dunha nova maneira de entender a economía, como o de repensar as cousas teolóxicas desde a experiencia de ser muller, como o proxecto Fiare, como esta revista e os vínculos, proxectos e visións que nos unen a todos aqueles e aquelas que non se conforman con este presente de “sobres e sobresaltos”.

Os nosos lumiños

Na asemblea da Asociación revisamos a marcha das cousas, da Romaxe e da revista, rendéronse contas por parte do tesoureiro Pepe Barca, e actualizáronse compromisos co proxecto Fiare de banca ética. Tamén se renovou algún cargo, como o de secretaria, que pasa a ser Teri Campelo, mentres que Concha Sánchez se ocupará do servizo de subscricións da revista, substituíndo a Manuel Adame. De momento o resto da directiva continúa, aínda que conscientes da necesidade de traballar unha renovación progresiva durante este ano.

Un dos aspectos, que xa se anunciara aquí na revista, era o da posible suba de cotas de subscrición. A cuestión parte do dato de que a revista xera un perda anual de máis de 5.000€, entre outras cousas porque non se recibe ningunha subvención, nin sequera por normalización lingüística. A proposta inicial, para compensar ese déficit, foi moi debatida e, finalmente, reconducida. Subirase, na subscrición ordinaria tan só 1€, pasando de 24 a 25€, e na subscrición de apoio, 4€, pasando a ser de 40€ anuais. A cuestión é que, en época de crise, se aposta por manter un ano máis a revista en déficit, evítase trasladar a todo o mundo a suba e faise unha chamada para que, o que poida pagar máis, axude a manter esta revista viva. Tamén se insistiu en que ninguén, por falta de cartos, se teña que dar de baixa.

Reabriuse de novo o debate sobre a conveniencia ou non de facer a revista Irimia mensual. Tamén da posibilidade de que unha parte dos subscritores, os que así o preferisen, puidesen recibila só en formato electrónico (xa que isto abarataría custes). Sobre estas cuestións non se tomou decisión ningunha, deixando o debate aberto á espera de que a propia mesa de redacción e a directiva se pronuncien. Entre tanto acordouse preparar unha enquisa de opinión, que podería ser aplicada sobre unha mostraxe significativa dos subscritores.

Con respecto ao proxecto Fiare de banca ética, Manuel Adame e Alfonso Mascuñana explicaron como Fiare Galiza, da que Irimia é socia fundadora, pasa xa a ser parte da Banca Ética Populare, de maneira que poderá operar como un banco convencional neste mesmo ano: xestión do aforro, créditos, tarxetas, nóminas, etc… Tamén explicaron que a rede de entidades galegas que actuou como promotora, rede plural e diversa de 26 asociacións, seguirá probablemente como plataforma de promoción, difusión e denuncia, a prol dunhas finanzas distintas, que son posibles, que xa funcionan.

Economía crítica, alternativa e posible

Desde Cataluña viñeron Josep Manuel e Clara, que nos axudaron a reflexionar sobre como se está tecendo día a día toda unha rede complexa e multicolor de pequenas alternativas a este sistema depredador, a un capitalismo especulativo que está arruinando as conquistas sociais de anos e anos e, ademais, levando ao planeta cara aos seus límites ecolóxicos.

Josep Manuel Busqueta, de quen publicaremos unha entrevista nun próximo número, panadeiro de profesión e economista crítico de vocación, forma parte do Seminari de Economía Crítica Taifa, e traballou en tarefas de asesoramento do goberno da República Bolivariana de Venezuela. Explicou como a alternativa –ou, mellor, “as altermativas”-, ao presente non é un mapa de estradas perfectamente detallado, senón que se vai construíndo de pequenas e non tan pequenas experiencias. Decrecemento, banca ética, economía social, municipalismo alternativo, eco-agricultura, comercialización de ciclo curto, etc… son realidades, son enerxías que sumadas apuntan e van debuxando os perfís desa alternativa.

Tamén insistiu na importancia de “partir do obvio”, do inmediato. Igual que a rebelión contra o zarismo falaba de “pan, terra e paz”, nós debemos rebelarnos a prol dunha sanidade, dunha educación e duns servizos sociais públicos e de calidade. E ir avanzando tendo moi claros os eixos básicos para ese avance: na propiedade colectiva do que é esencial para o ben común, na reivindicación do comunitario; na distribución equitativa dos bens; na xestión horizontal do poder; na cultura e nos valores que potencien o ben común.

As mulleres crean o seu propio relato teolóxico

Tareixa Ledo, con Pilar Wirz, presentou o libro As mulleres falamos de teoloxía, que nace da experiencia colectiva de 18 mulleres que se reuniron de maneira regular para escoitarse e expresar, desde a súa propia perspectiva e vivencia de muller,  as cuestións relacionadas co experiencia de fe e o relato teolóxico que sostén e expresa esa experiencia.

No Espazo de teoloxía Feminista, empregaron o sistema da co-escoita, que obriga a un reparto equitativo de palabra e escoita entre as participantes, favorecendo unha construción coral e igualitaria do discurso. Ese é o resultado que se traslada ao libro, una contribución viva, crítica e feminista á reflexión teolóxica.

A celebración da candeloria

Cunha sinxela celebración eucarística arredor do lume, preparada pola parroquia do Cristo da Victoria de Coia-Vigo, rematou a xornada.  Tivemos ocasión de lembrar os lumes pequenos que foron e van dando calor e luz ás nosas vidas e ás nosas causas. Tamén aos que foron quedando no camiño, como Agustín Bueno e Bernardo G. Cendán que tantas veces nos teñen acompañado nesta festa coa que empurramos para poñermos fin á invernía e facer que os días medren e a tebras devalen.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en As festas do ano coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

One Response to O Posible xa está entre nós

  1. Pingback: Josep Manel Busqueta: “Xa hai moito avance: o proceso de transformación está en marcha” | Asociación Irimia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s