Exeria, escritora e viaxeira


Marisa Vidal Collazo

Exeria, por Seoane.

Está de visita en Galicia Exeria1, unha muller singular, a primeira muller escritora de toda a  Hispania. Tomando un café con ela cóntanos da súa viaxe a Terra Santa. Vese unha muller cordial e segura de si mesma, que toma o café amodiño, saboreando cada grolo. Mentres responde ás preguntas, un sorriso báilalle nos beizos.

Boas tardes, Dona Exeria. Tivemos noticia da súa viaxe, e queríamos que nos comentara un pouco polo miúdo esa experiencia. A primeira pregunta é case inevitable: cando e porque viaxou a Terra Santa? Que buscaba nesa aventura?

Ben. Non son unha aventureira no senso estrito da palabra, aínda que si son ben botada para adiante. Fun dende Gallaecia ata os límites entre o Imperio Romano e o Persa (entre os actuais Iraq e Xordania) entre os anos 382 e 385. A finais do século IV, na provincia de Gallaecia sopraban malos ventos para a igrexa de base: andaban algúns bispos da Hispania querendo impoñer as formas romanas de vivir e celebrar a fe, prohibindo as nosas romarías, coas que a xente se sente tan identificada, non deixando ler máis que os libros que eles consideran oficiais do cristianismo, non deixando facer retiros ás mulleres e aos segrares ao noso xeito,… Imaxinádevos que para darnos mala prensa ata nos acusaban de facer orxías espidos polo monte, co frío que vai en Gallaecia… Prisciliano, o bispo de Ávila, era o noso maior animador, pero non era o único; outros bispos e xentes de peso na igrexa apoiaban estas prácticas relixiosas. Para cando eu empecei a miña viaxe, xa andaran a procesar a Priciliano: desterrárano por herexe e logo derrogaran a súa pena cando demostrara que o seu non era unha herexía… Cando volvín de Terra Santa atopeime coa noticia de que o mataran, xunto con Eucrocia, Latroniano e outros compañeiros. Eu fun a Terra Santa entre outras cousas porque quería ver alí, no mesmo berce do cristianismo, como viven e celebran a fe, para podelo contar na miña terra.

 Que foi o que máis lle chamou a atención?

Chocoume que en Oriente hai moita máis naturalidade na vivencia da fe. Hai unha maior formación, claro, e a xente sabe distinguir o que é importante do accesorio, e iso é fundamental. Ninguén se escandaliza, por exemplo, de que se lean evanxeos apócrifos como os Feitos de Tegra ou os de Tomás. Aquí eses libros están prohibidos.

 A súa viaxe non foi improvisada, non?

Por suposto que non. Non ía gastar tantos folgos só por turismo, como fan agora. Eu levaba toda unha folla de ruta, preparada aquí en Gallaecia coa miñas compañeiras. Interesábanos moito como facían os anacoretas, os eremitas, en Oriente, que tanta sona tiñan, por iso estiven en Alexandría, Nitria, Tebas e o Sinaí, en Exipto, onde empezou o eremitismo no século III.

Aquí en Gallaecia facemos retiros no monte, pero non temos moita pauta. En Oriente teñen xa normas, carismas diferentes… Os costumes dos eremitas cambian dunhas zonas a outras, pero todos son ben interesantes. Por exemplo, no Sinaí atopei que os eremitas non están sempre sós, senón que se reúnen nos cenobios os días de festa, e que teñen as súas hortas, das que sacan para vivir e ofrecer agasallos aos visitantes. Fíxate que esas froitas coas que nos agasallan chámanlles eulogias, como os alimentos que os primeiros cristiáns compartían nos banquetes eucarísticos.

Fala dunhas compañeiras. Cónteme, quen son esas compañeiras?

Son as miñas irmás, un grupo de mulleres que nos dedicamos ao estudio da teoloxía, como lle chamades agora, e tamén a vivir a nosa fe desde o noso ser de mulleres. Elas foron o meu sostén na distancia. Houbo xornadas ben duras, pero acordarme delas deume forzas para seguir, para non “tirar a toalla”. Neste grupo foi onde xurdiu a idea da viaxe. Como se estaban a cuestionar continuamente as nosas maneiras de celebrar a fe pensamos que sería bo ir a Xerusalén, onde morreu e resucitou Xesús, o noso Deus, e alí tomar nota de como se celebraban as diferentes festas litúrxicas. Logo tamén estaba o tema dos retiros no monte. En Gallaecia estaban empezando a aparecer os primeiros anacoretas, e interesábanos saber como se organizaban os eremitas de Oriente. E como somos moi amigas de estudar e ler, pois tamén se pensou en reseñar os lugares que se citan na Biblia e outros libros relixiosos: a Palestina na que viviu e predicou Xesús, o monte Sinaí onde naceu o pobo de Israel, a terra de patriarcas e profetas, as tumbas dos mártires,…

Levaba unha axenda de viaxe ben apretada, logo!

Si. Había que aproveitar para ver moitas cousas. Ás veces ata me foi necesario quedar máis tempo do previsto nalgún lugar porque había cousas que ver que pagaban a pena, ou porque estaba cansa e cumpría recuperar forzas. Por iso a idea de escribir o Itinerario. Cada día, á noitiña, escribía todo o visto e aprendido no día, e así todo quedaba consignado para que as miñas compañeiras o puidesen ler.

Houbo algún sitio difícil de chegar, algún que quixera ter visto e non puido ser?

Pois si, houbo. A subida ao monte Nebot, ou ao Sinaí  custaron o seu, pois non se podía ir máis que a pé, case gabeando polo monte… Tamén me quedou mágoa de non ter ido a Ur de Caldea, a patria de Abraham. Había que cruzar a fronteira entre o Imperio Romano e o Persa e resultaba perigoso. Tívenme que contentar con ver a tumba de Xob: foi o máis ao leste que puiden chegar! (suspira)

De seguro coñeceu a moita xente interesante. Houbo alguén que a impresionara especialmente?

Coñecín moitos homes e mulleres: confesores, eremitas, presbíteros, bispos… Destacaría a Cirilo de Xerusalén, o autor das liturxias da cidade santa, que me axudou na recollida de todos os datos da segunda parte do Itinerario. Pero a persoa coa quen máis me identifiquei, na que recoñecín a unha igual foi Marthama, unha muller impresionante: diaconisa e directora de varios mosteiros de virxes (apotactitas, chámanlle alí) en Seleucia. Coñecina cando estiven por primeira vez en Xerusalén, no ano 382, e logo funa visitar no seu mosteiro de Seleucia no 385, antes de volver para a terra.

E que recordos trouxo de Terra Santa?

Ben. Non trouxen a botelliña con auga do Xordán que agora traen todos os turistas, pero trouxen outras cousas interesantes. Por exemplo, o seu bispo regaloume un códice, unha copia da carta do rei Abgar a Xesús e a resposta do Mestre ao rei Abgar. Xa sei que a vós o nome de Abgar non vos di moito, pero na biblioteca que manexamos no meu grupo de mulleres tiñamos unha copia incompleta destes textos, así que atopar e poder traer un códice enteiro para min, para nós, ten moito mérito.

Foi útil a súa viaxe?

Para cando volvín xa tiñan matado a Prisciliano e aos compañeiros. Pero dalgún xeito, naqueles momentos baixos na igrexa de Gallaecia, as noticias que eu traía deron forza a todas as comunidades cristiás, que seguiron celebrando e lendo, e utilizaron o material que eu recollera. Ata souben que o abade Valerio do Bierzo me puxo como exemplo aos seus monxes nunha carta que lles escribiu 300 anos despois do meu pasamento.

E non só iso. Houbo copias do seu libro en varios mosteiros galegos e europeos…

Si. Tamén sei que Pedro Diácono, no século VI, escribiu unha guía de Terra Santa: Liber de locis sanctis, copiando o meu diario, pois el nunca viaxou a esa parte do mundo.

E, con todo, nós hoxe non temos un texto completo do itinerario que vostede escribiu.

Si, e é unha pena que só poidades ler unha parte. Fáltavos a miña chegada a Xerusalén, absolutamente emocionante; a visita a Alexandría, unha cidade cunha biblioteca impresionante,  daquela dirixida por unha muller, Hipatia. Tamén se perdeu a miña visita a Tebas… Pero non perdades a esperanza, calquera día, onde menos o esperedes, aparecerá unha copia completa. Hai aínda tantas bibliotecas medievais por estudar, e tantos textos monásticos roubados en e coleccións privadas… Con todo, aínda que apareza non ha ter tanta sona como tivo o Codex Calixtinus (rise).

Sendo que lle gusta tanto peregrinar, é por iso que veu a Compostela?

Ben, o Camiño de Santiago é xusto a peregrinación inversa á miña. O camiño xacobeo é unha peregrinación cara ao Finisterrae, ao ocaso da vida. Eu preferín peregrinar ás orixes, buscar as fontes da Vida e da Palabra. A min interésame máis todo aquilo que me alimenta e vivifica, o que me fai resucitar.

Pois moitas grazas polo seu tempo e a súa palabra. Desexámoslle moi boa estancia entre nós e que o seu espírito buscador non nos abandone nunca.

E eu deséxovos o mellor para a vós, a Asociación Irimia, que dalgún xeito estades a recoller o legado que Prisciliano deixou. E quero mandar un saúdo especial a unha asociación de mulleres de igrexa que leva o meu nome, as Mulleres Cristiás Galegas-Exeria. En certos xeitos parécense moito a aquel grupo que eu formaba coas miñas compañeiras.

1 Un traballo máis extenso sobre o itinerario de Exeria pódese ler en Vidal Collazo, Marisa, Exeria, unha muller curiosa, Encrucillada 179, out-nov 2012, pax 19-33.
Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s