Unha ollada á túa cara cando vai mal tempo


Josecho de la Torre

Semella que camiñaremos polas mesmas corredoiras, que este temporal non sabe de formas verbais e que estamos abocados a caer na desesperación… Ti amosas a súa cara dende hai tempo. Levas as pálpebras sen retorno e a boca acatando o peche definitivo. Non deixo de buscarte naquel rostro de sempre pero nin o fulgor daqueles ollos nin o sorriso repentino parecen librarse dos recortes. A época de “felicidade” deixou unha posta de sol ben fermosa, foi a última luz de verdade na que habitamos, despois chegou o desafiuzamento e quedamos sen nada. Se tan sequera tiveramos… pero non, todo foi á présa. A mesma présa que levaba un fenómeno inhabitual a Cangas, levantou tellados das casas de Punta Balea e non saciado baixou ata o peirao para deixar orfos, mancos e desvalidos no tellado do Club de Remo e nuns trinta barcos do porto deportivo. Eran as 6 e media da mañá, din que non houbo danos maiores porque o pobo aínda durmía; pero non todos, ti ficabas nun lugar con vistas preferentes ao abismo, baixo o caixeiro dunha sucursal onde preparabas as uvas intermedias entre un ano desgraciado e a pura impotencia. Como a que sente a familia do Club Ciclista Bueu pola mal chamada autovía entre Marín e Pontevedra á altura dos Praceres. Cristóbal Hermida, patrón desta “grupeta”, rodabas cara o patrimonio inmorredoiro da comarca para unirte ao pelotón ilustre do ciclismo galego, coa mesma vontade, coa mesma paixón e coa mesma entrega que de costume. O 20 de xaneiro percorremos a estrada do inferno ata a fatídica vía para relembrarte. Houbo moita xente, non podía ser doutro xeito a pesar do diluvio. Unha morea como a convocada polas privatizacións nas prazas máis significativas cada día.

Algo di que aínda che quedan algunhas forzas para revivirte e recuperar a cara boa contra o mal tempo. Pensa nos pais e avós, tamén camiñaron pola sinuosidade doutras frontes e saíron adiante. Sigo mirándote, agardando que a pesar da que está caendo fóra devolvas o sorriso e a luz dos ollos á túa cara. Aequam memento rebus in arduis servare mentem. Consérvaa!

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Peto Común (antes de Sto. Antón). Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s