EDUCACIÓN, CIDADANÍA, DEREITOS HUMANOS…, COMO NON?


Manuel Dios Diz

30 de xaneiro, Día Escolar pola Paz

Hoxe vivimos momentos especialmente preocupantes, non só porque a crise económica está afectando, cada vez con máis intensidade, á maioría da poboación, senón porque as violencias, así, en plural, pero sobre todo, as de carácter estrutural, aquelas que están directamente relacionadas coa inxustiza (as inxustizas de hoxe son as guerras de mañá), están caendo con especial virulencia sobre os sectores máis febles e desfavorecidos da sociedade, pero tamén, cada vez máis, sobre as clases medias.

Son moitos os nenos e as nenas, os adolescentes, que viven con especial angustia a realidade diaria das súas familias, a perda do emprego dos seus pais e nais, o desafiuzamento das súas vivendas, os recortes na educación e na sanidade, mesmo na cesta da compra de cada día, ou os aforros de tantos anos polas participacións chamadas “preferentes” e que en Galicia afectan a nada menos que a 70.000 familias. Estas circunstancias están presentes nas nosas escolas e institutos, para quen queira velas…

Por todo isto, o 30 de xaneiro, o Día Escolar pola Paz, non pode pasar de esguello por esta realidade. Hoxe, máis ca nunca, temos que apelar ós valores cívicos e democráticos, á cooperación, á solidariedade, ó apoio, á axuda mutua, para coas principais vítimas dunha situación que non provocaron e reclamar, con tanta xente, xustiza, distributiva e penal, para coas persoas que nos levaron a esta situación e que, lamentablemente, diante dos nosos ollos, viven con total e absoluta impunidade.

Mentres a maioría da poboación sofre e ve ameazadas as súas condicións de vida e de traballo, a propia dignidade humana, base da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, os casos de corrupción política ou económica van en aumento e observamos -con indignación- como a mentira, o cinismo, o engano masivo, os contravalores sociais que tratamos de desaprender nas aulas, avanzan e se estenden.

Neste contexto, de crecentes dificultades económicas para tantas persoas, a mesma democracia, como tal, vese tamén moi resentida, como os dereitos constitucionais, os valores de cidadanía e os propios dereitos humanos.

Por iso sorprende -aínda moito máis- que a nova Lei de educacion, a LOMCE, promovida polo ministro Wert, sen diálogo ningún coa comunidade educativa, non só pretenda retroceder moitos anos no modelo educativo, coas reválidas e a relixión avaliable, senón que mesmo teña prevista a derrogación da materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, unha materia que resulta, hoxe por hoxe, moito máis necesaria, e porque tiña asumidos plenamente os obxectivos, contidos e metodoloxías da Educación para a Paz.

Por todo o anterior, o lema escollido polo Seminario Galego de Educación para a Paz para a celebración deste día, sobre o que suxerimos reflexionar e actuar nos centros escolares, non podía ser outro: Educación, Cidadanía, Dereitos Humanos… como non?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s