25 aniversario do “paso do Casón” por Guitiriz


A comisión organizadora

Alfonso Blanco Torrado, que colabora con Irimia dese o principio, recibindo o premio de “veciño necesario”

Alfonso Blanco Torrado, que colabora con Irimia desde o principio, recibindo o premio de “veciño necesario”

Todas somos necesarias, todos somos necesarios

O sábado 12 de xaneiro, Guitiriz, a Terra Chá, o país enteiro, vivimos unha experiencia decisiva, sentimos máis alento, descubrimos que esta sociedade en cambio, urxe a que nos mobilicemos comezando polo que acontece ao noso carón, para sobrevivir coma pobo e comarca.25 anos despois

Estabamos a dar o primeiro paso: valorar que todas e todos eramos quen, coas nosas diferenzas. O leito que xerou esta sensación foi a celebración dos 25 anos da loita das parroquias de Guitiriz contra a decisión do goberno de Madrid, de soterrar os bidóns do Casón, embarrancado en Fisterra, no campamento militar de Parga.

Ante a sospeita de querer converter aquel enclave nunha especie de cemiterio de produtos tóxicos ou nucleares, o pobo, todos a unha, repúxose e cos seus corpos e barricadas cortaron a Nacional VI, e conseguiron afastalos da comarca. Naquela cadea de despropósitos das administracións aínda se incrementou a desfeita, trasladándoos, co permiso da empresa, ao complexo de Alúmina Aluminio. Naquela hora foi providencial para a xestión deste conflito, o crego da zona, Alfonso Blanco, nomeado coordinador e voceiro polo alcalde, veciños, e o xefe do campamento militar. Creouse unha comisión para dialogar coas administracións e encarreirar a rebelión das e dos veciños, con propostas de violencia, ante a provocación das forzas de orde e antidisturbios, que nalgún momento superaban os cidadáns. A estratexia destes, foi formar unha piña e decidir en asemblea os pasos a dar, sempre dende a negociación. Endexamais estiveramos tan unidos, non acaían nese momento fendas de ningún tipo.

Homenaxe ao “veciño necesario”

O acto contou, como non, co apoio e presenza de Mini e Mero

O acto contou, como non, co apoio e presenza de Mini e Mero

Actualizar arestora aquela xesta removeu a conciencia da poboación, que concretou esta fervenza de ánimo na entrega a Alfonso Blanco Torrado do nomeamento de “Veciño necesario da nosa comarca”. Este recoñecemento foi un eco do premio que lle concederan en xullo, a Asociación de Pazos de Galicia: “Colaborador Necesario da Nosa Cultura”. Os que o acompañamos naquela data a Compostela, volvemos convencidos de que o que el prefería, era trepar a lama de cada día, e non as moquetas doutros escenarios. Emporiso, foi tan doado agora compartir esta teima.

Cómpre que todos acheguemos os nosos recursos e creatividade para avivar o lume da irmandade en cada aldea e recanto. Alfonso nesta hora aseverou que as asociacións son máis necesarias ca nunca, que había que reinventalas para que chegasen a todos os campos e, nesta tarefa, non hai exclusións, todos somos válidos. Lembrou como foi a organización da xente, grazas ao xermolo da asociación, a que concentrou o común, ante a inacción doutros entes, coma os partidos políticos.

O sábado creouse tal emoción que todos se sentiron protagonistas do destino destas comunidades rurais, cada vez máis despoboadas. Os Xermolos abrollaban con novo pulo formando unha rede capaz de destruír a lóxica do poder e a prepotencia, coma na loita contra o cargamento do Casón: non pode narcotizarnos o pensamento único e, neste evento, a comarca perdeu o medo e apostou por afondar nas nosas raíces, para abrir o abano de posibilidades para todos, sen exclusións. Por iso, Xermolos hai 36 anos, sen medios económicos, supliu a desidia das administracións en varios eidos da actividade sociocultural, promovendo iniciativas nas que se implicaron e implican persoas de toda procedencia.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Crónica. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s