U-lo compromiso da mocidade? Comprométense realmente ou só se indignan?


Responden:

Óscar Castro

Óscar Castro (Coordinador técnico do Centro Municipal de Información Xuvenil da Coruña)

Óscar Castro (Coordinador técnico do Centro Municipal de Información Xuvenil da Coruña)

O compromiso supón unha toma de posición organizada e compartida con outros individuos. A profundidade da crise actual, fai que todos os días aparezan nos medios de comunicación cifras que reflicten realidades que levan consigo a mobilización, compromiso e a iniciativa da xente nova: 52.34 % de paro xuvenil, aumento da emigración dun 21% no 2012…

Creo que non hai dúbida do compromiso real da xuventude, de feito non só os movementos sociais que adquiriron maior relevancia mediática (como puideron ser os acontecidos en Exipto, Islandia, Grecia, Portugal, España foron protagonizados maiormente por xente nova) senón que acotío iniciativas en diversos ámbitos seguen a ser protagonizados pola xuventude a través de colectivos non formais, ou a través de asociacións. Segundo o último informe sobre o Voluntariado de Acción Social en España da Fundación Luis Vives, o 44,7 % dos/as voluntarios/as tiñan menos de 35 anos.

Manuel Castells, no seu último libro, Redes de indignación e esperanza, di: “Os obreiros comunicáronse nas fábricas, os mozos de hoxe fano en Internet,…”.  Deste xeito, entre a xente máis nova, as redes sociais complementan ou substitúen os mecanismos de comunicación asociados historicamente aos movementos sociais (manifestos, panfletos, sermóns, rumores,…), e convértense en mecanismos indispensables na difusión de ideas que posteriormente conlevaran ou non a unha acción, que na maior parte dos casos si se levará a cabo nun espazo real concreto.

Alejandra de la Iglesia

Alejandra de la Iglesia (Estudante de pedagoxía e voluntaria no Centro Xuvenil Abertal)

Alejandra de la Iglesia (Estudante de pedagoxía e voluntaria no Centro Xuvenil Abertal)

As principais causas que moven á mocidade son crer nun cambio e poder conseguilo, mellorar a súa realidade próxima, conseguindo un benestar para os demais e para si mesma, e o sentimento de malestar se non se participa no cambio.

Hoxe os mozos e mozas estamos caendo na conta, a medida que imos cumprindo anos, da situación na que nos encontramos. Tamén, cómpre dicir, existe tanta información e tantas redes que é  moi difícil que non nos cheguen os ecos do que pasa na rúa. Ora ben, se falamos do sentido da vida, eu coido que a mocidade ten cada vez menos interese e o obxectivo é pasar a vida dun xeito agradable.

Creo que sabemos moi ben como mostrar a nosa indignación pero non sabemos en que facemos falla; eu aínda non teño moi claro en que medida o meu compromiso pode lograr un cambio notable. Hai persoas que ou non o saben, coma min, ou nin tan sequera o pensaron.

Hai xente nova que non ten claras as ideas, que se moven por impulsos emocionais, máis que por verdadeira identificación coas causas. A maioría das mozas e dos mozos ven o seu futuro sombrío e entenden que o seu compromiso con calquera causa xusta pódelles ofrecer algo máis. De todas as maneiras hai moita confusión; moitas contradicións.

Eu, persoalmente, acredito nas redes sociais como boas impulsoras dos grandes movementos sociais e, para min, un simple twit pode ser un gran compromiso.

 

Alba Sánchez

Alba Sánchez (Estudante de filoloxía, militante nacionalista, participa no movemento estudiantil cos Comités e colabora puntualmente con entidades solidarias da Coruña)

Alba Sánchez (Estudante de filoloxía, militante nacionalista, participa no movemento estudiantil cos Comités e colabora puntualmente con entidades solidarias da Coruña)

É moi frecuente ver nos medios de comunicación ou escoitar na boca de persoas adultas, un prexuízo en relación á mocidade, acusándonos de pasar dos problemas e de querer só festa, de só mirar para o noso embigo, de ser desorganizadas/os… Os mozos e as mozas somos persoas comprometidas, dispostas a loitar en contra das moitas inxustizas das cales non somos culpábeis, mais si dun dos sectores da poboación máis afectado.

Eu coido que a simple resposta colectiva, minimamente coordinada e localizada, que estamos a dar as mozas e os mozos de hoxe en día, expresa reaccións que van alén do individualismo e consumismo con que a miúdo se caracteriza a mocidade.

Somos moitas as mozas/os preocupadas polo futuro que nos espera, polo presente que estamos a sufrir e cada vez son máis numerosas as mobilizacións impulsadas por xente nova, protestas polas redes sociais…, porque entendemos que non son tempos de pasar, senón de actuar. O problema reside en que nesta sociedade cada ser humano móvese só cando lle afecta no seu sangue, polo que se debería impulsar desde diversas organizacións, entidades… o colectivismo, para rachar co maldito individualismo, ou ,mellor dito, egoísmo.

Falábase non hai moito de que a mocidade tiña agora un compromiso menos militante e que procuraba actividades que tivesen en si mesmas sentido; eu penso, porén, que hai máis xente moza que vemos e entendemos o compromiso como unha necesidade ética, lúcida e creativa para provocar mudanza na sociedade.

Ricardo Puertas Mosquera

Ricardo Puertas Mosquera (Educador social, Cambre)

Ricardo Puertas Mosquera (Educador social, Cambre)

Son un fillo do 75, ano de luces, ilusión, esperanza e futuro. Pertenzo a unha xeración que tanto xogabamos unha pachanga nos descampados da Coruña como nos tirabamos coas bicis nos grandes ocos que as construtoras deixaban no futuro barrio do Ventorrillo.

Cando realmente tiñamos unha meta (unha bici nova, un balón ou unha das emerxentes máquinas de marcianos) organizabámonos por barrios e iamos a recoller cartón para véndelo ao peso na rúa Barcelona.

Sería moi doado dicir que todo iso se perdeu e que a “xeración gardería”, os “nini“, como se di, teñen todo feito, e por iso nin fan nin desfan. Nada máis lonxe da realidade. A culpa non é deles. Poderiamos repartir culpas: sociedade, crise de valores, falta de relacións sociais, mass media…

Os fillos e as fillas do 65, 70, 75 son os pais e nais dos 85, 95, 2005, polo tanto son os que deciden na política e na economía,…, polo que se me ocorre que non están a recordar a súa infancia.

Os fillos e fillas dos 85 en adiante, coñecen máis as garderías, as actividades extraescolares, as vacacións, as consolas e os ordenadores, que a infancia e os soños dos seus pais e nais.

Na crise vexo esperanza. Xorden unha mocidade que entende como algo fundamental a autoorganización para acadar os seus obxectivos. Saben que na casa xa non se pode pedir (pois non hai), pero tamén aprenden que xa non se pode pedirlle ao “Estado”, senón que hai que tomar a iniciativa. Nace nunha xeración de mozas e mozos que aprenden de novo a organizarse e a procurar novos camiños.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en A pregunta coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s