Galicia 2050


2013 xa está a plena marcha. E amence con datos alarmantes sobre a profunda crise demográfica na que vive Galicia. E sobre as consecuencias que iso ten, das que se fala menos.

 

Cinco de cada seis concellos galegos perderon poboación en 2011.  De acordo coas proxeccións do Instituto Galego de Estatística, a Galicia de 2050 terá 2.400.000 habitantes (35.000 menos cá Galicia de 2011). E moito máis vellos. Ourense e Lugo están entre as 13 áreas administrativas de Europa máis envellecidas. Galicia –e Asturias- son, de Europa toda, as comunidades menos fecundas (1,09 fillos por muller en idade fértil, menos da metade do que sería necesario para seguirmos sendo o mesmo número de xente).

 

Non resulta moi tremebundo dicir, cos datos na man, que Galicia se mantén firme no rumbo da súa propia desaparición. Non xa cultural, política ou lingüisticamente falando (diso xa se encarga esta Xunta, poderíase retrucar). Non, neste caso, do que estamos a falar é da súa propia existencia física dos galegos e galegas, como comunidade humana.

 

Posiblemente vaia todo no mesmo lote. O desleixo pola identidade, polo medio ambiente e o patrimonio, pola defensa dos propios sectores produtivos, pola supervivencia demográfica.

 

O certo é que o enfoque que se dá ao problema con leis como a da Familia promovida pola Xunta resultan ridículos. Quedar ben coas asociacións antiabortistas non soluciona nada.

 

Á parte de que o asunto ten moitos máis aspectos a considerar que a cuestión da natalidade (desequilibrios no territorio, envellecemento saudable, sistemas de protección social, conciliación, planificación de servizos, etc.) o que urxe é actuar en dous aspectos.  O primeiro é asegurar as condicións para que as parellas novas que traballan –porque elas son mulleres de hoxe, afortunadamente- poidan ter os fillos e fillas que queiran, sen que iso prexudique laboralmente á nai traballadora. En todo caso, que a beneficie.

 

En segundo lugar, habería que anticiparse a un inminente recuperación da inmigración. Porque é obvio que a crise non durará sempre; porque, con crise e todo, segue habendo un diferencial de benestar importante con África, sen ir máis lonxe; porque este país ten moito potencial que, se nos desprezamos, outros aproveitarán; e porque os necesitamos.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s