Entrevista a Antonio Araúxo, Coordinador de Anova Irmandade Nacionalista.


José Antonio Martínez

FOTO1Delineante, cunha longa traxectoria política, concelleiro en Gondomar durante 16 anos, foi alcalde entre 2007 e 2009. Trala ruptura do BNG, pasou a formar parte da Asemblea Nacionalista do Val Miñor, dende a que se impulsou a creación dun novo proxecto político, Anova Irmandade Nacionalista. Despois da Asemblea Constituínte de Anova en 2012 foi elixido membro da súa Coordinadora Nacional, na que ocupa o posto de Coordinador.

Nun momento en que o exercicio da política está tan mal visto, que é o que leva a unha persoa con máis de trinta anos de traxectoria como militante a se aventurar na construción dunha nova forza política?

A necesidade e a reflexión, sobre todo despois de comprobar que o que existe non responde ás necesidades da sociedade galega do S. XXI, unha sociedade plural, complexa, e con problemas e expectativas ás que dende as forzas políticas clásicas ou do sistema non se lle estaba dando as respostas axeitadas.

Que achega Anova Irmandade Nacionalista ao panorama político e social galego?

Pois por unha banda a de lle dar unha resposta ás novas necesidades da sociedade galega e tamén da humanidade. Estamos convencidos de que un novo ciclo político está a comezar. Que temos que procurar alternativas á depredación capitalista, á ditadura dos mercados, e tamén, no caso do Estado Español, ao réxime político nacido da transición. Ao tempo, pretendemos abrir unha xanela de esperanza para recuperar e ampliar a hexemonía social do nacionalismo galego de esquerda que levaba anos atascado ou en retroceso.

Anova insiste en que non quere converterse nun partido político “tradicional”, senón que busca erixirse nunha forza política que aglutine un amplo movemento social que busca transformar a realidade. Como se pode concretar na práctica este reto tan ambicioso?

Certamente é o que pretendemos é ambicioso e, xa que logo, difícil. Mais niso estamos. Coidamos que as formulacións tradicionais da esquerda están esgotadas e polo tanto temos que procurar novas expresións ideolóxicas e tamén organizativas que, sen renunciar ás achegas positivas das esquerdas clásicas (comunista, socialdemócrata, libertaria, etc.) incorpore as novas visións do feminismo, do ecoloxismo, da conciencia dos límites do planeta, da mundialización das comunicacións, dos dereitos das persoas, … E témolo que facer dende a conciencia de que non hai modelos a seguir, de que temos que construír o noso propio modelo, e que dende Galiza podemos facer unha achega universal: pensar globalmente e actuar localmente.

Outra cuestión non menos importante, é o modelo organizativo. O modelo tradicional de partido de esquerda está esgotado, aínda que sexa o dominante. O esquema de grupo dirixente, aparato e afiliados púxose en cuestión tanto polos movementos sociais da última década como pola sociedade en xeral, expresado no “cansazo” da política e dos políticos, diso que se veu en chamar “desafección”. Temos que procurar fórmulas que acerten a combinar a necesaria coordinación da acción social coa posta en valor da opinión das persoas que integran ou apoian nun movemento político. Non vai ser doado esta combinatoria entre as pulsións das vellas culturas da esquerda e a desconfianza ante unha posible reprodución de modelos anteriores. Por iso falamos dunha nova cultura que ten que conxugar a eficacia organizativa e a toma de decisións nas asembleas. O reto é grande.

foto2

Anova é unha formación política en construción, e xa tivo que facer fronte a grandes retos, como a participación nas eleccións autonómicas e a conformación dunha coalición electoral, AGE. Como viviron todo este proceso?

Dunha forma intensa e tensa. ANOVA naceu o pasado 14 de xullo como resultado da confluencia de persoas que viñan de vivir había poucos meses unha situación traumática coa fractura do BNG, ao que moitos contribuímos a construír durante máis de tres décadas, con outras que non estiveran organizadas politicamente con anterioridade ou mesmo en organizacións cunha longa traxectoria de confrontación co BNG. A situación non era a máis favorable para un proceso reflexivo pero co esforzo de tod@s saíu adiante. Acabados de nacer, convocáronse eleccións, á mantenta, para collérmonos desorganizados, e fomos quen de artellar unha coalición electoral, AGE, na que demos combinado, ademais da achega de Equo e os Ecosocialistas, dúas tradicións políticas tradicionalmente confrontadas dentro da esquerda, a nacionalista e a federalista de EU. Coido que esta foi a gran ilusión que espertou AGE. Todo isto no medio do barullo provocado pola ruptura de Amio e as distintas visións de reformulación do espazo nacionalista de esquerda. En fin, a cousa non parecía doada, sei de moitos que non apostaban nin un peso por que Anova nacese, nin por sermos nós capaces de conformar unha alternativa electoral. Foi posible grazas a xenerosidade das organizacións políticas e, sobre todo, de moitas persoas que intuíron o que parte dos sectores máis agredidos da sociedade galega demandaban.

9 deputados, terceira forza no Parlamento Autonómico. Visto deste xeito non cabe máis que falar dun éxito absoluto da coalición da que formabades parte, AGE. Mais o PP revalidou a maioría absoluta, mesmo ampliando a súa representación, co que o “Hai que paralos!” que encabezaba os vosos mitins non tivo concreción. Como analizas esta situación?

Os espellos tamén deforman a realidade. É certo que o PP ten unha maioría máis cómoda pero con 130.000 votos menos. A sangría de votos da oposición foi enorme. Pouco máis de medio mes despois a folga xeral converteuse nun clamor e as rúas enchéronse de persoas contra as políticas do capitalismo financeiro e dos seus executores: Feijoo e Rajoy. Politicamente o PP estaba e está derrotado e a súa política económica absolutamente desacreditada. Faltou visualizar unha alternativa á situación de emerxencia. Nós non tivemos tempo e non podiamos facer todo. Coido que se o chamamento de Anova a conformar unha Fronte Ampla de esquerda fora escoitado por quen fixo ouvidos xordos ou xogou coa proposta, hoxe poderiamos ter unha conformación diferente do Parlamento. En todo caso para AGE foi un magnífico resultado tendo en conta as circunstancias das que falamos máis arriba.

foto3Cales son as liñas de traballo que ides priorizar na vosa acción parlamentaria?

Agora temos que parar as políticas contrarias ás maiorías sociais, opoñérmonos contundentemente aos recortes en dereitos sociais e liberdades e ao desmantelamento do sector público, e afirmar os nosos dereitos nacionais. A dinámica parlamentaria irá indicando se nesta liña podemos aglutinar a toda a oposición. O rexeitamento da sociedade á política económica da troika e do PP temos que trasladala ao Parlamento.

A “xente do común” centrou toda a vosa atención na campaña electoral. Dar resposta aos seus problemas foi o eixo de todos os discursos. As expectativas postas na vosa formación son moi grandes, posiblemente froito da novidade que representades. Non tendes medo de non cumprir cos anhelos que están postos en vós?

Non. Nos non somos máis que un instrumento ao servizo da maioría social galega. Non imos redimir a ninguén. Somos unha ferramenta, un amplificador dos movementos sociais. É a propia sociedade a que ten que xerar eses movementos, nós temos que saber escoitar e responder as súas demandas. A vangarda é a sociedade, nós temos que atinar no xeito de transmitir as súas inquedanzas, en achanzar o camiño e manter a ilusión de que as cousas podémolas mudar entre tod@s.

16 anos coma concelleiro en Gondomar, alcalde deste Concello até que foi deposto por unha moción de censura. É un grande coñecedor desta “política de proximidade”, do traballo porta a porta, cos veciños. Que pode achegar Anova á política municipal?

Pois neste punto, se cadra algúns xa fomos pioneiros, os concellos coma as administracións máis próximas á cidadanía, o primeiro que teñen que facer é escoitar as demandas sociais, e reflectilas nas políticas municipais ou, simplemente poñerse a carón das maiorías sociais que nestes momentos están sendo agredidas polas políticas neoliberais. Os concellos tamén poden ser ferramentas importantes na toma de conciencia e de transformación social.

Xusto despois de gañar as eleccións, Feijóo falou da necesidade de promover, aínda que sen obrigar, a fusión de concellos en Galiza. Como se ve isto dende un concello coma o de Gondomar?

A miña opinión persoal é que foi unha cortina de fume para ocultar os verdadeiros problemas da Administración. Dito doutro xeito, as fusións de concellos son o chocolate do loro. Se os gobernos do PP queren aforrar en duplicidade das administracións, que comecen por suprimir as Deputacións Provinciais, o Senado coma Cámara de segunda lectura, as Delegacións e Subdelegacións do Goberno, ou regular por lei os salarios de alcaldes e cargos públicos, asesores, etc. Xa veredes como sobran cartos para empregar no que realmente importa.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

One Response to Entrevista a Antonio Araúxo, Coordinador de Anova Irmandade Nacionalista.

  1. Pingback: Entrevista a Antonio Araúxo, Coordinador de Anova Irmandade Nacionalista. « Anova Vigo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s