Manuel Adame
Esta situación de crise económica, social, ambiental e política á que nos enfrontamos só é posible superala se nos organizamos e actuamos xuntos para defender os dereitos básicos, a dignidade perdida da sociedade. Levamos intermediando uns 60 millóns de euros entre aforro e crédito e temos financiado uns 150 proxectos sociais por uns 28 millóns de euros, o que garante o fluxo cara a proxectos solidarios nestes intres tan incertos no terreo do financiamento. Fiare quere facer real e efectivo o dereito ao crédito por parte de persoas e colectivos, canalizando os cartos cara a proxectos transformadores. A construción vai avanzando, pero xa durante o ano pasado concedemos préstamos por importe de máis dun millón de euros mensualmente a iniciativas de loita contra a exclusión social, de cooperación ao desenvolvemento e comercio xusto, de agroecoloxía e de promoción de valores solidarios.
Traballo ao servizo da xustiza
Fiare está totalmente ligado ao tecido social de cada territorio. Podemos dicir que este é o mellor xeito de coñecer de preto a colectivos, asociacións e entidades e a súa forma de traballar con respecto ás condicións laborais, a relación co medio ambiente e, en xeral, aos fins de Fiare (traballo ao servizo da xustiza, sen ánimo de lucro, acción significativa…) ; A taxa de morosidade dos préstamos é moi inferior ao 1%, moi afastada dos 8% ou 9% que ronda a banca convencional. Por isto, un requisito para poder emprestar cartos é que as entidades e persoas destinatarias formen parte ou sexan moi achegadas a algunha rede solidaria, no campo de actuación correspondente á súa actividade económica, ou que formen parte de Fiare.
Fiare quere chegar a ser unha cooperativa de crédito con todos os servizos, obxectivo que temos previsto acadar a finais do ano 2013. Todo isto vai depender da cantas persoas cheguemos a ser socias, require militancia económica, capacidade de “desobediencia” e desexos de acabar coa terrible crise de valores imperante, de tal xeito que a comodidade ou os xuros non sexan os factores relevantes, senón a repercusión social que terán os nosos aforros e que realmente podemos coñecer onde se están a facer os investimentos, poderemos poñerlle cara e ser partícipes destas novas realidades de economía social e solidaria.
Un punto moi salientable de Fiare é que é un proxecto de cooperativa de crédito ética que foi medrando e construíndose desde abaixo, a partir de grupos e colectivos pertencentes ao tecido social e asociativo no que conflúen, con datos de outubro de 2012, máis de 3000 persoas e preto de 400 entidades e colectivos a nivel estatal.
Apertar as caravillas á crise
Para Fiare, o 2012 supuxo a inclusión de novas comunidades territoriais que se están a artellar no proxecto, o que nos permite estar practicamente en todo o Estado español coas doce actuais (Fiare Aragón, Fiare Canarias, Fiare Castilla y León, Fiare Catalunya, Fiare Euskadi, Fiare Galiza, Fiare Illes Balears, Fiare Murcia, Fiare Navarra, Fiare Sur, Fiare Xarxa Valenciana e Fiare Zona Centro) e a socia transversal (Coop57). O importante é o tecido social que se está a unir e a coordinar, como unha ferramenta colectiva artellada ao redor de persoas e organizacións que permiten construír o proxecto e apertarlle as caravillas á crise.
Concretamente, en Galiza, xa somos preto de 230 persoas e 25 colectivos, ademais dun Concello (Manzaneda), que abranguen grupos ecoloxistas, sindicais, de economía alternativa, culturais, de comercio xusto, de consumo responsable, cristiáns, de cooperación, … :http://fiaregz.wordpress.com/about/
Unha boa representación deste tecido social galego, representando as persoas e organizacións constituídas nos grupos locais de Vigo, A Coruña, Compostela, Pontevedra, Lugo, Ourense e Ferrol (en proceso de constitución), participaron na Primeira Asemblea de Persoas Socias a nivel estatal que tivo lugar o 28 e 29 de abril en Rivas Vaciamadrid (Madrid).
Este primeiro encontro a nivel estatal supuxo un “momento histórico” xa que na Asemblea fíxose realidade unha aspiración demandada pola sociedade civil e que viñan impulsando moitas entidades desde hai anos. Máis de 300 persoas de todo o Estado español referendaron a decisión de integrar en 2013 as bases sociais e operativas de Fiare con Banca Popolare Etica (BpE).
Na asemblea expúxose o diagnóstico e a viabilidade positiva á integración entre BpE e Fiare, así como o proceso necesario que vai culminar en 2013 coa implantación dunha banca ética cooperativa común entre Italia e o Estado español, unindo capital social e bases sociais e respectando a singularidade organizativa do seu movemento social.
Este paso vai supor para Fiare implantar a quinta área de BpE con tres oficinas operativas conforme á lexislación española (Bilbao, Barcelona e Madrid) e poder operar en todo o territorio a través da figura do banqueiro ambulante e a banca por internet, ofrecendo produtos habituais como libretas, contas correntes, tarxetas, domiciliacións, concesión de créditos máis áxiles, etc.
Un proxecto completo e integrador
Por iso en Fiare atopámonos na fase de captar capital social e de crear músculo no territorio, é dicir, de que cantas máis entidades e persoas comprometidas coa transformación da sociedade sexamos parte de Fiare, máis fortes seremos e máis servizos financeiros poderemos ofrecer. Estamos no camiño de facer posible un proxecto moi completo e integrador: crear unha cooperativa de crédito que estea nas mans dunha cidadanía responsable e comprometida.
Dende Irimia, que participa activamente neste proxecto, queremos animar a todas as persoas que recibides ou ledes a revista a sumarvos ao proxecto de Fiare Galicia.
Achégate, pregunta, comprométete e participa no grupo local da túa zona. Pasa á acción! Asóciate! Este é o momento!
As persoas de contacto en Irimia son Manuel Adame, en Vigo (655028253) e Alfonso Mascuñana, na Coruña (606816047). Para máis información: http://www.fiaregz.com/ e http://www.proyectofiare.com
Desde este mes de Xuño de 2010 e até o 31 de Decembro de 2012, Coop57 impulsa en Galiza unha campaña de captación de capital social para a construción dunha futura banca ética cidadá através do proxecto FIARE, do que é socia transversal. A iniciativa concrétase en forma de achegas de persoas (desde 300 euros) e de entidades da economía social e solidaria (desde 840 euros). Estas achegas farán parte do capital social da futura cooperativa de crédito europea. Podedes atopar toda a información neste tríptico e podedes descargar todos os documentos e formularios aquí .
[…] Fonte: Asociación Irimia. […]