A mellor noticia para os peores tempos


Imaxinemos por un momento que a Igrexa, as comunidades cristiás, fosemos quen de deixarnos de estereotipos sobre o Nadal, de liortas menores, de poderes e contrapoderes, de obsesións e protagonismos, de medo e complexos… e nos concentrásemos na mensaxe central do Nadal: non estamos sós, non estamos soas, Deus acompaña á Humanidade, solidarízase co sufrimento humano, faise rostro humano, non quere nin desexa outra cousa que a felicidade  de todo ser humano.

As estudosas e estudosos eséxetas xa nos dixeron hai máis de cincuenta anos que onde dicimos Belén quizais tiñamos que dicir Nazaré, que o do inverno non era tanto, que as cousas simbólicas son distintas que as históricas… e así moitas outras evidencias referidas ao relato arredor desta festa e de toda a infancia do de Nazaré; pero, imaxinemos que retomamos as enerxías e utopías dos anos 70 e 80 con aquelas cantigas que hoxe soan estrañas, e que eran predominantes nas celebracións de grupos e parroquias “a Belén vai e vense por camiños de ledicia e Deus nace nas persoas que se entregan aos demais; a Belén vai e vense por camiños de xustiza ….”.

Daquela resultaría que a celebración do Nadal estaría asociada a unha tenrura que se fai acollida das causas xustas, soño de mellores mundos. Daquela o Nadal axudaría a encher as nosas vidas de forzas, de pulos e enerxías para apoiar a todos os colectivos que están cuestionando a maneira de xestionar esta desfeita que chamamos crise. Daquela xurdirían entre nós novas iniciativas que puxeran ao ser humano por enriba dos intereses do capital. Daquela as persoas cristiás estariamos en primeira liña das organizacións que loitan contra os desafiuzamentos, na primeira liña das reflexións que se están a facer para buscar alternativas humanizadoras. Daquela os desencantados, os arredados, os “anti” terían a oportunidade de entrar en diálogo aberto e cordial coa forza revolucionaria do cristianismo e percibirían a Igrexa como unha boa aliada das mellores causas da humanidade.

Daquela o Nadal sería a mellor noticia para este mal tempo que nos está tocando vivir ou mesmo padecer.

Porque a boa nova doutro Nadal é posible.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , . Ligazón permanente.

One Response to A mellor noticia para os peores tempos

  1. Pingback: Esta noite nace Iexua (Xesús), o galileo, e por iso existe este blog. | Aí falaches!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s