Cóntame un contiño de Nadal, non un de terror


Daniel López

E niso, Zas! Metidos estamos nunha película de terror. Precisamente en Zas, onde agora xa é público, porque saíu na prensa, que as monxas da Fraternidad Reparadora en el Corazón de Cristo Sacerdote, se fixeron co “control” da catequeses parroquial. É o desembarco da “secta toledana”, aloumiñada por Rouco, que lles deu cancha no seminario de Madrid, unha creación do xesuíta Mendizábal, fundamentalista tremebundo. Son os que, coa protección oficial desa nostálxica xerarquía madrileña, se fixeron co control de seminarios e parroquias de cregos do Opus, como neste caso. Son a facción vitoriosa, chamada a rematar co diálogo e a tolerancia, co sentidiño e coa mesura, coa laicidade do mundo; encantados de dinamitar as pontes coa modernidade e tódolos intentos post-conciliares para darlle un futuro entendible á barca de San Pedro. Semellan o principio do fin; cheiran a xofre, a lado escuro, a novela de Dan Brown, a herexía interna, apocalíptica, para converter a Igrexa nunha seita marxinal, nun manicomio de absoluta insignificancia. O cadro é de psiquiatra especializado. Esas señoras monxas dormen no chan, interrómpense o sono, atorméntanse con cilicios e outros ferraganchos de autoflaxelación, fan xaxúns inhumanos. Separan nenos de nenas, impártenlles contidos tridentinos, obríganos a estaren de xeonllos na custodia e, como gran innovación pastoral, empáchanos a rosarios, trufados de demos , infernos e purgatorios, cun aliño de medo, culpa e dependencia. Terror relixioso. Por iso, con razón, os pais e nais de Zas rebeláronse e aplicaron o sentido común, o sensus fidei. Os pais e nais din o evidente: “Non queremos que os nosos fillos sexan adoutrinados na tristeza, no sufrimento na valoración do dolor, o sacrificio e a enfermidade como castigo de Deus polos nosos pecados”. Arrepía que o “sistema” que ampara a aquelas xoias “reparadoras” e lles dá poder sobre a xente, estea agora descubríndonos que a burra e o boi non son “rigorosamente históricos”. Grazas. Vainos dar un ataque! Non, monseñores, claro, a burra e o boi son creacións populares, coma o cortello, o manxadoiro, os pastores e os magos, as panxoliñas e os anxos. Son unha obriña de teatro creada polo pobo, pola xente do común, para celebrar que o máis divino xorde no máis humano. Para recordar que, se nalgún sitio está Deus, é na vida que nace, pobre e desconcertada, fráxil, totalmente dependente da solidariedade da xente de bo corazón. Morte ao terror e as súas noites. Viva a luciña do Nadal.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s