A pluritrapallada fica tuneada


Daniel López

Valentina Formoso

Claro, ao Tribunal Superior de Xustiza non lle quedou outra que anular certos artigos do Decreto de minorización do galego impulsado por toda esta tropa, decreto que chaman do plurilingüismo, bromas fóra. 

Podía ser doutra maneira? Pois nin se sabe, dada a Xustiza e os seus fantasmas. Pero poñamos por caso: se en certas escolas do estado de Tennesee fan unha consulta aos pais sobre se ensinar ou non a Darwin, probablemente sairía que non. Fóra o evolucionismo do ensino público. Pero para iso está a autoridade académica e, se non, está o Tribunal Supremo, que pon as cousas no seu sitio.

E podemos abundar no argumento. Hai selectos barrios brancos en Pretoria onde sairía a resposta “non” na seguinte pregunta: Deben os libros de historia de Sudáfrica citar a Nelson Mandela? Tamén dubido da victoria do noso ilustre rianxeiro se en certos colexios deste país de noso se preguntase: En caso de que o calendario apreme, que prefire, que ensinemos a Castelao ou a Belén Esteban?

Tamén era de escándalo que, botando pola borda miles e miles de horas de traballo calado para facer normais e pacíficas as cousas, pois, así dun día para outro, se “empoderara” aos adolescentes para arrepoñerse e retrucarlle a un profesor de galego, ou dunha materia en galego, que el ou ela non usaba esa lingua, porque non, “porque la ley de Feijoo me ampara”. Raios, tanche os tempos para iso!

Pero o problema de fondo subsiste. Valentina Formoso (na foto), a nosa colaboradora, indicábao ben nunha recente entrevista en Praza Pública: todo o que se moveu arredor do decreto foi negativo, pero un dos problemas máis grandes que ten unha lingua minorizada é o conxunto de actitudes negativas. Nun proceso de normalización hai que intentar mellorar ese imaxinario negativo e non se trata só de aprender a lingua para usala, senón de transmitir unhas actitudes positivas cara esa lingua”. É dicir, agarimo, orgullo, dignidade, prestixio, humor, complicidade, comunidade, identidade.

E o problema que subsiste chámase deserción masiva e perda de calidade e cantidade de falantes. Se o obxecto da lexislación non é unha pluritrapallada, senón que é que o alumnado remate coa mesma destreza e capacidade de uso do galego e do castelán, por que non se avalían en serio os resultados destes inventos? Por que non se fan estudos científicos sobre o nivel de destreza escrita e oral e, de paso, sobre o nivel de querenza, de estima e de compromiso persoal con cada unha das linguas?

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

One Response to A pluritrapallada fica tuneada

  1. Pingback: A pluritrapallada fica tuneada « Abrente incerto

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s