COMENTARIOS (CRÍTICOS) AO ANTEPROXECTO DE LEI ORGÁNICA DE MELLORA DA CALIDADE DA EDUCACIÓN – LOMCE


 Lois Ferradás

Aclaracións previas:

mobil2Estes comentarios baséanse no anteproxecto difundido polo Ministerio de Educación. Coas achegas das comunidades autónomas, do Consello Escolar do Estado, sindicatos, ANPAs, movementos de renovación pedagóxica e, sobre todo, no trámite parlamentario, experimentará cambios, non sempre para mellor.

U-lo diagnóstico da situación actual. Chama a atención que a dereita impida o consenso e o pacto pola estabilidade lexislativa, cuestionando, por exemplo, a educación para a cidadanía, presente na maioría dos países do noso contorno. En vez de promover estudos serios sobre as necesidades do sistema (menores de 3 anos, fracasados na ESO, adecuación da FP ás necesidades de sectores produtivos, preparación para os estudos superiores, …) e acordar a resposta ás mesmas, promóvense medidas que apoian unha ideoloxía partidaria: desprestixio do profesorado, selección, competición, apoio á privada en detrimento da pública, subvencións á educación separada por sexos, etc.

Unha idea básica desta reforma. Xa desde a exposición de motivos deste anteproxecto de lei queda claro que se entende a educación de maneira mercantilista e utilitaria, como un factor dependente dos procesos económicos e orientado á competición entre individuos. Así comeza: “La educación es el motor Wert teclado (Large)que promueve la competitividad de la economía y el nivel de prosperidad de un país. El nivel educativo de un país determina su capacidad de competir con éxito en la arena internacional y de afrontar los desafíos que se planteen en el futuro. “

Aínda que parece broma, inclúe como un dos obxectivos da educación primaria (artigo 17,b) “desarrollar hábitos de emprendimiento empresarial”. Tamén chama poderosamente a atención o que di da calidade educativa, que “debe medirse en función del output (resultados de los estudiantes) y no del input (nivel de inversiones, número de profesores, número de centros, etc).”

Principais medidas.

FLEXIBILIZACIÓN DAS TRAXECTORIAS NA ESO. O fracaso escolar nos últimos cursos da ESO vense forxando desde os primeiros anos da educación primaria. Os sistemas de maior éxito poñen remedio tan pronto como asoman as primeiras manifestacións de atraso na comprensión matemática ou na comprensión e expresión escrita. Aquí, en cambio, cando xa é difícil atopar a solución, óptase por segregar. Esta segregación temperá supón a renuncia a sacar adiante o conxunto do alumnado nunha etapa obrigatoria: derivarase o alumnado que teña malos resultados a un limbo no que unha parte non obterá a titulación da etapa. A titulación deixa de ser común, ao formularse dúas orientacións que dan acceso a vías diferenciadas: ensinanzas aplicadas á Formación Profesional e ensinanzas académicas ao Bacharelato, sempre e cando se supere unha reválida con probas tamén distintas.

IMPLANTACIÓN DE PROBAS DE ÁMBITO ESTATAL. Nalgúns casos posuirán un carácter determinante para seguir estudando e indicarán os niveis de esixencia e de comparación de resultados entre centros. Están previstas en 3º e en 6º cursos de Educación Primaria (EP), en 3º e 4º da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), e en 2º de Bacharelato. Probas coas que se pretende aguilloar o esforzo dos estudantes e dos centros por acadar os mellores resultados sobre aspectos moi parciais da educación. Reforzarán o control do currículo cara á súa maior homoxeneización e recentralización, que redundará nunha maior desprofesionalización da docencia. Contaminarán o sentido da avaliación continua, e o mesmo currículo -o que non se avalíe verase desvalorizado-, poderán reforzar a memorización e repetición de contidos por parte dos estudantes, deixando á marxe aspectos mobil1relacionados co traballo colaborador e coa creatividade, empobrecendo e acomodando as metodoloxías docentes a estas finalidades. Se do que se trata é de valorar o grao de madurez académica, a consecución dos obxectivos da etapa ou a viabilidade do tránsito do alumnado para a etapa seguinte, é evidente que a avaliación continua sobre o conxunto das competencias do currículo é superior a unha proba escrita sobre aspectos parciais nun momento puntual e final do proceso de aprendizaxe

SIMPLIFICACIÓN CURRICULAR, REFORZO DAS MATERIAS INSTRUMENTAIS E RECENTRALIZACIÓN. O anteproxecto desmárcase unha vez máis da idea dun currículo integrado e interdisciplinar, incluso na primaria. Contradicindo o seu propio criterio de redución do número de materias desdobra “Coñecemento do medio” en Ciencias Naturais e Ciencias Sociais, regresando ao currículo da EXB e rompendo unha traxectoria singular que conta con recursos didácticos moi variados. Os problemas que se poden derivar en Galicia por mor das marxes da aplicación do decreto do Plurilingüismo súmanse ao efecto recentralizador que terá a redución de competencias das comunidades autónomas. Así, é posible que quede menos marxe para contidos relacionados co coñecemento do medio da propia comunidade. Na secundaria, as materias segundo eles “non prioritarias”, desaparecen ou perden peso, e o efecto perverso das avaliacións externas ameaza con facelas insignificantes.

lomce_traducidoAUTONOMÍA DOS CENTROS, ESPECIALIZACIÓN, E REFORZAMENTO DAS DIRECCIÓNS. Para que deben ser autónomos os centros? Para mellor responder ás necesidades educativas do alumnado, desde a perspectiva do dereito a unha educación de calidade. O anteproxecto de lei, aínda que fala de profundar na autonomía dos centros, o certo é que a restrinxe ás cuestións metodolóxicas sempre baixo as directrices da administración. Esta lei posibilitará a posta en marcha de accións de calidade de carácter competitivo e os centros disporán de autonomía tanto na xestión dos recursos humanos como dos materiais e financeiros. As direccións dos centros terán atribucións para adaptaren os recursos humanos e os materiais e financeiros, afondando na procura de maiores espazos para a privatización. A perda de peso tanto do profesorado no seu conxunto como dos órganos colexiados do centro, claustro e consello escolar -convidado de pedra ao quedar relegado a funcións puramente consultivas- apuntan a un reforzamento do modelo xerencialista e empresarial. Óptase por minimizar aínda máis a idea de comunidade educativa, ao reforzar as atribucións das direccións que, na práctica, poderán ser nomeadas, sen máis, pola administración educativa.

REDESEÑO DA FORMACIÓN PROFESIONAL A. Estruturarase en tres niveis:

a) Formación Profesional Básica, á que acceden aqueles que non acadan o título de ESO a partir dos 15 anos e que, a pesar de que se garante a adquisición de competencias básicas propias da ESO, non van acadar o título ao seu remate. Obterán un titulo de graduado en formación profesional básica que os faculta -vía proba- para acceder ao Ciclo de Grao Medio.

PIZARRA-400x200b) A este segundo nivel pode chegarse tamén a través dun curso formativo ou dunha proba deseñados de maneira centralizada polo goberno e co título de Graduado en ESO, vía ensinanzas aplicadas. Ou tamén se se cursou a vía das ensinanzas académicas pero se superou a reválida prevista para as aplicadas, o que permitiría pasar do Bacharelato aos Ciclos de Grao Medio.

c) Aos Ciclos Superiores accédese desde o título de Bacharel -cursado o Bacharelato e sen reválida- e desde os Ciclos Medios máis unha proba de admisión, cuxas condicións regulará o goberno, pero que pode quedar baixo a responsabilidade dos centros. Tamén se poderá acceder desde un curso de formación específico, regulado polo goberno, e a partir dos 19 anos, vía proba.

Este deseño abre interrogantes que aínda deberán ser respondidos. É moi importante que se continúe coa dignificación da FP que nalgúns ámbitos está acadando gran prestixio. Ao incluír o primeiro nivel na ensinanza concertada garántese a extensión da privatización (artigos 84.7 e 116.6 ) e está por ver se se incorporan vías de pagamento nos niveis non obrigatorios, como algunhas administracións autonómicas xa comezaron a facer.

CONCLUSIÓNS.

O máis probable é que con esta lei non se promova a calidade do sistema, nin moito menos a súa equidade, e dificilmente lograrán reducir o fracaso escolar e o abandono temperán.

Acentuaranse as diferenzas entre centros, e non precisamente pola relevancia dos seus proxectos innovadores, senón polas estratexias de captación do alumnado seguindo un modelo privatizador.

Incide na desprofesionalización do profesorado ao que se lle modifican, outra vez, as condicións de traballo e se lle reduce o ámbito de decisións respecto de aspectos fundamentais da vida dos centros.

A idea de comunidade educativa, que foi perdendo potencia nas sucesivas reformas, xa nin sequera salva o plano formal, o que resulta paradoxal co discurso conservador que pretende –cando convén– facer prevalecer os dereitos das familias en determinados aspectos do currículo, ou no “ideario educativo” dos centros.

Cómpre que o colectivo docente, as familias e o propio alumnado participemos no necesario debate social deste asunto de tanta importancia, co obxectivo de recuperar outro discurso e promover medidas alternativas para a mellora da calidade do sistema educativo.

1 comments

Deixa unha resposta a Comentario crítico sobre a nova lei de educación | Aí falaches! Cancelar a resposta