“Non o fan porque se estea botando á xente da súa casa. É porque houbo un suicidio”


Maite Martínez Rodríguez

Conversa con Joaquín Díaz, membro da Plataforma Stop Desafiuzamentos da Coruña

Falamos con Joaquín Díaz o 13 de novembro, á mesma hora na que o Goberno estatal e o PSOE reuníanse en Madrid co obxecto de aplicar solucións a un dos peores e máis indignantes efectos da actual situación económica, política e social: os desafiuzamentos. Despois de días de xuntanza, o Goberno e o PSOE non acadaron acordo ningún. O Goberno aprobou logo un Real-Decreto lei para que, segundo afirmou o ministro de Economía, Luis de Guindos, “ningunha familia de boa fe se quede sen teito como consecuencia da crise”. Retomamos entón a conversa con Joaquín Díaz para preguntarlle pola valoración da Plataforma. Como el xa avanzara na entrevista, a Plataforma considéraa un parche que non vai solucionar este grave problema, imposible de atallar se non se modifica a vixente lei hipotecaria.

Boas, Joaquín. Moitas grazas por atender a nosa petición. Sabemos que estades traballando arreo para axudar as persoas, as familias, que fican sen vivenda. E neste mesmo momento no que nós estamos a falar, Goberno e o PSOE andan tratando este asunto. Que agardades desa conversas?

Esperar non esperamos nada, realmente. Sabemos da proposta inicial do PSOE, sobre a que están traballando, que é moi curta, son anacos dun lado e doutro. A nós deixóusenos fóra do debate, e os expertos cos que están traballando son: unha persoa do Banco Hipotecario Español, un ex-conselleiro andaluz de economía… Persoas que non están a carón da realidade, que están nos seus despachos afastados dela. Cremos que a reunión vai ser bastante ineficaz e tamén que a lei que queren presentar o próximo xoves quedará curta.

Credes, logo, que non vai solucionar o problema?

Non vai, non. Venderano moi ben nos medios, para quedaren ben, como están quedando ben agora os bancos cando onte pararon os desafiuzamentos, mellor dito, dixeron que ían paralos. E será iso, un pouquiño de lavado de cara, non será a solución.

Cales pensades vós que son as solucións para este problema?

Establecer a dación en pago con efecto retroactivo e que se fagan campañas políticas para cambiar a mentalidade aínda existente de que aquí hai que hipotecarse para ter unha casa en propiedade, porque o mercado actual laboral, a actual situación económica, leva a que se estenda o uso de vivendas en aluguer e non en propiedade. Debería aproveitarse o contexto económico para darlle a volta á idea de que é mellor vivir nunha vivenda en propiedade ca nunha en aluguer. Ademais, deberían establecerse moratorias por lei para xente que non pode pagar, que quedan no paro, ou que están cobrando a axuda familiar e non conseguen pagar a cota da hipoteca. Nestes casos, o que sucede agora é que esas persoas, cando deixan de pagar un par de meses, por exemplo, sóbenlles as hipotecas moitísimo porque lles aplican uns xuros de demora á débeda de incluso o 20%. E entón pasa o que pasa: hai xente que leva a hipoteca paga durante dez anos e agora, cando non pode afrontar os pagos, atópase que lle debe máis cartos ao banco que cando asinou o contrato.

Nós propoñemos, en primeiro lugar, paralizar todos os procesos de desafiuzamento. Despois, no canto de lexislar por decreto-lei, entre dous partidos e en catro días, crear unha comisión de debate, na que estean incluídas todas as partes. E sobre a duración, se dura un mes, que dure un mes, pero que se faga un bo acordo.

Estase transmitindo a idea de que hai lexislar canto antes pero é unha acción-reacción do Goberno, para min é demagoxia pura. Non o fan porque se estea desafiuzando á xente. É porque houbo un suicidio estes días. Por iso son estas reunións, para apagar incendios, o lume no rocho, non para arranxar a casa. A gran maioría da poboación tomou conciencia sobre este problema e eles mesmos saben que, como o deixen pasar, vainos queimar a eles. E a Unión Europea está tamén detrás facendo presión, que é outro dos motivos probables polos que se fixeron estas reunións.

Que di a Unión Europea sobre a vixente lei hipotecaria española?

Non é só que sexa inxusta, senón que é unha lei que non deixa lugar para o proceso de reclamación. Estana denunciando non por lei de vivenda senón por lei de consumo, por dicilo dun xeito sinxelo. O que pide o Tribunal Europeo é que, igual ca noutros procesos, haxa posibilidade de revisar, de reclamar. Na actualidade, a persoa hipotecada no pode reclamar a sentenza. É un proceso administrativo puro; non hai xulgado que ditamine nada. O que está dicindo é que ten que existir a posibilidade de defensa. É unha lei moi diferente ao resto de leis hipotecarias de Europa, a peor probablemente. É do ano 1909, nun momento no que debía de haber unhas 200 hipotecas en toda España. E ademais compleméntase coa lei de usura, a dos xuros de demora do 20%, que é da I República, de finais do século XIX. É a única que se podería aplicar. Esta lei di que o xuíz é quen estimará que é usura e que non o é.

Sobre a dación en pago, que opinades? Resolve de raíz o problema? Porque as persoas, as familias, quedan sen vivenda.

A dación en pago tería que ir sempre acompañada do acceso a vivendas en aluguer. É dicir, que cando se efectuase a dación en pago, as persoas afectadas tiveran xa a disposición unha vivenda de aluguer. Existindo na actualidade seis millóns de vivendas baleiras en España, debería crearse un sistema de aluguer social para que as persoas que quedan sen vivenda, pagando unha cantidade proporcional aos seus ingresos, poidan volver vivir nunha situación de normalidade polo menos ata que recupere un nivel de vida digno.

Que se pode facer antes de que se execute unha orde de desafiuzamento?

Antes pódese tratar de negociar co banco, que é algo que non ocorre moito, e pouco máis: tratar de conseguir informes de traballadores sociais, de centros cívicos -no caso das cidades, onde, neste sentido, é máis fácil- para levalos aos servizos sociais e intentar conseguir algún tipo de axuda e incluso conseguir algunha mediación.

Sabemos que no Estado español hai uns 530 desafiuzamentos ao día. Cal é a situación en Galicia?

En Galicia a porcentaxe de desafiuzamentos é menor. Concéntranse case todos en Madrid, Barcelona, Valencia e en Andalucía. Aínda así, en Galicia hai bastantes, hai uns 12 ao día, que xa son dabondo. O problema é que non saen practicamente á luz. Pola propia idiosincrasia galega, porque os propios afectados e afectadas non queren que o saiban os veciños nin a familia… e, daquela, pérdese o apoio familiar. Os casos que se coñecen publicamente difúndense porque os estamos difundindo nós desde a Plataforma. De feito, cando a xente recorre a nós xa está en plena desesperación, xa non son procesos iniciais senón finais. En máis dun caso, cando nos piden axuda temos só tres días de marxe para intentar resolver o problema, non temos máis. Son casos terminais xa. E nisto non hai diferenzas entre as cidades e o medio rural. É dos poucos sitios de España nos que os afectados non queren dar a cara, senten vergonza e, cando saen nos medios de comunicación, piden que non poidan ser recoñecidos, coma se fosen maltratados. E realmente non son os culpables do que están a vivir.

Ten que ver iso co feito de que, polo menos ata agora, se asumisen os desafiuzamentos como un problema individual, familiar, non coma un resultado máis da crise que vivimos?

Realmente a orixe está na banca. As entidades financeiras deberían tomar tamén cartas no asunto porque todos os casos teñen a súa orixe no período do que vai do ano 2001 ao ano 2006, no que se deron hipotecas a persoas con traballos temporais, con traballos dos que se sabía que non ían dar para manter unha hipoteca de 40 anos, e a xente con máis de cincuenta anos. Consciente ou inconscientemente déronse de maneira errónea, sen valorar as consecuencias, sobretaxando as vivendas. E moitas hipotecas fixéronse de maneira ilegal. De feito, hai moitos casos que poñemos en mans dos avogados para denuncialos por estafa. Pero aquí aparece outro problema para os desafiuzados: os custos xudiciais da denuncia por estafa poden chegar aos 50.000 euros. A nova Lei de Taxas Xudiciais proposta polo ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, que se aprobará no Senado, engade aínda máis dificultades para que as persoas en situacións económicas graves poidan recorrer á xustiza para denunciar os abusos cometidos contra elas polas entidades financeiras.

Non podemos esquecer que se denuncia a entidades con aparatos e recursos legais moi potentes. Nós vivimos na Coruña unha situación bastante estraña negociando con Bankinter, o banco mandou desde Madrid ao director de seguridade e ao avogado xefe.

Parece que vos tiveran medo. Se despregan esa cantidade de recursos para negociar con vós será porque ven o voso movemento como unha ameaza. Se non fose por vós, os desafiuzamentos non estarían na axenda dos medios de comunicación, na política e non sería unha das grandes preocupacións sociais actuais.

As Plataformas Stop Desafiuzamentos aquí levamos ano e medio traballando e antes non se coñecía nada sobre os desafiuzamentos, non se sabía nada e xa había case 200.000 en toda España. As plataformas empezaron a formarse no 2010, en Cataluña. Aquí, na Coruña comezamos en xuño de 2011. Xorden a partir do Movemento 15M. Primeiro foron grupos de traballo no 15M e despois constituímonos en plataformas. Nós tamén nos mobilizamos e denunciamos as axudas que está recibindo a banca e as políticas que se lles aplican. Agora vemos que se crea o “banco malo” con 60 mil millóns de euros, que realmente é un cemiterio de vivendas, ao que non se vai sacar rendibilidade ningunha. Implica lavarlle os balances aos bancos e que se saquen de enriba os “mortos”, que son as vivendas de máis de 20 anos ou 30 que van meter aí e que non teñen valor de mercado ningún. As vivendas máis novas déixanas en stock porque saben que teñen saída en tres ou catro anos. En canto aos gobernos, non só ten responsabilidade o estatal. Aquí, o Concello da Coruña sempre nos di que non ten competencias, cando noutras cidades estanse creando oficinas de mediación propias, con traballadores sociais, economistas, avogados, para negociar cos bancos; están poñendo a disposición vivendas municipais de protección oficial. Noutros concellos algúns alcaldes como medida de presión retiraron as súas contas dos bancos que embargan as vivendas. Na Coruña, as tres mocións que se presentaron, foron bloqueadas polo Goberno municipal, que non accedeu sequera a debatelas, por non estimalas urxentes, dicindo o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, que as mocións eran brindes ao sol. Levamos un ano e medio esperando a que nos reciba o Goberno municipal.

Falando de responsabilidades, habería que falar dos notarios. Na Coruña sabemos dun notario moi coñecido que parece que está involucrado en contratos de hipotecas ilegais.

Que din as persoas afectadas sobre a mesa de debate, formada en Madrid para solucionar o seu problema, na que só participan o Goberno e o PSOE?

Algunha xente manifestou o seu desacordo mediante concentracións. Hai bastantes críticas, non só por parte dos afectados, tamén por parte de xuíces, traballadores sociais, persoas que polo seu traballo son “termómetros sociais”, que coñecen de preto como viven os desafiuzados. E é que están decidindo, sobre a solución ao problema, xustamente os seus culpables, os que “deixaron facer”. Aquí mesmo, na Coruña, non se conta cos traballadores públicos, os traballadores sociais non poden trasladar ao goberno municipal nada porque saben que non van saír adiante as súas propostas. Están moi desesperados con respecto a situación e ata arriba de traballo. Se queres falar con eles, tés que esperar unha semana porque están a rebentar de citas, mañá e tarde.

Cres que vai haber movemento Stop Desafiuzamentos para tempo?

Si, creo que si. Por exemplo, na Coruña cada vez hai máis xente interesada. E no resto de España ocorre o mesmo. Ata que non se consiga unha lei realmente xusta e se cumpran as condicións, o movemento seguirá adiante. Despois quedaría como un mero “vixilante”.

Para contactar na CORUÑA:

En Facebook: http://es-es.facebook.com/pages/STOP-DESAHUCIOS-A-CORU%C3%91A/216065495111451?sk=wall&filter=12

Correo electrónico: desahucios.coruna@gmail.com

STOP DESAHUCIOS ESTADO ESPAÑOL:

www.stopdesahucios.es

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , , , , , , . Ligazón permanente.

One Response to “Non o fan porque se estea botando á xente da súa casa. É porque houbo un suicidio”

  1. Pingback: Para a festa da nena María | Aí falaches!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s