Galicia: técnicas para sobrevivir


A Xunta de Galicia acaba de suspender un exame (ver páxinas centrais) e non un exame calquera, senón o dunha materia troncal. A materia é, nin máis nin menos, que a estratexia para facer do galego unha lingua viva e con futuro. Esa é a cuestión na que o Consello de Europa reprende á Xunta de Feijoo cunha mensaxe clara: non se cumpren os mínimos compromisos adquiridos. E así, a Xunta pasa, de ser un aliado, a ser un atranco na causa da supervivencia do mellor legado do noso patrimonio cultural.

A lingua é a mellor metáfora de Galicia. Poderiamos, desde ese gran símbolo, facer un percorrido análogo por todos os aspectos aos que, dalgunha maneira, é necesario aplicar unha estratexia de supervivencia, de mellora desde a diversidade, de futuro. O noso patrimonio arquitectónico, a paisaxe e o hábitat humano, os nosos recursos naturais, os nosos sectores produtivos, as rías, a historia, as artes, o deseño,  a maneira de vivir.

 

Se a Xunta de Feijoo suspende en lingua, hai que prepararse para outros suspensos. E habelos hainos, mesmo cando non haxa tribunal avaliador externo. Galicia necesita un catálogo de técnicas de supervivencia para tempos escuros. Esa é a cuestión e a chamada a tódalas forzas vivas, movementos cívicos, tecido social e, tamén, como non, partidos políticos.

 

Efectivamente é  o momento de pasar do “hai que paralos” e do “hai que facerlles fronte” a propostas construtivas e positivas, firmes no fundamental, dialogantes nos detalles. As forzas políticas e a sociedade debemos poñernos a deseñar ese catálogo de técnicas e estratexias para que Galicia, nacionalidade histórica, sobreviva, sen disolverse, sen facerse o harakiri, sen autodespreciarse un segundo máis.

 

O momento é crítico porque se está construíndo o marco teórico, o discurso da recomposición territorial de España. E Galicia xa non é nin citada nos manuais dos recompoñedores, dun e doutro signo.

 

E do que non se fala, non existe.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Editorial. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s