Escándalo, pero menos


Daniel López

A raíz da morte de catro rapazas nunha festa de Haloween á americana, con disfraces e disc-jockey, escoitamos pola radio un curioso exemplo de escándalo farisaico. Ben, é probable que haxa quen xa non entenda que significa iso de farisaico. É unha mágoa, e esa ignorancia ten que ver co que quero dicir aquí.

 Volvendo á radio, indicaban con sorpresa e indignación que nesas festas non había control; que había menores; que se consumía alcol e substancias varias; que ás veces – ui, ás veces!- hai menores en coma etílico; que o afán de lucro dos empresarios da noite provoca que se enchan os locais moi por riba do aforo.

Vaia, ten que morrer alguén para que descubramos o único gran modelo de ocio dos nosos adolescentes. Adolescentes que agora van dos 13 aos 35, aproximadamente.

É toda unha descuberta, si. Un descomunal fariseísmo colectivo. O que fomos creando é o que é. Para empezar, un coma etílico con 17 anos e 7 meses non é moito peor ca con 19 anos. E se alguén quere abrir os ollos que pregunte aos médicos de urxencia nas fins de semana, os xoves e outras calendas varias. Si, a cousa foi medrando imparable, como a gran relixión dos nosos días, con devotos e devotas de fe inquebrantable. Son actos de intensa comuñón, normalmente arredor do alcohol compartido, necesario para a desinhibición, a inmersión, a relación e a salvación efémera. Algo así. Porque para moitos e moitas non é algo extraordinario, unha escapada, que non tería maior aquel, senón unha forma de vida, ou, aínda máis, o que dá sentido a unhas vidas que lle piden pouco á vida.

Os feitos falan, o fenómeno da persistente inversión horaria ligada á  liturxia noctámbula ten bastante de suicida. Non xa polo fígado, senón polos seus efectos culturais como fenómeno de masas. Os especialistas din que esa inversión horaria –ese teimudo castigo aos biorritmos naturais- causa trastornos irreversibles na mente dos máis devotos. Pero, para min, que o efecto máis letal –e máis útil para o sistema- é que crea xeracións case enteiras de mocidade sonámbula, neutralizada para a rebeldía, para o compromiso organizado co país, para a perseverancia e o traballo a prol das boas causas. Nas horas de luz, son zombis. Dunha mediocridade intelectual atroz. As neuronas, sen memoria RAM.

Por suposto que hai intereses lucrativos que reforzan o conto e estimulan esta devoción, pero é deprimente esa morea de zombis. E hai quen pensa que son hábitos de esquerda, por aquilo da transgresión. Bosta! Ben ao contrario, son a camada perfecta que o capitalismo liberal necesita.

 

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s