O Consello de Europa e a estratexia lingüística da actual Xunta de Galicia


Entrevista con Alba Nogueira


Semella claro que a crise e os seus efectos teñen a capacidade de agachar e empequenecer grandes cuestións que tocan o noso futuro e o noso patrimonio inmaterial. Ou doutra forma: non deberiamos nunca esquecer e asfixiar aquilo que nos fai culturalmente ricos e distintas, precisamente cando nun mercado globalizado a diferenciación é unha clave de éxito. Coa cuestión lingüística en Galicia levamos anos teimando, xunto con outros moitos e variados colectivos e organizacións galegas, no argumento de que a lingua galega é un patrimonio demasiado precioso e demasiado en perigo como para deixalo en mans de políticos que, ou ben o desprezan sen pudor, ou ben o “veneran” tanto que nunca o usan fóra da liturxia parlamentaria e mediática. O Consello de Europa acaba de dar un apoio claro ás nosas posturas no seu terceiro informe sobre o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, no que analiza a situación dos idiomas cooficiais no Estado. Comentamos a importancia de todo isto coa doutora Alba Nogueira, profesora de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago e académica correspondente da Real Academia Galega, que publicou recentemente un estudo sobre a Carta Europea das Linguas Minoritarias.

Antes de nada, poderías explicar brevemente en que consiste esa Carta Europea das Linguas Minoritarias e a súa importancia?

A Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM) é un tratado internacional impulsado polo Consello de Europa para protexer a riqueza que supoñen para o patrimonio cultural europeo as linguas tradicionalmente faladas nos seus territorios. Non é, polo tanto, unha norma para protexer todas as linguas –as dos emigrantes, por exemplo-. Ao ser unha norma internacional só se converte nunha norma interna de aplicación no Estado español se se produce a súa ratificación. España fíxoo no ano 2001 mediante un acordo pola práctica unanimidade do Congreso dos Deputados no mandato de J.M.Aznar (http://www.boe.es/boe/dias/2001/09/15/pdfs/A34733-34749.pdf). A singularidade que ten a súa incorporación ao ordenamento interno é que é unha norma de obrigada aplicación, pero que non pode ser modificada polas leis posteriores. É, en certo modo, unha “lei blindada”, xa que a única forma de non cumprir os compromisos sería denunciar o tratado ante o Consello de Europa ou, por usar termos coloquiais, “darse de baixa”, co desprestixio internacional que implica.

E que supón asinar esa carta?

A estrutura da CELRM é bastante singular porque establece unha gradación de compromisos que deixaba unha ampla marxe de decisión aos Estados. Hai unha parte xeral de compromisos menos fortes aplicables a todas as linguas e unha parte de compromisos sectoriais (educación, administración, xustiza, medios de comunicación e actividade económica) na que os estados ratificantes tiñan a liberdade de escoller as linguas ás que se lles aplicaban e entre varios niveis de protección en función da situación en que estivesen as linguas. O Reino de España ratificou os compromisos máis fortes en case todos os sectores (excepto na Universidade) para todas as linguas que son oficiais.
Por poñer un exemplo que pode permitir visualizar mellor ese sistema de “menú variable” que implica a CELRM, no ensino, para cada nivel educativo, a Carta permitía escoller entre:

  1. prever un ensino garantido nas linguas rexionais ou minoritarias,
  2. prever que unha parte substancial do ensino se faga nas linguas rexionais ou minoritarias correspondentes; ou
  3. prever que o ensino das linguas rexionais ou minoritarias correspondentes forme parte integrante do plan de estudos; ou
  4. aplicar unha das medidas ás que se refiren os puntos 1) a 3) anteriores, polo menos aos alumnos cuxas familias o desexen e cuxo número se considere suficiente.


España ratificou polo tanto para todos os niveis educativos, un sistema de inmersión lingüística nas linguas propias en todos os territorios nos que son oficiais, con independencia de que exista demanda suficiente ou non das familias. Debe haber unha oferta positiva no sistema educativo que pode viabilizarse de dúas formas: como o fai Cataluña, cun sistema educativo igual para todos os estudantes,
en catalán, ou como fai Euskadi, con oferta de liñas en euskera para as familias que o demanden. Non ratificou, en consecuencia, niveis menos elevados de protección: ensino dunha porcentaxe elevada de materias nas linguas propias, ensino da lingua propia pero non o seu uso como lingua vehicular, ou ensino da ou na lingua propia só para aquelas familias que o pidan sempre que a Administración considere que hai un número suficiente de solicitantes para poñelo en marcha.

Que son os informes do Comité de expertos e que relevancia teñen?

 Outra singularidade da Carta é que, fronte á habitual falta de seguimento dos incumprimentos dos Tratados Internacionais, neste caso está previsto un mecanismo de avaliación periódica. Cada tres anos expertos independentes nomeados polo Consello de Europa visitan os países ratificantes e, mediante un sistema de reunións e envío de informes, fan entrevistas tanto ás administracións implicadas nas medidas de cumprimento como a axentes da sociedade civil para que acheguen a súa versión. No último ciclo de avaliación, por exemplo, unha delegación galega da que eu formei parte e na que estaban representantes da Mesa pola Normalización Lingüística, da Coordenadora de Equipos de Normalización Lingüística, de Nova Escola Galega, do Colexio de Xornalistas, entre outros, mantivemos unha reunión na que lles fixemos chegar a nosa valoración do período avaliado. Con esas opinións e informes elaboran o seu propio ditame, que é publicado e no que se inclúen consideracións e recomendacións en relación co cumprimento dos compromisos. A detección de incumprimentos ten servido no pasado para que as administracións sexan máis dilixentes e adopten medidas de protección máis estritas. Non obstante, aparte da publicidade negativa que implica, polo momento non se explorou a vía de esixir a garantía dos compromisos acordados.
Neste terceiro informe que elabora o Comité de expertos, que é o que achega como novidade? Deixa ao descuberto o que poderiamos chamar unha “axenda oculta” da actual estratexia lingüística da Xunta de Galicia?

O informe, ao igual que sucedía co segundo informe, reitera que se están producindo incumprimentos dos compromisos ratificados por parte da Xunta de Galicia. A desaparición do modelo de inmersión das galescolas os cambios introducidos co Decreto de plurilingüismo… afastan máis do cumprimento do compromiso de existencia de liñas en galego na educación en todos os niveis educativos. Tamén se fai unha mención relevante a facer unha reflexión sobre o uso do inglés en detrimento da presenza do galego no ensino e en relación cos materiais educativos. Outro gran punto vermello é o dos medios de comunicación, no que a desaparición de moitos medios en galego neste período e a falta de medidas para aumentar a presenza do galego nos medios privados de TV e radio detéctanse como incumprimentos da Carta. Tamén en relación con competencias autonómicas se determina que as medidas para promover o uso do galego na sanidade e nas actividades económicas dependentes do sector público son insuficientes.

Se, efectivamente, este informe é un tirón de orellas ao goberno galego, ese tirón sentiríao alguén? Pode ter repercusións?

Agardo que o sentise o Presidente, en primeiro termo, e o responsable de Política Lingüística a continuación. Existen previsións que deben ser postas en práctica e que poderían ser esixidas polos interesados en caso de incumprimento. Seguramente é chegado o momento de que os interesados tomemos a palabra e decidamos esixir o cumprimento dos dereitos que recoñece a Carta, que son esixibles directamente. Non todos o son, pero si algúns, como os relacionados coa educación.

O galego, a súa utilidade, a súa viabilidade, o seu futuro, neste contexto no que nos movemos… Como ves ti a cousa?

A situación é complexa, xa que nos últimos anos o goberno traballou activamente para construír prexuízos en torno ao galego e para restar ámbitos de presenza (educación, medios de comunicación, xustiza…). A perda de falantes, especialmente nas xeracións novas, é moi preocupante, ao igual que a situación en moitas contornas urbanas. É unha situación reversible, pero para iso faría falta unha acción decidida. En definitiva, unha discriminación positiva, que é no que consisten as políticas de normalización, buscando garantir espazos de presenza social que corrixan a desigualdade na que se atopa a lingua en moitos contextos lingüísticos.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s