Conversa con Manuel Muñiz, presidente de “Amigos do Patrimonio de Castroverde”


Xabi Blanco

Manuel, o entrevistado, con Xabi, o entrevistador. XXXV Romaxe.

Este ano levamos a cabo a 35 Romaxe na Veiga do Olmo, en Castro Verde. A Romaxe foi posible grazas ao traballo e ilusión da asociación “Amigos do Patrimonio de Castroverde”. Nesta entrevista queremos achegarnos a esta asociación: saber cando nace, e con qué finalidade, cales son as súas actividades principais, etc.

Para iso puxémonos en contacto co seu presidente, Manuel Muñiz.

Manolo cóntanos en primeiro lugar algo da túa biografía: quen es, qué fas, a qué te dedicas.

Pois, amigo Xabier, son Manolo Muñiz nado na casa de Muñiz, aldea de Vilar de Cas (Vilar das Casas ou dun señor chamado Casio), da parroquia de Moreira, concello de Castro Verde. Estudei entre Lugo e Santiago de Compostela. Fixen Filoloxía e, desde hai anos, imparto aulas de lingua e literatura galegas, xa van alá uns cantos anos; actualmente, imparto aulas no IES Gregorio Fernández de Sarria, mais á parte diso, son membro de varias asociacións, tanto de Castro Verde, Lugo, coma ONGS, e, desde o ano 2008, tamén son Vicepresidente de Terras de Lugo, Asociación que xestiona o GDR4, e desde 2005, tiven que asumir a presidencia de Amigos do Patrimonio e, aínda me faltaría comentar que fago unhas horas semanais na CIG-Ensino.

Fálanos agora da Asociación: cando xorde?

Como dicía anteriormente, a asociación xorde en novembro de 2005, aínda que viñamos remoendo na idea desde o 2002, reuníndonos e comentando o que hoxe está a pasar, o abandono do medio rural. Procurabamos volver a potenciar os lugares que nos viron nacer, esa era unha razón das máis profundas e poderosas: que os que nacemos nesta terra de Castro Verde (como o deberiamos escribir) ou os seus amigos, lle devolveramos algo. Diversas circunstancias, a pesar de que pertencía e sigo pertencendo á asociación Espalladoira, fixeron que xurdira esta asociación, Amigos do Patrimonio, querida por uns e denostada por outros, coma todo na vida.

Potenciar os lugares que nos viron nacer” éche unha idea

Roteiro ACEBO-A FONSAGRADA-A PÓBOA DE BURÓN-CÓRNEAS

bonita, desde logo, pero igual algo ampla para os que non estamos no allo. Pódesnos concretar algo máis ese obxectivo de Amigos do Patrimonio?

A finalidade e as actividades que desenvolvemos están nos Estatutos, que podedes atopar publicados no blog da asociación (http://amigosdopatrimoniodecastroverde.blogspot.com.es/ ) e onde calquera persoa interesada os pode ver polo miúdo. De xeito resumido, podo dicirche que temos moito interese en, por exemplo, potenciar e dinamizar todo o relacionado co Camiño Primitivo e que a xente nos visite

A boa xente de Castroverde, na acollida á Romaxe. 

e coñeza o noso patrimonio, tanto o artístico coma o paisaxístico ou o lingüístico. Outra liña de acción é a de tratar de “facer familia”, achegar as persoas que o Concello vencella, facendo que se coñezan e que se creen ligazóns entre elas. E, ao mesmo tempo, contactar e compartir experiencias con outras comunidades e asociacións.

Son tres boas patas para o banco. Pero, de que madeira están feitas? Dito doutro xeito, como levades á práctica ese ideario?

Queres dicir, actividades concretas, non é? Pois para que te fagas unha idea, levamos xa sinalados tres roteiros pola zona e temos en proxecto outros tres. Ademais difundímolos cunha publicación que chamamos: Itinerarios polo concello de Castroverde. O problema -coma sempre- son os cartos: que o proxecto poida seguir desenvolvéndose vai depender das posibles axudas Institucionais. Por outra banda, pensando principalmente nos rapaces do noso concello, tamén organizamos actividades no CPI de Castroverde.

E aquilo que contabas de crear lazos?

Ah! Tamén, tamén: este ano 2012, celebramos o V Irmandamento dos Castroverde / Castro Verde da Península Ibérica. Xuntámonos para os actos en Castro Verde de Campos -Zamora-, e aló acudimos xunto cos de Castroverde de Cerrato -Valladolid- e Castro Verde da comarca-distrito de Beja – Portugal-. Pero tamén mantemos encontros anuais con asociacións de Sarria, O Corgo, Redes-Caamouco… este ano, celebramos tamén o V encontro no noso Castro Verde. E nin que dicir ten que, desde a Romaxe de Baltar, estamos tamén nas Romaxes que realiza a asociación Irimia.

Pois xa que o nomeas, que sensacións deixou na vosa Asociación, a colaboración e a implicación que amosastes na Romaxe deste pasado setembro?

Pensamos que foi un acto importante para a nosa Asociación e para Castro Verde. Temos que valorar e estar abertos a visións diferentes, sempre que respectemos aos demais, que penso que é o que fai Irimia. Lamento que non tivera participado máis xente do noso concello e comarca, mais foi moi importante tanto para nós coma para os de fóra, aínda que só sexa por convivir e coñecer diferentes lugares de Galicia, coa perspectiva da nosas crenzas. Animo aos diferentes lugares de Galicia a que participen destas vivencias. As persoas que estivemos máis no allo, valoramos positivamente que se teña celebrado no noso Castro Verde esta XXXV Romaxe; o pobo en xeral, ao mellor non o valorou dabondo, porque non coñece o movemento; se cadra outros critícano porque son moi progres, mais dubido que esa progresía lles deixe estar ao lado do pobo. Eu valoro o feito de que a celebración se enraíce na zona, no concello, aínda que haxa persoas que non o entendan. Todo é mellorable e criticable, mais o que queira traballar que bote man á obra.

Tamén vos quero agradecer -aproveito- que me fixesedes partícipe desta entrevista e vou estender o agradecemento a todos os/as socios/as e, sobre todo, á Xunta Directiva de Amigos do Patrimonio, especialmente a algúns que non quero citar, mais que xa me entenden.

Nota: as fotos veñen do blog de Amigos do Patrimonio de Castro Verde

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s