Escrutinio en Sitio Distinto


Feijoo volve obter una maioría absoluta catro anos despois, mellorando os seus últimos resultados. Faino en circunstancias difíciles, asumindo todo o risco, nunha aposta persoal. Neste tempo de especial crueza para un gobernante, soubo marcar o seu estilo, co impagable apoio da enorme maquinaria electoral do PP e duns medios debidamente subvencionados. Ademais, e isto foi relevante, soubo xogar de maneira hábil coas fraquezas dos seus adversarios. Os debates televisivos foron ben reveladores desas diferenzas, o que resultou especialmente rechamante no caso do socialista Vázquez. A vitoria de Feijoo debe facer pensar aos seus adversarios no país real e nas súas propias carencias e desenfoques. Hai factores, como aquí apuntamos, que xogaron a favor de Feijoo. Pero o seu mellor aliado foi a debilidade dunha alternativa crible e viable. Isto é tan certo, como que esa vitoria rotunda do PP se produce a pesar de que perde 100.000 votos en comparanza coas eleccións anteriores.

Finalmente o descontento foi menor có medo. Nin as medidas de recorte, nin as políticas submisas aos ditados de Merkel e Rajoy, nin a diminución de servizos, nin as listas de agarda, nin tampouco a incapacidade de impoñer medidas fiscais para que paguen máis os que teñen máis, nin, madía leva,  o afogamento da cultura e lingua propias, …nada diso foi decisivo. Todo por xunto pesou menos có temor ao descoñecido. Temor, quizais a un tripartito, a un tirón de orellas dos poderes centrais, aos “comunistas”, a quen sabe que. Tal foi o comportamento dun electorado envellecido e “pensionado”,  e moi afeito a ver a gaivota sobrevoar o goberno da Xunta. Esa é unha realidade a considerar, unha realidade crecente: o pais vai vello, e os vellos non deben namorarse, que apuntaba Castelao.

A marea Beiras, que namorou á xente nova, non foi abondo. A mobilización de ilusión e vontades foi enorme: unha chamada a converter a desafección da política e dos políticos en actitude positiva, en voto e mobilización organizada, en aviso a navegantes. Con todo, o logro de case un 15%  de apoios e a irrupción con 9 deputados, marca un camiño, tal como apuntaba o órdago inicial de Beiras, cando propoñía, diante da situación de emerxencia nacional, unha gran coalición que incluíse a BNG, Compromiso por Galiza, Esquerda Unida e Anova.

Efectivamente, a lei D’Hont favorece a agrupación e a unidade e castiga a dispersión. As forzas que Beiras propoñía unir, sumados aos minguados resultados do PSOE, suman máis porcentaxe de votos có PP, pero a tradución en escanos é desproporcionadamente menor.

Unha vez descontado o previsible traspaso de votos do BNG cara a AGE, a posibilidade de cambio en Galicia pasaba por saber exactamente cal chegaría a ser o nivel de fracaso que acadaría o PSOE. E o afundimento do PSOE foi brutal. Por veces dá a impresión de que é imparable a súa marcha en dirección á nada. Catro anos despois da dimisión de Touriño, por unha derrota por certo moi axustada, o PSdeG-PSOE, foi incapaz de preparar unha alternativa renovada, de calidade.  Así,  chegaron a estas eleccións cun liderado amortizado, aburrido, falto de ideas e propostas, sen forza ningunha e, sobre todo, sen transmitir a máis mínima ilusión. A xuíza Lara fixo o resto: esposar ao alcalde de Ourense a un mes das eleccións e, de paso, desenmascarar as supostas prácticas corruptas –batendo marcas pouco imaxinables de desvío de fondos e suborno- dun tal Liñares, a man dereita do alcalde Orozco durante bastante tempo.  O desastre, insistimos, estaba anunciado, faltaba cuantificalo. E os datos son teimudos: en feudos tradicionalmente gobernados polo PSOE (comarcas de Santiago e A Coruña) a segunda forza non é PSOE, senón que é AGE Con eses resultados e esa traxectoria, non se impón un cambio de raíz? Non será xa o momento de Caamaño? Non hai fondo de armario no partido?

Pola súa parte houbo quen calculou mal. A UPG quedou encantada de coñecerse a si mesma, dentro dun BNG máis controlado ca nunca, alixeirado de pluralidades e individualismos, pero en tendencia minguante e sen capacidade de entusiasmar. Haberá lecturas, interpretacións, reinterpretacións e relecturas. E, previsiblemente, pouca autocrítica, esa que tamén faltou despois do 2009. Autocrítica non é masoquismo, nin flaxelarse, tampouco botarlle a culpa aos demais, senón cuestionar con criterio e honestidade as propias decisións e as súas consecuencias. Non é máis nin tampouco menos. As insinuacións sobre Beiras na noite electoral non teñen moito sentido. Non fai falta esperar a ser residual, cómpre reaccionar antes.  E precisamente un dos motivos de reflexión será revisar todo o proceso que desembocou na ruptura de Amio. É realmente mellor este desenlace que flexibilizar posturas a tempo e ser quen de ceder poder dentro da propia organización antes de que rompa? É realmente exitosa a longo prazo a táctica de tutelar tódolos movementos sociais e tratar de patrimonializar coas propias siglas tódalas causas xustas?

Tamén houbo un mal cálculo no nacente Compromiso por Galicia. E tamén aquí haberá argumentos e retruques, pero dificilmente se pode negar que foi un erro non reforzar a coalición ampla promovida por Beiras, precisamente, entre outras cousas, para facela máis ampla.  Posiblemente o proceso era complexo e demasiado a contra-reloxio. Pero, novamente, á vista dos resultados, non resulta demasiado cara a rixidez? Non é mellor saber arriar liña a tempo para despois cobrar xuntos unha mellor peza?

En calquera caso, o momento non carece de interese. Ábrese un escenario político novo, cun parlamento posiblemente máis vivo, unha cámara que pode recobrar a representación real e a iniciativa cidadá e que, a pesar de calquera maioría absoluta, ha servir para avivecer a nosa vida política e devolver a ilusión colectiva por construírmos xuntos a Galicia que merecemos.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s