Busque, compare e… a quen vota?


Editorial
Foto dos candidatos de eldiario.esDous millóns setecentos mil galegos e galegas poderían votar o 21-O, dos que preto de 400.000 serían residentes ausentes. Algo máis de 80.000 serán novos votantes, persoas que acadaron recentemente a maioría de idade.

Nunca o “partido” – o “encontro”- estivo tan aberto. Se ben é certo que a solidez aparente está monopolizada polo PP, a quen as enquisas iniciais daban un triunfo moi axustado, o balance da campaña electoral revélase decisivo para definir o resultado final.

As fortalezas do PP neste momento non lle veñen de seu, senón que, máis ben, teñen que ver coas debilidades dos demais. Por unha parte está a propia intrahistoria recente da oposición. Doutra, algún que outro regalo disque “inesperado” que lle brinda a xudicatura e uns medios agradecidos e dispostos a unha difusión selectiva duns sumarios xudiciais que chaman secretos.

Efectivamente, da súa xestión o PP pode vender austeridade, pouco máis. Non é de desprezar, vindo de onde vimos. Mais despois, no contrapunto: recorte antisocial, privatización en mans de empresas foráneas da xestión dos servizos, ruptura do consenso lingüístico, desmantelamento das institucións, unha impresionante maquinaria de propaganda (o primeiro día de campaña o PPG xa levaba sete amoestacións da Xunta Electoral!) e un equipo de conselleiros e conselleiras a medio camiño entre a incompetencia e a frivolidade.

O asunto “recortes” non é menor e preocupoulles aos deseñadores da campaña do PP, que quixeron disociar as imaxes de Rajoy e Feijoo. Eses recortes enmárcanse nunha estratexia neoliberal para saír da crise que non acaba de dar ningunha boa nova á xente, nin á economía, nin a Europa e é mesmo censurada abertamente por laureados economistas. Aí, precisamente, é difícil que Feijoo se consiga afastar da imaxe penosa e triste de Rajoy, cando, precisamente, é o seu alumno avantaxado, o primeiro da clase nesa materia troncal que chaman “uso avanzado das tesoiras”.

A xente está molesta. Pero todo ese malestar, vaise manifestar nas urnas? Aquí é onde entran en xogo as debilidades dos demais, que son importantes. Desde logo, en Galicia, Rosa Díez e Mario Conde poden estorbar ao PP, pero non son cousa seria. A clave estaría na outra banda e, aí, o PSOE, en catro anos, foi incapaz de preparar unha alternativa poderosa, crible, atractiva. Presentan a un líder gastado, que está onde está de carambola; que é como fala; que se diría salvado pola campá do adianto electoral. E, a maiores, hai o que hai: si, a operación Pokémon parece todo menos casual, pero, o tal Liñares, que agora seica cantou todo o cantable e repartiu recados aquí e acolá, …é unha azarosa e excepcional circunstancia, ou define máis ben un exemplo do que nunca se debe consentir nun partido político?

Na esfera do galeguismo, do nacionalismo e da esquerda nunca houbo tanta oferta. Ao BNG escapóuselle na asemblea nacional de Amio a oportunidade de saír fortalecido pola pluralidade interna. Doutro xeito agora estariamos a falar, seguramente, dun cambio político inminente en Galicia. A UPG aposta forte por este Bloque máis único, sólido e dirixido. A disciplina, a constancia, poden ser os seus argumentos, especialmente se hai ocasión de gobernar. Porén o slogan escollido –“para facerlles frente”- parece unha aposta de oposición, non de xestión e de goberno.

De acordo coas sondaxes, con case que un 40% de persoas aínda indecisas, as forzas escindidas do BNG, especialmente a impulsada por Beiras, poden resultar decisivas. Nese sentido, AGE representa un aire fresco e unha voz distinta, lonxe de eufemismos e correccións que encobren este proceso de inxente transferencia de cartos públicos a poderes financeiros privados que está supoñendo esta crise: a voz, logo, dunha esquerda sempre necesaria. Compromiso por Galicia, pola súa parte, que non parece moi agraciado polas previsións, podería ser o xermolo dun galeguismo “realista” con vocación de goberno, o que non sobra, precisamente.

Esa oferta diversa -Compromiso, Alternativa, BNG- xera certa ansiedade e non poucas dúbidas no electorado que antes se concentraba arredor do BNG. En calquera caso, un efecto seguramente non pretendido desa diversidade é que se poden escoller persoas. E hai unha boa parte dese electorado que votará a unha das tres forzas en función da credibilidade que lle merece a cabeceira das listas en cada provincia. O propio proceso político irá poñendo a cada quen no seu lugar.

En calquera caso, o tripartidismo parece esgotado e xa non hai desculpa para quedar na casa. O momento é decisivo. Un 49% das persoas enquisadas polo CIS en Galicia desexaría un cambio político. Nestas eleccións está en xogo o valor da democracia representativa. Un triunfo da abstención, resultado desta idea xeral de que “non nos representan”, “todos son iguais”, pode pór en cuestión o propio sistema da democracia representativa. En definitiva, máis decisivo que o feito de que Feijóo repita ou non, é o perigo de que se instale a idea de que dende a participación política nada se pode mudar. De aí aos populismos e aos fascismos hai un camiño moi curto.

Hai na nosa xente sede de boas novas, de aire renovado. É o momento de moverse, de non resignarse, de non pasar de nada.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s