Urca, unha nova travesía (e xa van 20!)


Descubrir novas formas de Expresión,
outros xeitos de vivir a fe,
urxentes chamadas a Solidariedade
nun ámbito de encontro e unidade,
na que todos, galegas e galegos, temos moito que dicir.

Preparando os obradoiros

 Os días 24 e 25 de agosto desembarcamos unha nova andaina de Urca, celebramos 20 anos de navegación. Alí na Raíña, acolléronnos as persoas que están a traballar neste proxecto coas ganas de compartir, de axudar e de construír. Grazas, grazas pola vosa acollida e a vosa xenerosidade.

O venres fóronse achegando @s que participaban. Algún por primeira vez achegábase a Urca, coa curiosidade de ver o que lle agardaba; outros coa ilusión de compartir un ano máis o Encontro.

Falamos e discutimos na mesa redonda sobre a situación política actual, poñendo luces e sombras; logo ceamos o caldo na cea compartida, foi un bo momento para falar devagar e para gozar.

Xa no Urcafé, Toñito de Poi trasladounos ao Amazonas a través das imaxes, cantos e palabras: tribos, xamáns, herbas misteriosas… en busca do camiño da fe. Mini e Mero, grandes, narraron acompañados dos cantos a historia do compromiso, a tradición, a memoria e a terra. Rematamos o urcafé co coro Domingo Fontán que nos quentou a noitiña, para rematar co Encontro na casiña da oración da Raíña.

Xa o sábado, erguémonos con obradoiros para tod@s, para nenos e maiores; para o corpo, para a mente, para a comunidade e para a alma. Continuamos cos seminarios, e antes tivemos a Lupe Gómez compartindo a súa poesía e narrativa… Fisteus era un mundo…

No xantar compartimos o pan e o queixo que fixemos no obradoiro, un descanso e o Urcafé da tarde: experiencias, contos, historias cotiás e alleas, unha barcaza chea de vida.

Na tardiña, tempo para novas iniciativas sociais e formas de autoxestión. Tempo de lecer, tempo da urca-gratifeira, de paseos polas paisaxes verdes, de pensar, de acougar, de atoparse coa terra, co universo, e cun mesmo; tempo de visitar as exposicións de fotografía: Reflexos da India e Pegadas, lembranza de Moncho Valcarce.

Chegaba a noitiña e a tripulación comezou a funcionar outra vez, algúns á cea (chourizos á grella e caldo), outros cos cables, micros e luces que acondicionan a escena para o concerto da noite. Dez e media, hora de gozar da música, Migueli e Brotes de Olivo fannos cantar e sorrir coa mirada; Noite de frío que fai que o noso corazón aínda estea máis quente; e logo as xentes da Raiña fan a oración, sen présas, coa calma das e dos que esperan e confían.

Cansos e cos corazóns abertos agardamos unha nova Travesía.

Qué foi Urca? Qué e Urca? Cada un de nós leva unha Urca, chea de Arte, de Música, de Pensamentos; Nós só queremos que esa Urca que levas dentro a compartas en comunidade dende a raigaña, dende a nosa terra, porque o mundo precisa de Urcas como a que ti levas dentro. Oxalá Urca sexa como un anaquiño deste poema de Manuel María:

…A NOSA vida é como unha

paisaxe montesía

e non sabemos

onde remata a vida e onde comeza o soño.

¿Serán vida e soño

a mesma cousa…?…

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Crónica, O Noso taboleiro coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s