Entrevista Kiko da Silva, director d’ O garaxe hermético.


A.Q.

 “Queremos que o alumnado saia da escola cun primeiro traballo publicable”

 Kiko da Silva é un autor de banda deseñada, ilustrador e debuxante que, ante a ausencia de estudos públicos e regrados neste campo e a desidia oficial por crealos, decidiu poñer en marcha unha escola profesional de carácter privado. Así xorde O garaxe hermético, unha escola profesional de cómic e ilustración que abre as súas portas en Pontevedra para encher un baleiro na formación de novos artistas. O nome da escola é unha homenaxe a Moebius, o artista francés precursor -con ese traballo de autor- das actuais novelas gráficas. Dos obxectivos deste proxecto fálanos Kiko nesta entrevista.

Que é o garaxe hermético?

É primeira escola profesional de banda deseñada e ilustración en Galicia que vén cubrir un oco a nivel de formación, xa non só en Galicia senón no norte de España, porque só hai dúas escolas destas características: unha en Barcelona e outra en Madrid. Son escolas privadas porque a nivel oficial este traballo non está recoñecido coma unha profesión artística que se poida impartir nunha universidade. Isto é algo que só sucede en España, porque en Francia, Italia, Alemaña ou os Estados Unidos xa se está impartindo como estudos universitarios. Aquí, como imos atrasados neste tipo de cousas, para estudar banda deseñada e ilustración ou o ías ao estudo dun debuxante que coñeceses ou de xeito autodidacta, que foi como aprendemos a maioría dos que nos dedicamos a isto.

Ter unha escola destas características de que xeito vai axudar os futuros autores e autoras?

Vai supoñer que aforren uns dez anos de perda de tempo, de probas-erros que se cometen cando un ten que autoformarse. Tendo profesionais en activo que os poden orientar na súa carreira afórranse moitos desánimos que xorden cando un non sabe cara a onde vai a súa formación, onde hai que pedir traballo e como cómpre facelo. É algo necesario na evolución da BD galega: levamos moito tempo demostrando que temos moi bos profesionais, moitas pequenas editoriais que empezan a editar BD en galego, xa temos un mercado do libro ilustrado consolidado -non só a nivel galego, senón estatal e internacional- e era lóxico que se puidese aprender esta profesión dunha forma seria.

Que título se obtén ao acabar os estudos do garaxe hermético?

A titulación que se vai dar na escola é privada, sen validez oficial, porque é a única maneira de impartir a docencia tal e como os profesionais entendemos que se debe facer. Era un círculo vicioso: no Ministerio piden que o profesorado que imparta clase nunha escola oficial teña unha titulación oficial; como non existe a titulación de debuxante de cómic tampouco hai titulados en cómic. O que hai son profesionais de moito nivel. Eu son titulado en Belas Artes, pero iso non me acreditaba para dar clase de cómic. O que me acredita é que levo 16 anos debuxando. Realmente eu creo que o título nesta profesión, coma en calquera profesión artística é o de menos.

E logo cal é o obxectivo principal?

O fin da nosa escola é que o alumnado saia de aquí cun traballo que sexa presentable e editable nunha empresa editora, que rematen sendo autores e acaben publicando. Sabemos que non todos seguirán por este camiño, porque isto é unha carreira de fondo na que hai que traballar moito para ter un nome e un prestixio, pero si é posible que a xente publique unha primeira obra. Despois está nas súas mans, na creatividade no xenio e na pericia de cadaquén.

Cres que algún día estes estudos formarán parte dun grao universitario?

Vai custar convencer non só a xente en xeral, senón as autoridades educativas de que esta é unha profesión que merece ser estudada igual que a música, a literatura ou a pintura. Eu esperaba que co plan Boloña a BD chegase á ensinanza regrada, como ocorreu en Francia. Cando xa pasaron uns anos do plan, penso que se implantou todo o negativo e nada do positivo.

E por que en Pontevedra?

Porque é o lugar onde vivo e tamén porque aquí temos unha facultade de Belas Artes e moitos alumnos e alumnas pasarán pola nosa escola despois de rematar os seus estudos para especializarse; outros desenganaranse da carreira e medio camiño e quererán cambiar para a banda deseñada.

Con que profesorado conta a escola?

Hai un grupo fixo de profesores que imos impartir o plan de estudos: Fernando Iglesias, de Vilagarcía, o máis veterán -de feito eu aprendín moito del cando empezaba; Fran Bueno Capeáns, que traballa para Estados Unidos e está especializado en cómic de superheroes; Miguel Porto, moi metido en novas técnicas de narración e atento ás novidades internacionais e eu mesmo. Á parte, tamén contamos con Jano que vai dar clases para pequenos, porque aínda que o obxectivo principal sexa a formación profesionalizante é importante ter unha base, xa que nos colexios e institutos tampouco se imparte banda deseñada.

Que son as clases maxistrais?

As clases maxistrais están impartidas por autores de renome que virán falar da súa carreira e da súa forma de traballo. Xa tivemos a Miguelanxo Prado que vai volver para dar un curso máis especializado e queremos convidar a cantos máis autores mellor. Xa pasaron por aquí David Rubín, José Domingo, e a partir deste último trimestre de 2012 teremos visitas dos autores que saquen novidades para que expliquen ao alumando da escola como traballan eles, como se enfrontan ao mercado e ao día a día, porque esta é unha profesión moi idealizada, e a xente só ve a parte bonita de crear un cómic na casa. Isto é certo, pero logo está a parte dura: estamos falando de dedicarlle moito tempo, un mínimo de ano ou ano e medio para un álbum de 48 ou 64 páxinas, que son os habituais. Temos que quitar da cabeza á xente que isto sexa un pasatempo: isto é unha profesión e os que vivimos dela temos os mesmos problemas có resto: o IVE, o IRPF, clientes que non pagan, etc.

O futuro do cómic está na edición dixital?

Na banda deseñada, as probas de edición dixital foron estrañas. Fixéronse animacións con BD, música e efectos especiais pero iso xa non é BD, xa é outra cousa. O cómic ten que seguir sendo algo con dúas páxinas e que narre correlativamente. Hai edicións que son trasunto da BD impresa con detalles que me parecen ridículos coma incluír a liña de separación das páxinas na que o lector ten que pasalas e mesmo reproducen ese son característico. Isto quere dicir que aínda estamos a anos luz de que a BD se converta en algo máis para o formato dixital. Neste momento son conversións moi similares a un PDF ou son proanimacións que nada teñen que ver coa linguaxe do cómic, na que non existe o son, na que o ritmo de lectura o ten que poñer o lector e nunca a persoa que o fai. Malia que o cómic e o cine aparecen ao mesmo tempo, separáronse axiña porque aínda tendo puntos en común, son linguaxes distintas. A BD non é cinema en papel. O cine ten outros mecanismos e outras finalidades comunicativas.

Como te decidiches a emprender proxectos coma a da revista Retranca, ou o propio Garaxe Hermético?

Hai xente que sae a rúa a protestar; eu non saín protestar porque non houbese unha escola de BD, xa que soaría ridículo e quixen demostrar que é posible facelo. Se unha persoa privada cos aforros que pode ter alguén que se dedica a facer cómic pode montar un proxecto coma este, que non nos veñan con contos desde a administración pública de que inviable que os estudos de BD poidan ter rango universitario. Iso é unha trapallada, o que ocorre é que non lles interesa e nin sequera teñen a deferencia de considerar isto unha arte.

E respecto a Retranca?

Outro tanto. Cando se fala de cultura galega fálase de cultura subvencionada. E iso é outra trapallada. As subvencións son necesarias para certo tipo de produtos que, nun mercado pequeno coma o galego, non teña suficiente público para ser editado. Pero o mercado galego ten oco e forza suficiente para produtos, se son interesantes, ollo. Cando comecei con Retranca, no 2007, todo o mundo dicía que non era viable, que non se podía facer sen subvencións, que non ía pasar do número 2. E van alá 33, con moitos problemas, coa crise polo medio, pero demostrando que é posible facer produtos en galego que sexan consumidos polo público en xeral.

E iso xa comezara co auxe da edición de libro infantil, non si?

Si, cando nace a editorial Kalandraka, arredor do 2000, demostrou que é posible facer un libro en galego exportable a outros países e aí é cando cambia o chip e vese que o libro non depende do autoconsumo ou dos colexios e que un produto de calidade pode chegar a un mercado internacional. De feito, cando chegou a crise, os proxectos que estaban cos números feitos en base á subvención foron caendo un tras outro. E iso pasa no mundo da literatura, no cine, no teatro, etc. Eu creo que as subvencións son boas, pero están mal dirixidas, porque se encamiñaron a facer negocio, e o negocio ten que estar antes.

Porque o cómic é un mundo tan masculino?

Creo que só é cuestión de números. Como hai poucos autores hai tamén poucas autoras. Costa que entren, pero non porque non poidan facer este traballo, senón porque durante moitos anos o mundo do cómic foi dirixido a un público masculino. De feito Emma Ríos fai -fabulosamente- cómic de superheroes, que vai dirixido a un mercado maioritariamente de homes. Isto en Xapón é moi diferente: alí hai cómic para homes, para mulleres, para dentistas, para cociñeiros… E claro, tamén hai un maior número de mulleres publicando. Hoxe en Galicia debe haber unhas 30 persoas, como moito, que vivan non só de facer banda deseñada, senón de debuxar, e delas unhas catro serán mulleres.

De onde sae o nome da escola?

É unha homenaxe a Moebius. Intentei que fose en vida, pero cheguei tarde. O nome xorde dunha lembranza persoal, pero compartida con moitos outros autores do que supuxo O garaxe hermético na formación de moitos debuxantes de banda deseñada e, sobre todo, porque revolucionou o mundo do cómic. O garaxe hermético demostrou que se podía facer cómic fóra de xénero, sen guión previo, facer experimentación, un cómic non comercial e que foi un dos xermolos do que agora se chama novela gráfica; un cómic de autor no que o creador decide o que quere contar. O detalle curioso é que neste local había un garaxe de motos e unha cousa levou á outra. Aínda que barallamos unha lista de 200 nomes finalmente o primeiro que anotei foi o que escollemos. Escribinlle a Moebius no mes de outubro do ano pasado convidándoo a vir a Pontevedra para coñecer a escola e facerlle unha homenaxe, pero xa estaba ingresado e non contestou nunca a ese correo. Cando en xaneiro viaxei a Angulema e falei cun dos seus editores xa me dixo que estaba moi maliño e que agardaban o peor, como así foi 20 días despois. Así que cando inauguramos o noso Garaxe Hermético foi unha homenaxe póstuma ao mestre. Quero pensar que alguén da súa familia ou do seu equipo lle ensinara o correo electrónico e que, polo menos, se fose de aquí a algunha constelación de Orión sabendo que lle queriamos facer esta homenaxe e que O Garaxe Hermético existe en Galicia.

 

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

One Response to Entrevista Kiko da Silva, director d’ O garaxe hermético.

  1. Pingback: Noveno | Asociación Irimia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s