“No barco as horas de traballo e as condición laborais son moi duras”


 Manolo G. Turnes

 

Anxo Muíños

Anxo Muíños é pescador. Atopámolo en maio na tenda de Panxea, en Santiago e, logo de cruzar catro palabras con el, pensamos que sería interesante que nos contase como é a vida cotiá a bordo. Sen pretender erixirse en representante do sector, achéganos o punto de vista de alguén que viviu a profesión de mariñeiro desde moi novo e que matina en como sacar adiante ideas que melloren unhas condicións de traballo moi duras.

Ola Anxo. Por que non comezas contándome como é un día completo nun barco?

Pois mira, por exemplo, andando ao pincho que é pesca de altura: se saes de aquí, son dous días de navegación ata o Gran Sol mínimo; se saes de Escocia ou Irlanda son 12 horas. Unha vez no caladoiro comezas a largar sobre as 4 da mañá; ás 6 rematas e, polo primeiro palangre que se empezou a largar, a partir das 8 da mañá xa se comeza a virar, a subir a bordo ese palangre. Isto leva desde que empeza a saír o sol ata a unha, dúas da mañá. Unha vez rematado -xa houbo xente que deixou de virar para preparar a próxima largada-, repítese a xornada anterior. Son condicións moi duras nas que dormes hora e media antes de largar e outro tanto despois. Teño falado con mariñeiros que levaban 2 días sen durmir porque non daban collido o sono. Se tes bo durmir podes chegar ás 4 horas pero como antes de ir ao catre comes algo, o tempo redúcese. Eu, como andaba de oficial podía durmir desde as 7:00 ata as 13:00 h. Pero entre que cando queda un durmido dan as 7:30 e que calquera cambio de ruído da máquina espertábame, tampouco durmía moito.

E isto durante canto tempo?

Hai barcos que andan, -era o que se facía tradicionalmente-, 20 días no Gran Sol ao pincho, volven, botan o peixe, están dous días en terra e volven a saír. Pero os barcos que amarran en Escocia ou en Irlanda o que fan é: o camión vai alá por terra e, cando o barco ten peixe para encher un camión, -8 días-, vén a terra, bótase o peixe e ese mesmo día pola noite vólvese saír. Cada rolda destas é unha marea; unha campaña é ata que o barco vai ao carro para facer unha revisión, que poden ser 3 ou 4 meses.

Pero sempre coa mesma tripulación…

Si, é a mesma toda a campaña agás que alguén marche por accidente ou así. Actualmente tamén embarca menos xente da que ía antes. É máis ganancia para os armadores e tamén para os mariñeiros, pero tamén máis traballo; sáeche do lombo. Logo está a pesca de gran altura, por exemplo dos que van ás Malvinas. Teño un amigo que pasou un ano metido nun barco deses. Agora xa non están permitidas campañas tan longas sen vir á terra.

E, por comparar, canto se gaña por mes nun barco?

Andando á quenlla, que é un traballo moi duro, teño compañeiros que estiveron gañando só 1.000 € ao mes. Aínda que, se hai un bo mes, poden gañar 2.000, ou dous mil e pico de euros. Tamén depende do cargo que teñas no barco. Un mariñeiro na pesca de altura, neste último barco que andei, podía gañar 2000 € mínimo; se houbese moi moi boa pesca poderían sacar 4000 ou 5000 € ao mes, pero sáenche do lombo. Ten en conta as horas que traballamos e as condicións: golpes -con temporal levas por todas partes-, cortes, anzois… A moitos pincheiros -os que andan ao palangre-, fáltanlle dedos de bicas que lles enganchan no dedo e, antes de que os arrastren ao fondo, pican -cortan- o dedo. Tamén hai que ter moito coidado de que non che vaian a un ollo. Moita xente non o atura e queda tocado. E no contrato ti estás a 40 horas semanais aínda que logo, de palabra, xa che din o que hai. Explótase a xente, as condicións podían ser mellores: para que un mariñeiro, nunha campaña de 3 meses, gañe 5.000 €, o barco ten que facer 600.000 €. E ademais róubaselles dicindo que se pescaron menos quilos dos que realmente se colleron, enganando co prezo ao que foi vendido… E logo, se queres mercar unhas botas ou unha roupa de augas, descóntancha da nómina, avaríase un aparello, volves un pouco antes do tempo acordado porque tes un irmán no hospital e descóntanche a viaxe da nómina (ida e volta sempre a paga o armador). E ademais chorando a comida: Ei, non comas tanto! Que che toca unha mazá non dúas! Unha cousa do máis ruín.

Pensaches en adicarte a outra cousa?

Antes non se me pasaría pola cabeza porque me gusta moito o mar, agora vou máis queimado e teño escoliose. É difícil porque as miñas titulacións están todas encamiñadas ao mar: patrón de pesca, capitán de mercantes de cabotaxe, de motorista naval… todo encamiñado ao mundo do mar. Logo fixen outros estudos: gústame a antropoloxía, levo tempo vencellado a grupos ecoloxistas e de carácter antropolóxico, creei o proxecto de educaciom meioambiental mariñeira en Rianxo … Pero cambiar de profesión está difícil, aínda que me gustaría deixar os peixes e traballar en temas humanos e sociais.

E desde o punto de vista ecoloxista, como ves o mundo da pesca?

Hai algo que me dá moita rabia: na pesca industrial, incluída a baixura, o 70% das capturas tíranse ao mar. Nos cerqueiros ves todo tipo de peixes mortos. E do barco que eu veño agora que é pesca do pincho, palangre, moito máis selectiva, aínda así, hai cantidade de peixe que se tira ao mar. Incluso dos peixes comerciais: ao final dunha marea de 5 ou 7 días, tirábase con caixas enteiras de peixe, á noite, cando un helicóptero é máis difícil que te vexa; pescadas enormes que xa estaban na adega, porque viña outro peixe máis caro, meruca ou burota. E como hai unha cota, prefírese o peixe máis caro. Isto, na miña opinión, ten un problema engadido: por unha parte producen detritos, e isto diminúe o osíxeno e, por outra, a pescada -que é unha especie moi preeira, acaba comendo peixes da súa propia especie e doutras e, ao alimentarse principalmente de preas ten moitas máis posibilidades de criar parasitos.

No mar pódese traballar ata que te xubilas ou non aguanta o corpo?

En altura é difícil ver xente de máis de 55 anos. Tampouco ves xente nova, a maioría andan entre 35 e 50 anos. Se andaches moitos anos na pesca de altura, con 55 anos pódeste xubilar. Pero aguantar 20 anos… xogácheste a vida moitas veces. Eu mesmo, que non andei moito en altura, rompín varias costelas, varias escordaduras e lesións, un golpe serio na cabeza… Hai máis accidentes no mar ca na construción ou na mina. Pensa nun bicho coma a quenlla, que chega á cuberta e dá mordedelas e aletazos, e con temporal… E logo está o que non ves: un barco que cheira a peixe podre e a gasoil, un olor que non das quitado e co que dormes. Hai barcos vellos que non teñen duchas nin lavabo no que lavar os dentes, cómese fóra ao frío porque non presta comer dentro nas condicións que está.

Sei que andabas mirando de crear un sindicato. Ves os mariñeiros con ansia de organizarse así?

Non moito. No 36 se a sardiña non acadaba un prezo tirábase ao mar e a folga respectábase. Hoxe, foméntase o individualismo. O que máis traballa é o máis macho; os outros son uns inútiles. Cadaquén pide para si ao armador; a crise non axuda. Nos anos 30 a maior parte da CNT do mar eran galegos, moito máis ca cataláns ou andaluces. Hoxe é ao revés e hai moito medo de que te fichen. Eu, como de novo traballei na explotación familiar, nunca tiven necesidade de sindicarme. Logo estiven nunha patrulleira en África controlando piratería, caiucos e narcotráfico, máis tarde como capitán dun iate e nunca sentín a necesidade. Pero agora si que o vexo importante. De feito pensei montar un
sindicato da Terra e do Mar, que contemplase os dereitos da xente de altura, que penso que está bastante desamparada, pero tamén os pequenos autónomos que teñen o seu bote. Imos ter unha xuntanza con sindicalistas, a ver se habería que facer as cousas doutro xeito, se algo falla nos sindicatos. Por exemplo, antigamente non había sindicatos pero había gremios, o gremio dos mareantes que garantía o coidados de viúvas e fillos cando un mareante afogaba. En cambio hoxe, ese espírito solidario desapareceu e sería bonito intentar recuperalo, dividindo o sindicato por gremios… É aínda unha idea que está moi verde.


E aquí a xente séguese adicando ao mar? Ou o que se leva é desfacer barcos?

É un interese da UE para beneficiar as grandes compañías. Desde as asociacións de defensa da pesca artesanal contan que as grandes empresas pesqueiras mercan estes pequenos barcos, co que aumentan a súa cota de pesca coa dos que desaparecen e ademais pasan a pescar nos caladoiros da pesca artesanal, arrasando todo e sen que ninguén proteste. E isto pasa a nivel mundial.

Teño a sensación de que xa non hai tantos galegos nos barcos. É así?

Volve a habelos. Hai uns anos gañábase máis en terra traballando o mesmo número de horas. Na pesca, se non pescas non gañas, a non ser que ao armador lle resultes moi necesario e che garanta algo… Pero coa crise e o fallo da construción, barcos onde todos eran peruanos ou indonesios agora volven ser galegos. No barco no que estiven eu en Escocia eran case todos portugueses.

 

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

2 Responses to “No barco as horas de traballo e as condición laborais son moi duras”

  1. Pingback: «No barco as horas de traballo e as condición laborais son moi duras»

  2. Luis di:

    Entrevista dura. Mais tamén ben fermosa pola súa autenticidade. Saudiños Anxo dende Hamburg

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s