Máis deberes!


Despedímonos en xullo recomendándovos uns deberiños… fixéstelos? En tantos días de praia, piscina, paseos, comidas familiares… haberiades de ter tempo de comprobar as capacidades lingüísticas da xente nova do voso contorno e mais, non si? E dariádesvos conta, coma nós, que os mozos e mozas que se crían e se educan no ámbito urbano –a non ser que se faga un esforzo titánico nas casas- teñen moitas dificultades para expresárense en galego, pero tampouco desenvolveron grandes habilidades en inglés.., a maioría aprenderon un par de cancións (os máis pequenos) e unha restra de vocabulario (os máis grandes) pero xa o que é falar, expresarse, en definitiva, comunicarse… non o vemos.

Mais non imos amargar a volta das vacacións con este tema, que deixaremos para máis avanzado o curso. Polo de pronto, se no verán non vos ocupastes da cuestión, podedes dedicar uns minutos na Romaxe a escoitar a mocidade de Castroverde, que non é urbana, e a que veña de Lugo, da Coruña ou de Vigo… e ídesnos dicindo.

E como nos veremos alá en terras luguesas e parolaremos en galego coa xentiña de Castroverde que nos recibe e acolle, atenderemos tamén á súa fala, que corresponde cos trazos xerais do bloque central. Daquela escoitarémoslles dicir que os políticos e os banqueiros son uns “ladrós” (porque seguramente que máis de un ha falar do tema), mentres que os do bloque occidental dicimos “ladróns” e os do oriental din “ladrois”. E como é festa han comer “xamós” que han repartir coma “irmaos” dándonos de boa gana a “mao”. Non atoparemos ninguén de alí que sesee (han dicir “cinco” e “luz”) e diranvos que “cantades” ben, polo menos “catro” veces. Estes son os trazos máis evidentes, mais acordamos que imos comprobar se nos ledes ou non, e no canto de dicírvolos todos, ides ser vos os que comprobedes se:

  1. Teñen gheada, é dicir, se din gato ou ghato
  2. Din “ti” ou “tu”
  3. Falan con –oi- (“moito”, “noite” e “oito”) ou con –ui-(“muito”, “nuite” e “uito”)
  4. Empregan “il”, “iste”, “ise”, “aquil” ou “el”, “este”, “ese”, “aquel”

Estade atentas e atentos que se vos vemos, ao final do día, habémosvos preguntar polos deberes!

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Falando da lingua, Romaxe coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s