Baldomero Iglesias (Mero)
No confín dos verdes castros está Castroverde, berce desta 35ª Romaxe de Crentes Galegos. Castroverde é un paraíso, libro aberto do noso patrimonio cultural e artístico, aínda non descuberto nin debidamente estudado.
Nomes que nos sorprenden pola sonoridade e evocación de lugares e espazos máxicos deste eido singular: Vilar de Cas, Fonte da Bica, Riomol, Penalonga, Augalevada, Croa de Soutomerille, Pereiramá… Nomes de roteiros como Soutomerille ou Val do Río Tórdea, de Furís- Páramo, dos Muíños do Nacente e Poñente; nomes de camiños como o Camiño Primitivo ou a Vía Romana XIX que pode trazarse desde Abelleira, pasando por Pereira, Furís, Lourentín, Mirandela, … e chegar a Tórdea.
E é aquí, precisamente aquí, onde SEGUIMOS FACENDO CAMIÑO. Este é o lema deste ano. Non o podía haber máis acaído sendo lugar dos verdes castros, senda iniciática de calquera camiño que nos conduza cara a algures.
Os textos dan conta da xeografía humana desta terra xenerosa e da historia, aínda non debidamente contada, que se pode observar na paisaxe feliz e nos monumentos que perduran a pesar de tanta desfeita. A partir de aí, celebraremos o Amor, chegados a el desde unha vella lenda que, desta vez, será representada escenicamente por actores da zona. Polo medio, xa sabedes, cantará A Quenlla. Fará un canto de amor, acaído ao caso, e tamén as pezas de sempre: O Magnificat Galego, O Credo (letra do noso lembrado –por querido- Bernardo García Cendán), O Pai Noso, A Rumboia, Irmaus, e un Berro Seco fortísimo que nos faga medrar en Irmandade.
Eu creo que mollados xa estamos por desgracia, e vai ser moi dificil enxugarnos. Asi que grazas polo voso traballo de facer posible xuntarnos para estar alerta cando veñan as tormentas,
Aquí toda a información do evento:
http://todocastroverde.blogspot.com.es/2012/09/xxxv-romaxe-de-crentes-galegos.html