HOMENAXE NA “REPÚBLICA ECOLÓXICA DO ALTO ULLA”



“En recoñecemento a tódalas persoas e comunidades cristiás: leigas e leigos, cregos, monxas, frades e monxes, que ao longo da nosa historia, honraron á Terra nai, unindo cristianismo e galeguidade”.

“Cristián e nacionalista,
crente en Deus e no porvir da Terra.
Por tódolos meus,
pola vida dos que son,
pola sagrada lembranza dos que foron,
por Deus e por Galicia”
(F. Abelaira, A Nosa Terra, 25/07/1924) 
 
“Ámote mundo miña casa, Galicia,
doce matria, ámote vida e quentura prometida,
ámote Deus entregado e fuxidío”
  (Xosé A. Miguélez) 
 

ADEGA e a Eira da Xoana

ADEGA, “Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza”, ten como obxectivo a defensa do medio ambiente e da lingua e cultura galegas, tal como se recolle nos seus estatutos. Nesta asociación organízanse, desde hai 35 anos, persoas indignadas antiglobalización, para combater un sistema inxusto e agresivo onde pesa máis o becerro de ouro que a razón. Ademais de ser das máis antigas asociacións ecoloxistas, ADEGA (http://adega.info/info/090121joomla/) ten desde hai anos máis dun milleiro de socios. 

Como organización antisistema que é ADEGA foi, e aínda é, discriminada, vilipendiada estigmatizada e, nomeadamente, silenciada, polo que consideramos un éxito ter permanecido durante tantos anos cunha relativa introdución social, con recoñecemento para os seus criterios a respecto do medio ambiente e con certa capacidade de crear opinión e de facer cambiar algunhas decisións do poder establecido. 

Desde hai tres anos, partindo dunha humildísima casa e duns cantos ferrados de terra, creamos un espazo onde queremos poñer en práctica os nosos principios:

  • Manter a mellor harmonía posible co medio natural.
  • Normalizar a cultura e o idioma galego.
  • Promover a solidariedade e a xenerosidade.
  • Defender o pacifismo (non a mansedume) e eliminar todo abuso ao débil.
  • Practicar a tolerancia e a democracia.
  • Facer que o colectivo prime sobre o individual.
  • Promover a participación, primeiro nas tarefas, despois nas decisións
  • Insistir no igualitarismo, de xeito que o xénero, o status social, as crenzas ou as diversidades funcionais non sexan motivo de discriminación
  • Practicar a austeridade, prescindindo do luxo e o superfluo e convivindo co elemental, sen consumismo.
  • Considerar como valores a ter moi presentes a lealdade, a amizade, a fraternidade, a amabilidade e a ledicia

O proxecto está en marcha, e ven sendo unha escola-taller na que ao longo do ano realizamos actividades de todo tipo. Chámase a Eira da Xoana e está situada no corazón de Galiza, na parroquia de Ramil (Agolada), no alto Ulla. Nunha brincadeira fantasiosa, bautizámola como “República Ecolóxica do Alto Ulla”, para reflectir que queremos construír unha utopía que sirva para realizarse individual e colectivamente e para que sexa útil como modelo para unha sociedade máis xusta, igualitaria e respectuosa coa Terra. 

E como de ningunha maneira queremos ser unha illa, facemos esforzos por integrar e integrármonos no medio, ao que estamos xunguidos polas loitas que outros compañeiros e compañeiras realizan noutros eidos.

Unha homenaxe aos cristiáns comprometidos con Galiza

Neste marco, tratando de vivificar a memoria daqueles que nos precederon con obxectivos semellantes, queremos facer un acto de recoñecemento ás persoas que desde a fe cristiá  e a convicción galeguista contribuíron a construción dun mundo mellor.

A idea desta homenaxe xurdiu en ADEGA para contribuír; no espazo de que dispón, a encher o baleiro que nos parece que existe no recoñecemento do labor, entrega e sacrificio dos cristiáns e cristiás que se situaron a carón do pobo para organizar a súa defensa e a defensa da Terra que os sustentaba. Unha contribución que espera que sirva de xermolo para que o recoñecemento se estenda polo país. A defensa da Terra e das súas xentes foi loita na que se coincidiu en moitas ocasións, o que explica que xurdise a idea da homenaxe.

De contado, membros de ADEGA puxéronse en contacto coa “Irmandade Moncho Valcarce” e a Asociación Cultural “O Galo”, decidindo conxuntamente realizar o acto e estender a convocatoria a outros colectivos. En Xullo deste ano 2012 tivemos unha reunión en Ramil (Agolada), na Eira de Xoana, Ramón Muñiz (presidente da Irmandade Moncho Valcarce), Gumersindo Campaña, Victorino Pérez, Marcial Barral e Pepe Salvadores (representantes de ADEGA), compartimos o proxecto no que levabamos pensando hai un tempo e decidimos facer a convocatoria a outros colectivos cristiáns comprometidos con Galiza, que finalmente foron:

Asociación IrimiaAsociación Encrucillada e Asociación Xermolos,

Coordenadora de Cristiáns Galegos,

Encontros. Foro de Curas Galegos bispo AraúxoMovemento Rural Cristián GalegoHOAC-Galiza e Mulleres Cristiás Galegas,

Comunidade Home Novo e Vangarda Obreira de A Coruña,

Compañía de María, DoroteasRelixiosas do Sagrado Corazón, Federación de centros xuvenís Don Bosco de Galicia e Mosteiro de Sobrado dos Monxes.

Programa da homenaxe

O acto terá lugar o 22 de Setembro, ás 5 da tarde na Eira de Xoana, con este programa:

* Colocación dun monolito coa inscrición que encabeza estas liñas, en lembranza dos e das crentes que se situaron ao lado dos menos favorecidos en Galiza.

* Intervención de dúas persoas que falarán do que isto representou: Victorino Pérez, profesor e escritor, autor de Galegos e cristiáns. “Deus fratresque Gallaeciae”(Vigo 1995), e Tereixa Ledo, socióloga e sindicalista.

* Un representante de cada asociación participante falará dous minutos do que isto significou para elas.

* Ofrenda floral e a intervención dun grupo musical. 

Facemos, xa que logo, un chamamento “franciscano” á participación neste acto, de honra e agradecemento, no que de seguro podemos coincidir moitas persoas e colectivos do país.

 
 
Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Noso taboleiro coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s