A autonomía non ten quen lle escriba


Daniel López

É un triste momento para a política, para a boa política, a intelixente, a honesta, a imprescindíbel. Hóuboa na transición. Despois foi indo a cousa e aquí chegamos, non sabemos moi ben como, despois dunha euroborracheira do demo, dun crecemento consumista, duns poucos anos de primeiromundismo acelerado, de corrupción consentida, con esta resaca de arriscadas primas e axustes impostos polos misteriosos “mercados” e os señores de negro. E nesa solución imposta, na “solución final” –que de novo parece vir de Alemaña-  están incluídas, como nun “pack”, a anemia das institucións públicas, a inutilidade do debate político e, de propina, a desaparición da dirección democrática e autonómica dos nosos galegos destinos. Manda Mammón, o deus do diñeiro, feo coma o demo. Mandan os mercados. Mandan eles. Manda truco!

Nin os mercados, nin o eurogrupo, nin Espe Aguirre, a gran voceira do “autonomías para que?” están interesados na política de altura. É o gran momento que agardaba o neoliberalismo, a dereita mediática e os seus tertulianos, os “españoles sin complejos”, …a crise é a coartada.

Arremeten, non xa contra o posible malgasto das comunidades autónomas (non das deputacións, ollo), senón contra a mesma idea de autonomía política. Xa non hai historia, nin debate, nin consenso. É unha mestura de verborrea demagóxica, discurso facilón, nostalxia franquista, …

Pero as cousas son como son e custou moito sangue, suor e traballo. Si que hai historia, dolorosa historia. Alemaña ten a súa. E non pouca. E procurou solucións ben adaptadas, por certo, totalmente federais. E este goberno de tecnóctatas neoliberais debe explicarlle a Merkel que este estado plural, fráxil, composto, é o mínimo común aceptable, o que fixo posible a paz e a xestión da diversidade das Hespañas, un equilibrio precario, coma todos, pero posible. Que non se confundan Aguirre, Merkel nin os chicos e chicas de Feijoo. A volta á España una-grande-libre é un inmenso erro, por máis que lles doa e atente contra as súas nostalxias.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s