E XA VAN ALÓ 35 ROMAXES


Xabier Blanco

Benqueridos Anabel, Antonio, Xandre e Ruth:

Achegástesvos á romaxe por vez primeira hai tres anos, na punta de Couso, en Aguiño, e hai dous na Peneda de Monterroso. Para vós, e para toda a xente que se vai incorporando ás romaxes, gustaríanos nestas letras contarvos as nosas orixes e o sentido da nosa Celebración. Velaí vai, pois. 

Corría o ano 1978. Os cristiáns e cristiás pertencentes ás comunidades, grupos e movementos máis dinámicos de Galicia atópanse nunhas xornadas de reflexión e celebración da Fe que eles chamaban “Cruceiros”. Son as cristiás e  cristiáns que viviron con grande ledicia e esperanza o acontecemento do Concilio Vaticano II aló polos anos 1962-1965. Nada máis rematar o Concilio elas e eles xa se poñen a estudar como aplicalo en Galicia (como aplicar en Galicia a nova maneira de entender a Igrexa e o compromiso cristián). Conseguiron que se convocase un “Concilio Pastoral de Galicia”, pero non puideron impedir que algúns o abortasen nada máis nacer. De todos os xeitos non se dan por vencidos, porque son xente convencida de que a fidelidade a Xesús de Nazaré e á súa causa en Galicia pasa por unha renovación profunda na Igrexa: a Igrexa tense que facer galega, identificarse cos gozos e as esperanzas, as tristuras e angustias do Pobo galego; ten que identificarse coa cultura e lingua do Pobo galego.

Por iso, no “cruceiro” do 78 xorde a idea de crear un movemento que aposte claramente por este tipo de cristianismo encarnado. E para crear conciencia de que existe unha Igrexa galega e non soamente unha Igrexa “en Galicia” vese a necesidade de crear algo así coma o “Día da Igrexa galega”. Despois de discutir sobre o nome, parece que o máis oportuno é “Romaxe de Crentes Galegos”. Celebrarase os segundos sábados de setembro nun lugar significativo do País.

As “Romaxes de Crentes Galegos” parten dos elementos típicos das romarías do País: unha paraxe natural significativa, mestura de festa relixiosa e civil, moitos cantos, danzas, etc. A xente vai chegando de moitas e diversas parroquias de Galicia. Os do lugar de orixe encárganse de acoller a xente que chega; sobre todo en autobuses, e tamén en coches particulares; algúns o derradeiro traxecto fano andando. Sobre as 12 do mediodía comeza a Celebración. É unha Celebración onde o maior protagonismo non lle corresponde, como adoita pasar, ao crego, senón a todo o pobo. Para que isto sexa así antes distribúense uns folletos onde está escrita toda a celebración. Adoita estar escrita en forma dialogada: diálogo entre personaxes diversos (por exemplo alguén que representa a Galicia) e o pobo, a asemblea, a romaxe.

Moi importantes tamén son os cantos e danzas que se combinan con ese diálogo. Estes cantos son executados na actualidade polo grupo “A Quenlla”, e durante varios anos acompañounos tamén o grupo “Saraibas”. Moitos destes cantos son músicas populares ás que se lle engaden unhas letras novas, nunha clave relixiosa máis profunda e liberadora. Deste xeito, a Celebración convértese no que sempre tiña que ser: unha grande festa de fraternidade e comuñón, con dous grandes protagonistas: Deus e o Pobo; o Pobo e Deus. Nos últimos anos hai quen opina que a nosa Celebración xa non é Eucaristía. Eu son dos que opino e vivo o contrario, que é máis Eucaristía que nunca, porque fun descubrindo nas romaxes outra maneira de celebrar a Eucaristía, pero será cousa de cadaquén que participa ter unha opinión ou outra, unha vivencia ou outra, coido que as dúas ben lexítimas.

Na parte final da Celebración hai tres momentos ben emotivos. Por unha banda está o “berro seco”, onde seguindo unha tradición dos nosos canteiros, expresamos con todo o noso corpo e todos xuntos á vez toda a forza comunitaria que queremos despregar a favor de tres causas cada Romaxe. Si, por toda a Celebración, pero de xeito especialmente plástico neste momento do “berro seco” teñen pasado as grandes reivindicacións galegas e universais, os berros máis solidarios de Galicia e da Humanidade: a igualdade de xénero, os dereitos das persoas inmigrantes, a paixón pola nosa lingua mil veces maltratada e malferida, os dereitos esmagados das xentes labregas e mariñeiras, a inxustiza dunha xustiza que se pon do lado do poder, os berros de todos os colectivos e agrupacións que loitan un día e máis outro a favor doutro Mundo posible e outra Igrexa tamén posible.

Tamén é importante o momento da “entrega do ramo”, porque é cando agradecemos á xente que preparou a romaxe o seu traballo e dámoslle forzas e folgos ás xentes que xenerosamente se ofreceron para preparar a seguinte.

E, no terceiro momento, ben xuntos e unidas, cantamos o himno da nosa Patria.

Despois de hora e media ou mesmo dúas de Celebración a xente vai xantar axuntándose por grupos e buscando un curruncho xeitoso onde pousar as tortillas, o pan, o viño… que cadaquén trouxo da súa casa para compartiren cos demais. Despois de xantar, xuntámonos de novo todos e facemos festa: hai actuacións de grupos musicais e de calquera que espontaneamente queira actuar. Tamén danzamos moito xuntos.

Nos primeiros anos das romaxes remataba todo con esta festa ata o vindeiro ano. Agora, en troques, creouse unha nova iniciativa que foi moi ben acollida pola xente: unha vez rematada a festa, baixamos a algunha Igrexa ou lugar significativo da zona que sexa bastante ampla e aí facemos a “oración da tardiña”, dándolle grazas a Deus polo grande agasallo da Irmandade. E deste xeito despedímonos ata o ano que vén.

Grazas ás romaxes moitas e moitos de nós coñecemos lugares fermosísimos de Galiza dos que ás veces nin tan sequera tiñamos oído falar. Grazas as romaxes saúdamos cada ano a xente amiga que anda en loitas comúns e que as “présas e empresas” da vida nos impiden ver no resto do ano.

Manolo Muñiz e as xentes de Castroverde con moito agarimo e moito traballo xa nos teñen preparada a 35ª romaxe. Contamos coa vosa presenza o 8 de setembro para celebrarmos xuntos o moito que se bican e se queren a Fe e a Galeguidade.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s