A celebración do 25 de xullo debe servir para facer balance e festa da nación galega, do que somos e do que podemos chegar a ser. Non é festa contra ninguén, senón a prol da nosa capacidade de non depender doutros e, ademais, é esa fermosa ocasión para tódolos galegos e galegas dármonos unha enorme aperta e, de paso, incluír a tódolos pobos do planeta; para lembrar que este país, Galicia, entre outros moitos, merece mil primaveras máis.
Galicia ten potencia e ten a súa maneira de ser, de falar e de vivir. Pero, certamente, estamos en tempos de enorme turbación. A crise financeira inxecta no noso ánimo a sensación de que nada realmente decisivo depende de nós. Como se os poderes reais, os financeiros, fóra de todo control, teceran unha rede perversa por riba de gobernos, parlamentos, constitucións e estatutos. Non obstante a crise pon en cuestión, precisamente, esa disolución das capacidades locais para organizarse e mandar sobre as súas vidas. Mesmo nas finanzas. Efectivamente, o que cuestiona esta crise é un sistema opaco, que entende o global como a supresión do local, como un roubo continuado de soberanía a favor de poderes nada transparentes nin democráticos.
No día da patria é necesario lembrar a importancia de termos soberanía sobre os aspectos decisivos da nosa existencia. Soberanía alimentaria, financeira, capacidade de ordenar a explotación dos nosos recursos, de ordenar o noso territorio e o noso litoral de maneira responsable, de darlle un futuro á nosa identidade, lingua e cultura.
A soberanía non é cerrazón nin autarquía. É vincular as decisión máis importantes para a vida da xente a unha esfera de decisión próxima, é asegurar que todo o mundo sabe quen é responsable de tomar tal ou cal decisión. É construír desde a transparencia e non desde a distancia, a opacidade e a impunidade dunha “globalidade” en nome da cal se destrúen sistemas de protección, se imposibilita o financiamento dos estados e se producen “accidentes financeiros” de consecuencias dramáticas para un pobo indefenso e impotente.
Somo o que somos, que non é pouco, e podemos reivindicar a nosa cota de soberanía no concerto plural e solidario dos pobos e nacións.