…paso do lado dun pequeno parque infantil onde nenos e nenas da urbanización onde vivo queiman as horas das tardes xogando nas randeeiras. A miña é unha urbanización nova e aínda hai bastantes pícaros enredando. Moitos días ao pasarmos polo parque sae correndo no noso encontro Pepa. Trátase dunha beleza infantil duns dous anos. Sorrinte, loura, espelida, feliz. Achégase á nosa cadeira infantil e fala coa nosa filla. Sariña atende ao que Pepa lle conta e falan das súas cousas. Logo Pepa fai que a súa nai acuda ao noso encontro, sinálalle á nosa moza e sorrimos todos mentres comentamos algunha cousiña. É a típica nena fedello que reborda cariño. Trátase dunha nena con evidente Síndrome de Down. Eu cada vez que a vexo dirixirse á miña filla sinto moita simpatía cara a ela, pero non por mágoa, senón polas mostras de afecto que amosa cara o que para ela podería ser un aburrido bebé.
Atrás queda o tempo no cal había xente que consideraba a estes nenos subnormais. Dende logo ninguén que coñecera a Pepa podería dicir iso dela. Agora que os pedagogos e psicólogos falan de intelixencia emocional e de intelixencias múltiples, quen se atreve a dicir que Pepa é retrasada?
Este rumoroso deséxavos un verán chego de amizades, cheo de boas lecturas e cheo de descanso produtivo. Agora que temos o Códice Calixtino xa non teñen os cóengos da catedral de que preocuparse. Podemos descansar todos. Deo Gratias.