Política, políticos


 Pedro Pedrouzo Devesa

Antes de que pase un ano, teremos novo goberno en Galicia, e posiblemente haxa unha ou dúas forzas políticas máis no panorama galego. Ignoramos a capacidade que terán de competir en parecidas condicións co resto de partidos, pero poden supoñer un punto de inflexión no nacionalismo galego, ou pola contra, poden esmorecer como tantas outras siglas políticas que foron esvaecéndose ante a amargura duns resultados electorais adversos.

Non sei se o panorama electoral galego será máis rico ou se a oferta seguirá sendo insuficiente para o padal de miles de galegos que seguen sen ter moita esperanza na capacidade de achegar solucións dos nosos políticos.

As numerosas decisións políticas que se toman diariamente nos distintos centros de poder, local, provincial, autonómico, estatal ou europeo, seguen deixándonos claro que a política é necesaria, que o seu exercicio é imprescindible e que sempre existirá. Facela máis ou menos democrática depende de nós.

Que unha sociedade sexa democrática depende dela mesma, da capacidade dos seus cidadáns de obrigar os seus representantes a telos en conta. É certo que esa é unha tarefa que ocupa tempo, de aí que o desencanto sexa a nota predominante entre a xente máis nova que ve con desagrado a vida política. Contemplar o sen número de arribistas e aproveitados que se introducen nas nosas institucións sen ter gran cousa que achegar á sociedade é desesperanzador. O poder segue sendo un dos grandes inimigos da democracia e, cada vez, somos menos capaces de controlar o seu exercicio.

Cada cita electoral e cada renacer dun partido debería supoñer unha reflexión sobre o que lle pedimos á sociedade na que vivimos, ecoloxicamente, socialmente, economicamente, laboralmente e culturalmente.

Á volta do verán comezará a precampaña. Programas, promesas, eslóganes e políticos comezarán a tomar forma diante nosa, renacendo pola necesidade de captar o noso interese e, se pode ser, o noso voto, que non é que vala moito, pero algo vale. O número crecente da abstención nas eleccións non é algo que beneficie a ninguén, porque a construción da democracia é un proceso lento e difícil, pero necesario.

Vaiamos aclarando as ideas, tendo claro qué queremos e qué imos pedir a aqueles que durante catro anos gobernarán a nosa terra. Ha ser a mellor forma de conseguir que fagan algo do que necesitamos.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Política coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s