Menos mal que nos queda Menosmal


Daniel López

É que non se pode evitar, éche una cousa que vén de dentro, unha agonía. Unhas ganas imparables de organizar unha movida potente e solicitar a independencia e a inmediata anexión a Islandia, mágoa do mar por medio, ou a Menosmal, país quimérico do que temos infinita nostalxia unha vez que Portugal xa está secuestrado.

Porque o da Meseta é moito. O da hispanidade esta que nos toca padecer é de charanga, pandeireta e zambomba con peineta.  E cheira a podre que alcatrea. Primeiro, despois da que está caendo, hai un xefe do estado ao que non lle abonda con ter un xenro compoñedor de negocios sucios, non, hai que dar confianza ao mundo e, así, cun 45 % de paro xuvenil, aparece cazando elefantes en Botswana seica con dama de compañía.  Un, cero.

Hai máis. Á cuarta autoridade do Estado, o xefe e máximo representante dos xuíces, non lle vai exactamente o de cazar, nin o da acompañanta. O seu é Puerto Banús, a Toxa e un chófer compracente. Porque hai que demostrar ao universo que España está en boas mans, que o sentido da xustiza o impregna todo. E que o representante dos xuíces que instrúen as causas contra os políticos corruptos, pasa elásticos fins de semana sen reparar en gastos, todo a conta de fondos públicos  que lle faltan á sanidade, á investigación e á atención social. Dous, cero.

Suma e segue. Despois está o poder executivo. Goberno tras goberno. A galope do dispendio en época de prosperidade e matando de fame ao aparello produtivo e á economía en época de anemia. Xusto ao revés do que hai que facer. Pero sobre todo, gabinete tras gabinete, color tras color, unha sensación brutal de inoperancia, de ignorancia, de impotencia. Tres, cero.

E aínda máis. Despois poñemos a todo o estado ao borde da bancarrota para salvar un macro banco que se formou doutros pequenos, con balances falseados, todos mal xestionados por amigos e afiliados do partido no poder que agora pide sacrificios e renuncias a traballadores e paradas, mentres ampara ao máximo responsable de calquera investigación que deite luz sobre o asunto.

De verdade, deixádenos marchar. Sodes malísimos. Pésimos colonizadores. Xa abonda de chulería, de fachenda, de incapacidade. Que nos domine, por unha vez, alguén intelixente.

Pois iso, que queremos a anexión a Menosmal, a Nuncaxamais ou a Querquellequer. Tanto nos ten.

Referendo xa!

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Trasno. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s