In memoriam


Traémosvos do arquivo histórico dous textos do noso amigo Bernardo, recentemente finado. Agardamos que gocedes coa súa lectura.

O mal de ollo (O Eco, Irimia nº 582)

Cando era neno contáronme a historia dun cura que estaba moi preocupado porque sempre que collía unha moeda para lla dar a un mendicante esfarelábaselle entre os dedos, facíase po miúdo e, polo tanto, o santo párroco non era quen de facer con xeito unha obra de caridade. Por máis que rezaba non atopaba remedio que lle permitise exercer a súa indubidable xenerosidade. Un dos seus fregueses, que era vello e con moita sorna, repetíalle sibilinamente que a súa doenza era unha rara variedade de mal de ollo, pero non lle explicaba máis. O cura non lle podía facer moito caso a aquelas andrómenas dun vello retranqueiro e supersticioso. Pasou o tempo e, cando estaba a piques de morrer, decatouse de que o seu menosprezado fregués adiviñara con certeza a orixe do seu mal. A cousa era que o bo do cura sempre tratara de dar esmolas cando era observado polo ollo dalgún veciño. Efectivamente, era un mal de ollo algo raro. Contan que aquel coitado curiña puido evitar moito tempo de purgatorio porque, no derradeiro minuto, tivo o tempo xustiño de mandar retirar unha placa que el mesmo mandara poñer, co seu nome, nun muro da igrexa que se erguera co esforzo de tódolos veciños mantidos no anonimato. Esta é unha historia que quedou na miña memoria de neno. Tamén debería dicir que puiden convivir con outro cura que era especialista en non humillar a ninguén coas esmolas que, sen embargo, repartía a cotío. Hai moitas historias de curas, leigos e ateos que aliviaron penas no silencio, pero non se poden contar porque só Deus as coñece enteiras.

Voar pola súa conta (O Eco, Irimia nº 593)

Veño de me atopar co vello amigo Manolo a quen lle bautizara un fillo hai máis de vinte anos. Na cerimonia léralles o agora moi coñecido poema de K. Gibran, referido ós fillos, que se enceta con aquel chocante verso: “os vosos fillos non son vosos… veñen pola vosa mediación, pero non vos pertencen”. Tanto Manolo como a súa compañeira Luísa, ámbolos dous moi sensibles á palabra, pedíronme aquel texto que gardaron e releron moitas veces ata aprendelo de memoria. Cantas veces teño pensado nesas verbas, dicíame o meu amigo hai unha hora, despois de moitos anos sen nos ver. Educamos ó noso fillo o mellor que puidemos e privámonos de moitas cousas para encher a súa vida de oportunidades que el aproveitou axeitadamente, está a piques de ser un enxeñeiro de telecomunicacións e xa ten interesantes propostas dunha empresa galega punteira. Está ben bautizado, comentei cunha pinga de ironía. Nós estamos moi orgullosos del, respondeu Manolo mentres explicaba: o que acontece é que no noso esforzo de educación deixámonos levar polo ambiente de competencia que nos abafa e acabamos transmitíndolle unha actitude calculadora que, inconscientemente, nos invadía tamén a nós. Agora sáenos o rapaz con que está facendo as xestións para se ir de cooperante a non sei que país africano. Está moi ben bautizado, retruquei satisfeito, non se deixou engaiolar coa vosa educación. Nin sequera nos preguntou o noso parecer, dixo o pai entre orgulloso e perplexo. Sempre quixo voar pola súa conta e a nai pasou a vida queixándose do pouco que lle ten comentado das súas decisións. E ti tamén, respondín. Cun aberto sorriso de satisfacción rematou Manolo: non sei se non nos ameigarías cos ensalmos daquel poeta árabe. Eu non pensei nas meigas, máis ben quedei matinando no vello Xosé – dis que era vello – e a moza María tan desgustados por aquel neno que, sen avisalos, deixouse perder no templo. Tampouco lles saíu ben a educación.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Utopía coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s