Irmán nos soños


Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero como todos o coñecemos, escribiu estas sentidas palabras no pasamento do noso amigo e irimego Bernardo García Cendán. Aquí volas deixamos sen máis comentario:

Hai algún tempo non recibo, dos meus correos, a súa cumprida resposta. Son reenvíos de cousas que poden resultar interesantes ou maiormente graciosas, tirando mesmo a irreverentes. El facía o mesmo ou mandaba as súas verbas con textos entrañables, por exemplo no Nadal, a modo de felicitación. Tiñamos ese espazo, ese punto de encontro e tamén de broma. Riamos xuntos tanta parvada que nos envolve e que reflicte a nosa imaxe, nese espello da vida que habita no común e cotián, eido afectivo que minoraba o tempo que pasabamos sen nos ver. Algo non está ben, supuxen, cando non contesta! Quizais anda de viaxe, …non creo. Souben que estaba ingresado, díxomo Rubén. Anoitecín ao sabelo. Fun onda el acompañado de Mato. Collino da man, por un momento pareceu debuxar un sorriso, …de cando un chiste prendía nos ollos. Pero estaba xa moi maliño, ausente practicamente deste noso mundo de angueiras. No rostro a paz feliz do sosego. Si, tranquilo e  coloradiño de cara. Mais, preparando a viaxe do descanso (deixouno dito coas súas palabras: morrer é descansar). Ao saír de alí, desacougado, sentín necesidade de contarme, a min mesmo, desde a impotencia, o que se nos viña enriba na súa ausencia. Escribir para desafogo, como terapia para asumir unha perda así, a dun amigo de verdade que dicía sorrisos de esperanza: cómpre seguir sen derrotarse, o medo paraliza e non nos deixa ver nin sentir. Por iso escribín aquilo:

Aínda estou
na xenreira contida e na dor,
na impotencia de verte
alí calado e mudo, deitado no silencio.
E ao darche a man, sei que perdo
unha man máis, a man amiga,
a man que estivo xenerosa
e me axudaba a erguer a cada intre
das miñas tantas derrotas.
Alí tendido quixen arrolarte cunha breve canción,
con unha anaina doce e suave
como a Lúa de Vilalba, a nosa Matria,
para que durmises tranquilo
abrazando o que soñabas.
Hoxe, Bernardo, quixera ter a verba precisa
para aloumiñarche a orella,
mais sei que hai moitos momentos
nos que sobran as palabras
porque nada din, …xa non din nada!
Por iso chorarei en soidade as miñas bágoas,
mentres nos mires a todos
polas nubes da nostalxia,
facéndonos rir, coma sempre,
o teu sorrir de esperanza
co teu vagar sosegado,
nas lembranzas pola Chaira!

Un día, Bernardo, darasme o poema que fixeches, si hom, …aquel que fala de Vilalba, o que o tes na cabeza desde hai máis de corenta anos. Así mo dicías sempre, cando cho reclamaba. Sei que un día virá nun papel, polos eidos virtuais da nostalxia, e virá voando aquelas brisas cálidas de calquera outono. Unha boa canción, da nosa orixe, ten que estar escrita e musicada por quen somos de alí, …ou non?. Tamén queda pendente gravar os temas das Romaxes, …hai que lembrar e recompilalos nunha gravación. Moitos dos textos son teus (O Credo, A Cantiga das Augas, Peixiño que vés brillando…) e puxémoslles música para seren cantados, para agasallar ás brisas ventureiras, cambiar o aire murcho por alentos de porvir, ese que parece nunca chegar, que tantas veces nos negan os que non cren nun mundo mellor e máis repartido. Urxe, e son  canle da nosa loita. Seguirás chegando tarde e con esa demora que te caracteriza, quizais necesaria para ver desde a lenta perspectiva. Pero virás tamén, co sorriso posto nos beizos, facéndonos cargar as pilas da forza precisa para seguir, para non esquecer, para –xuntos- camiñar e rir, rir sempre e moito, mesmo de nós. Eu sei que virás alentando, co berro seco da irmandade, nesa sede que engaiole arelas, as aínda agachadas pero enchidas de confianza. Esa sede é a forza que nos move, …fervenza para nos mergullar!

Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Utopía coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s